sábado, junio 30, 2007
Ideas e corazón, á esquerda. Carteira, á dereita
"Eu teño o corazón e as ideas á esquerda". Palabras –parole, parole– de Xosé López Orozco, alcalde de Lugo pronunciadas ao remate dunha sesión plenaria do Concello que preside na que el e os restantes membros do grupo socialista votaron cos representantes do PP o reparto das adicacións exclusivas dos membros da Corporación. Orozco terá as ideas e o corazón á esquerda, pero a carteira lévaa no lado dereito da chaqueta. No seu caso pódese dicir que de amiguiños máis ben pouco cos do Bloque, pero a vaquiña polo que vale.
Realmente o panorama da política municipal empeza a ser abracadrabante. Produce sorpresa, confusión ou pasmo. E non só a municipal. As altas esferas (Touriño, Quintana, Varela, Jorquera...) lograron con dificultade parir os montes co resultado dunha criatura chamada Acordo e apelidada Marco que, namais porse a andar, embarranca en lamas e xunqueiras que se non lle tronzaron a súa efímera vida xa lle romperon as pernas polo menos en Lugo e Pontevedra. Podiamos esperar case todos que os atrancos foran moi difíciles na Coruña e tamén en Lugo. Despois do longuísimo reinado absolutista de Paco I o Vaticanista, non resultaba difícil imaxinar que entrara polo noroeste un fresco xeral que dominara polo menos ata Betanzos. Mesmo se podía calcular que Orozco ía resistirse a desmontar o consulado que estabreceu en Lugo nos últimos anos. Pero quen podía pensar que Xavier Losada fose o primeiro socialista en acatar o acordo marco, que o cónsul lugués chegase ata a declaración da república das murallas ou que o pontevedrés Lores non fora quen de sacar a bailar a Tereixa Pedrosa? Polo menos a miña imaxinación non chegaba a tanto.
Eu tampouco imaxinaba a Rafael Mouzo creándolle ao Bloque en Corcubión o problema que lle creou. Nin a componenda que lles montou aos nacionalistas en Muros un recén chegado que tal como encabezou a lista de Quintana puido porse á fronte da de Núñez Feixóo sen que se lle descarrilara a silla de rodas. Contra o que quizais compría agardar, a vida municipal galega aínda ha dar moito que falar durante os catro anos que acaban de comenzar.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Orozco é un pesado e un plasta, como dice miña nai.
O que lle pasa a Orozco, sería o mesmiño que lle tería pasado a Paco Vázquez se se presenta en estas e non gaña por mayoría.
Ademáis de non facer absolutamente nada -e non son dos non por que sí- faise o víctima do BNG para seguir gobernando como fai unhos meses nos que facía e desfacía o seu antoxo.
Unha mostra é que dos casi cincocentos funcionarios que ten o Concello, ningún -agás 2 ou 3- lle votaron o que significa ben as claras que se lle subiu o cargo a cocorota e non se explica como lle puido pasar que os cidadáns de Lugo, lle déramos as costas - do Parque nunca mellor dito-.
No me extrañaría nada que se fixera un cambio de sexo e se fora para Madrid detrás de Blanquito ou para o Senado con Cacharro.
Por outra tamén habería que dicir que vaia putada lles faría os do BNG, se os mete no Goberno, e non poden facer o que prometeron, o das Gándaras, as reformas do PXOM, o das Costas do Parque, ou seña que tamén estes teñen bastante que rillar.
Publicar un comentario