viernes, noviembre 16, 2007

A mosca na orella



Interesantes as dúas comparecen-
cias que tiveron lugar hoxe diante da comisión investigadora da Cidade da Cultura. Xosé Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía e Facenda, aportou unha dose de sensatez política e mesura xestionaria que non sobrou precisamente no resto das sesións desenvolvidas ata agora. Tomouse a molestia de comparecer documentado, metódico e atento ao que lle puideran preguntar e, dentro do que é habitual, pódese dicir que respondeu moito máis concretamente ca ninguén ás preguntas que lle fixeron. Igual lle pasou a Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, ata que no remate da súa intervención case perdeu os nervos e estivo a piques de caer nun perezvarelismo de coidar que o que non está comigo está contra min que lle puido resultar pernicioso. Só así se entende a desabrida reacción que tivo co voceiro do PP cando se lle acercou a saudala, no remate da sesión, e ela lle preguntou se ía para que lle fixeran a foto.
Hai que recoñecer que López Chaves é o que se di unha mosca na orella do que estea a piques de dormir a siesta. Ás veces pode resultar insoporrtábel, case pepitogrilo, mesmo chocalleiro, pero non é menos certo que mostrou no desenvolvemento desta comisión un alto e apreciábel nivel de de dialéctica buscadora das constradiccións e dos lados escuros da verdade e da mentira e, polo tanto, imprescindíbeis para calquera proceso investigador dunha realidade. López-Chaves soubo facer de Sherlock Homes na segunda parte das sesións da comisión da Cidade da Cultura. Algo no que tamén acertaron varias veces, na primeira parte, os voceiros do Bloque, Carlos Aymerich, e do PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga.
En calquera caso, tanto Fernández Antonio como Ánxela Bugallo, deixaron un listón abondo alto como para que Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño, últimos comparecentes da comisión que declararán a semana que vén, non acudan ao pazo do Hórreo pensando que que só lles queda dicir que fica inaugurado este encoro. O que digan ou, mellor aínda, o que lles fagan dicir, pode resultar moi importante.