sábado, junio 23, 2007

Ferrol a secas



Confeso que admiro a Iolanda Díaz, a política ferrolá de Esquerda Unida que foi quen de aproveitar os erros locais do Bloque para dobrar a súa representación municipal pasándoa de dous a catro concelleiros que non foron máis de milagre. Ela e os seus compañeiros de grupo municipal non ocultaron, no acto de toma de posesión, as simpatías republicanas que defenden contra o vento do monarquismo ciscunstancial que nos sacude e a marea insoportábel de corrección política que nos invade. Que se enovolveran nunha bandeira da República para fotografarse no medio da solemnidade municipal e espesa que acostuma caracterizar as tomas de posesión nos concellos pétame a min na cara coma un refacho no medio dunha raiola de sol.
E tamén me gustou moito ouvirlle dicir a Iolanda que, dende a súas responsabilidades na Área de Cultura do Concello de Ferrol, que lle toca gobernar, vaise ocupar de retirar os símbolos da ditadura franquista que aínda gozan de ostensíbel presenza en instalacións públicas muncipais. Unha delas, nada menos que un escudo preconstitucional perfectamente visíbel na vidreira que hai na entrada principal da Casa do Concello. E a segunda, outro escudo de similares características na bibioteca central da praza de España.
Cando gobernou Ferrol o nacionalista Xaime Bello, home honrado e cabal que non tivo a sorte de dar no cravo en política, a cidade na que naceron Pablo Iglesias, Francisco Franco e tantos outros próceres de todas as tendencias, incluído un traficante de escravos que tén estatua na praza principal do impresionante barrio da Madalena, estremeceuse ao retirar o Concello a estatuta de Franco que había na praza de España. Os gobernantes que había daquela, nacionalistas e socialistas, non tiveron a coraxe política de agarrar a vaca polos cornos. En vez de dicir claramente que querían botar fóra un monumento ao dictador que ocupaba un dos lugares máis visíbeis da cidade, tentaron acubillar a súa acción poñéndoa abeiro da remodelación urbanística iniciada daquela no lugar e que aínda hoxe non está rematada nin se sabe cando nin como rematará.
Aquilo custoulles ao Bloque e ao PSdG-PSOE moreas de críticas e mesmo unha serie de ataques surrealistas que foron emitidos dende unha emisora local de televisión por un carpetovetónico personaxe que pensaba que era o Johnny Carson local e non chegaba nin aos calcaños de José María Carrascal (lémbrase alguén deste último?). A bronca que se armou daquela seina eu ben. Era xefe de Prensa do Concello e vivía na rúa María. Finalmente, a retirada da estatuta de Franco ata a fixeron pola noite e ninguén se atreveu a propoñer que fora fundida para aproveitar o bronce e facer gadaños cos que cavar as leiras da utopía, por exemplo. Limitáronse a trasladala ao Arsenal, onde aínda segue a ser visitada por nostálxicos e curiosos.
Menos fixeron aínda no concello do lado, en Narón, onde un alcalde que vai camiño de durar tanto coma Franco, Xoán Gato, nunca pensou en retirar a estatuta totalmente kitsch do ditador que había nunha rotonda e tiveron que ser os rapaces de Nós os que a botaron abaixo. Por certo, esta xente de Nós será o que sexa, pero o labor de hixiene política que levaron a cabo nesta dirección é impagábel para calquera demócrata de corazón limpo.
Como vai ser impagábel que Iolanda Díaz cumpra a súa promesa e deixe Ferrol libre da simboloxía do franquismo. Que sexa a cidade que non é de Franco nin de Pablo Iglesias nin de niguén. Ferrol a secas. Saúde, amiga.

No hay comentarios: