viernes, junio 22, 2007
Ideas grandiosas
Galicia? Galiza? E por que non Falicia, que vén de falo? En vez de burocracia, partitocracia e aristocracia, que é do que agora hai moito, pois falocracia e a vivir, que son dous días. Pero non teremos maiores problemas os que non chegamos ao día 15 de cada mes sen termos dificultades para que nos carguen na conta bancaria os recibos domiciliados? Serán galicianos, galizanos ou falicianos –o de fálicos é outra cousa– a maior parte dos case 50.000 doentes do Sergas que agardan en lista de espera ser chamados para que lles fagan unha operación? Que xentilicio merecerán as fochas da estrada que xunta a porta da miña casa coa vila de Bertamiráns? Que serán os paisanos de O Cubelo e A Armada, no concello de Oroso, a tiro de pedra da catedral de Santiago, que teñen unha luz eléctrica coa que se prenden o motor do pozo apágaselles o televisor. E o parque industrial de Merelle, en Ordes, recentemente visitado polo conselleiro de Innovación e Industria, no que tampouco hai suministro eléctrico abondo nin acceso a Internet, estará en Galicia, en Galiza ou en Falicia?
O que sen dúbida está nos tres sitios, porque debe ser algo así como o misterio da Trindade, é a grandeza de miras dos nosos gobernantes. A Manuel Fraga Iribarne vendéronlle a moto de que había petróleo na desembocadura do Miño e el comprouna tan campante. O malo é que a mula era renga e non valeu nin para ir con ela á feira de Monterroso. Iso si, o contribuínte pagou por ela unha boa porrada de pesetas daquela época.
Agora a Touriño quérenlle vender un satélite de comunicacións de órbita tan baixa que pode rematar esmochando o pico Sacro nunha saída do sol no solsticio de verán do próximo Ano Santo. Honorato López Isla, vicepresidente de Fenosa, con Xosé Luís Méndez, de Caixagalicia, o ladrilleiro Manuel Jove e algún máis, todos en nome da chamada Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, visitaron o presidente da Xunta para que autorizase unha análise de viabilidade da posta en marcha dun satélite de comunicacións propio. Evidentemente, Touriño deu luz verde e ata verde esmeralda á proposta en canto lle ouvíu dicir a López Isla que “as ideas teñen que ser grandiosas”.
Grandiosas non sei, pero polémicas tardaron pouco en selo. Dende a propia Consellaría de Innovación e Industria da Xunta (esta vez de Galiza) adiantáronse a poñer en solfa idea tan gradiosa, e un experto en satélites da Universidade de Vigo, Enriquez Sánchez, consultado pola edición galega de El País, foi lapidario opinando sobre este asunto: “A idea é mala, é cara, é inviábel e non tén sentido; ocúrrenseme 40.000 formas de solucionar o problema da banda ancha en Galicia e ningunha é lanzar un satélite de órbita baixa”.
Como ben informa hoxe Manuel V. Sola en El País, os satélites de órbita baixa serven para obter información mediante cámaras ou radares. A mairoría deles son usados polos exércitos para facer barridos de observación, e ninguén utiliza estes aparellos para difundir Internet, telefonía ou televisión debido a que se precisaría por en marcha un bo número deles para cubrir unha zona coma de Galicia. O que lle propuxeron a Touriño custaría entre 100 e 300 millóns de euros dependendo de se trata dun sinxelo satlélite de órbita baixa ou dun satélite de órbita xeoestacionaria. Habería mesmo un problema de permisos de órbita e lanzamento para este proxectado satélite que non podería ser construído en Galicia senón que só unha das catro multinacionais deste negocio (Matra, Alcatel, Astrium ou Space System) podería facelo.
Se ben é verdade que algo hai que facer para que os máis de 300.000 galegos que aínda non teñen a posibilidade de acceder a Internet, por viviren lonxe das liñas telefónicas e das fibras ópticas, non é menos certo que a idea que lle queren colocar a Touriño non deixa de ser algo como os pozos de petróleo que ía descubrir Fraga fronte á costa sur galega. Os expertos din que, en vez destas pailocadas, o que hai que facer é extender os accesos sen cable mediante a tecnoloxía Wifi e as antenas de telefonía móvil. Por dicilo pronto, que xa temos a serpe do verán do 2007. Satélite galego en órbita. Viva Falicia ceibe e socialista!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
3 comentarios:
pois eu estou de acordo coa idea do estudio de viabilidade:
1)neste momento hai 5.000 satelites en orbita, e pódese por un satélite por menos de 100M€ en orbita
2) o do wifi para solucionar o problema da banda ampla e simplemente unha estupidez de indocumentados (acaso queremos 2.000 "A Estradas Dixitail" por toda galicia? sería aínda mais caro que o satélite
3) os satélites cada vez mais usanse en conxunción con estacións de terra, como os emprazamentos de retegal, e nos países asíaticos con problemas de "dispersión da poboación" (sóame a algo) son a solución estandard
4) o tipo de orbita o debe dicir o estudo de viabilidade
pero aqui somos todo expertos
Pois que lles dean aos Satélites. Mágoa que non poda cantar Pucho Boedo, pero poden poñer a Paco Lodeiro e así irá Suso Iglesias coa súa telegaitabis. Será por pasodobres, digo alalás? E que non falten bandas anchas, amplas ou barrigudas. O caso é seguir a batuta. Quen vai dirixir agora a banda? Fenosa? Caixagalicia? Quen?
Vexamos, querido anónimo que fixo o "Prime":
"O tipo de órbita" está clarísimo para calquera diletante da exploración espacial: se é un tipo de órbita baixa, o satélite non pode ser xeosincrónico, e xa que logo non poderá dar servizo máis ca dez minutos cada `par de horas. É obvio.
Outra cousa, ao abeiro desta idea e máis barata, é a dos globos estratosféricos de telecomunicacións. Máis baratos, perfectamente asumíbeis por parte de construtores galegos, e máis doados de poñer no seu sitio... pero aínda non están operativos, aínda que se leva tempo xogando coa idea... Se cadra podería ser Galiza pioneira neste sector... ¿Porqué non?
Publicar un comentario