A linguaxe das novas tecnoloxías está demasiado invadida polo idioma inglés. Esta é a idea que expresou o ministro francés de Cooperación e Francofonía, Alain Joyandet, na entrega dos premios Francomot que tivo lugar en París o 30 de marzo. Hai dez anos todos dicían walkman ou software e, porén, na actualidade estes dous termos anglosaxóns foron reemprazados na lingua francesa, con toda naturalidade, por balladeur e logiciel. Trátase, segundo o ministro, de “non deixar que nos gañe a preguiza lingüística”.
Nesta dirección, levouse a cabo o concurso Francomot no que participaron varios centos de mozos e mozas procedentes dos medios universitarios e das grandes escolas para dar coa mellor versión francófona de cinco palabras inglesas moi frecuentemente utilizadas: tuning, chat, buzz, newsletter e talk.Encargouse de decidir os premios un xurado composto por Henriette Martinez (deputada dos Hautes-Alpes e presidenta delegada da Asemblea Parlamentaria da Francofonía), Louis Duvernois (senador de Franceses no Extranxeiro e presidente da Asociación para a Difusión Internacional Francófona de Libros, Obras e Revistas), MC Solar (famoso artista compositor e hábil compoñedor de palabras), Marie-Christine Saragosse (directora xeral de TV5 Monde, a segunda rede mundial de televisión, por detrás de MTV e diante da CNN) e Sapho (famoso artista francés).
A primeira palabra era tuning, traducida pola comisión de terminoloxía por personalización ou sintonización. Os participantes suxeriron termos como autodéco, automotif, autostyle, persauto, persoptmisation e revoiturage. Gañou un mozo de Lyon, Charles Fontaine, propoñendo a palabra bolidage.
Para o segundo termo, chat, traducido pola comisión como diálogo, inventáronse nomes como claverbiage, convel (abreviación de conversación electrónica), cybercommérage, paoptage e toilogue, entre outros. Gañaron ex aequo dous estudiantes de Burdeos, Bilal Benrhayem e Léopold Stéfani, que prsentaron as palabras éblaba e tchatche.
A terceira palabra é buzz, traducida como zumbido. Foron evocadas palabras como actphène, bruip, cancan, écho, échoweb, foin, ibang, potins ou réseaunance, e gañou ramdan, denominación presentada por Elodie Dufour-Merle da Universidade de Aix-Marseille.
A cuarta palabra, newsletter, foi traducida pola comisión como carta de información, e houbo candidatos cos nomes de niouzlettre, plinfo, inforiel, jourriel ou journiel. Gañou infolettre, presentada por Abdrahamane Coulibaly, estudiante da Universidade de Cergy.
A palabra que falta, talk, traducida pola comisión como emisión-debate, recibiu propostas como causerie, parlage, parlotte, discut’, échapar, débadidé, débatel, débafusion, pero o xurado decidiuse por débat, aportado por Mickael Jaffré, alumno de Enxeñería da Escola de Artes e Oficios de París.
Á vista desta información, coido que non estaría mal que os galegos empezásemos a preocuparnos por sacudir a nosa propia preguiza lingüística neste campo. Propoño que aportemos palabras galegas que podan servir para substituirmos nós tamén os cinco vocablos ingleses citados: tuning, chat, buzz, newsletter e talk. Quen se anima? Podemos empezar por estas e seguirmos logo con outros vocablos técnicos ou de uso corrente.
5 comentarios:
E, para que non se diga, aquí van as miñas primeiras propostas:
tuning = carroaxe
chat = charla
buzz = zum
newsletter = ecarta
talk = parla
Nalgúns casos xa se ten avanzado (http://corpus.mancomun.org/xestermos.php) e convén no reinventar a roda.
Reinventar a roda non, pero engrasarlle algo o eixo boa falta faría.
"Tuning" = 'anoseo' (neoloxismo), deverbativo de 'anosar'(voz patrimonial: facer noso); "Chat", podería ser 'leria', co correspondente verbo 'leriar'. "Buzz", como verbo, 'zoar', como substantivo 'zunido'.
O mesmo Anónimo. Tamén podiamos pensar en 'amiñar', (sería un neoloxismo con significado de facer algo meu, co substantivo 'amiño'. Ambas as dúas palabras evocan as existentes: amañar, amaño, canda os pronomes posesivos meu, miña). Ex.: Quero facerlle un amiño ao buga; vou amiñar o buga un pouco. Tamén se podería pensar en ciberleria (para chat); ciberzoar, zunirede; ciberparola (para talk).
Publicar un comentario