jueves, noviembre 08, 2007
De Aníbal a Obelix
Se cadra é verdade aquilo que sempre diciamos os da miña xeneración de que na oposición é moito máis doado parecer máis guapo, máis listo e ata iso que agora puxo de moda o publicitario Miguel Conde de ser riquiño. Polo menos algo disto é o que lle pasou hoxe a Ignacio Xavier López-Chaves Castro facendo de Sherlock Holmes na comisión parlamentaria de investigación do que está a pasar coa Cidade da Cultura.
Logo do paseo triunfal que lle deixaron dar a Fraga o xoves botando man da súa sabedoría de enciclopedia para agocharse na metáfora de Fernando VI e Bárbara de Braganza ou nos soños que son soños de Quevedo, as comparecencias de Elías Suárez González, director xeral financeiro da Fundación Cidade da Cultura, e de Francisco Carracedo Doce, director xerente da mesma institución, non tiveron nada que ver coa literatura nin coa historia e si moita relación coa técnica interrogatoria dos policías e fiscais dos telefilmes americáns. López-Chaves fixo de Holmes, nalgún momento ata con brillantez, e Aymerich e Leicega a penas acertaron a faceren de meritorios dun gabinete do que antes se chamaba abogados do Estado.
E a quen lle caeu a china no ollo foi ao pintoresco personaxe que parece ser Elías Suárez, curioso self-made-man que presenta un currículo que se fose un cargo nomeado polo PP xa tería saído en máis dun medio de comunicación de fóra de Galicia. Digo eu que podería ser en Intervíu, en La Clave, en Tiempo ou polo menos nese Liberation de andar pola casa que se chama Público.
A este homiño que case non se lle pode escoitar nada do que fala, a dereita galega negoulle hoxe o pan, o sal e case o dereito a respirar, pero a verdade é que el tampouco se dá moito a valer. Mediante unha aparente frialdade británica, seguramente pensando en que os que ladran o que fan é deixarlle cabalgar, Elías Suárez fixo como a maior parte dos que comparecen nesta comisión e non se dignou nin sequera alporizarse, aínda que fose só un chisco, cando lle lembraron que foi expedientado por suposto acoso moral a unha empleada da Universiade de Santiago mentres que el ocupaba unha praza laboral nesta institución. Será, como el se esforzou en aparentar, un bregado home das contas, pero o que non é, dende logo, é un bo falador de galego por moito que sexa do Bloque. Escoitalo pronunciar os seus repetidos tempos compostos españoleiros (hemos feito, hemos etc.) ben podería darlle arrepío a Francisco Rodríguez.
Foi moi diferente a atitude e o aporte de Francisco Carracedo durante a súa comparecencia. Se Elías Suárez rematou contra as cordas case tanto como lle pasou a Pérez Varela o outro día, o director xerente da Cidade da Cultura nomeado pola conselleira Ánxela Bugallo non só non se deixou acurralar senón que ata logrou por en evidencia a animosidade da que foi obxecto algunha vez por parte do investigador do Partido Popular. Carracedo se cadra aínda non demostrou que pode ser un xerente da pirámide do Gaiás mellor co cuñado de Mariano Rajoy, pero o seu paso pola comisión fixo ver que se trata dun político xestor que non tén paxariños na cabeza. Seguramente sería bo que houbera máis coma el, mentres non se demostre o contrario polo menos.
En fin, que rematou o paso de Aníbal polos Alpes e comenzou o cruzamento de Obelix polo Ródano. Dos investigados do PP aos investigados do BNG e do PSOE. Como novidade, a petición da Xunta de incorporar á comisión determinadas e supostas probas audiovisuais que parecen comprometer –unha vez máis– a Pérez Varela. O PP pregunta, seguramente con algo de razón, por que aparecen agora e non antes estas probas que, por certo, xa foron filtradas antes á Cadena Ser. Animouse outra vez o cotarro, e ata pode ser interesante ver que dan de si as futuras comparecencias de Touriño, Quintana, Ánxela Bugallo e os que faltan por pasar polo pazo do Hórreo. Sen contar con que pode chegar a darse o caso, como apuntou hoxe Leiceaga, de que alguen pida que se volva a abrir un unha nova quenda de comparecencias. Esa si que sería boa quizais.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Sobre as valoracións que fai o noso director a respecto da comparecencia de Elías Suárez, non podo decir nada porque non escoitei nen vin nada, só un par de comentarios no bus.
Pero sobre Elías sí podo falar. Primeiro, foi él que solicitou a apertura de expediente ante os rumores que viñan circulando pola universidade sobre o acoso laboral que decía ter sufrido unha traballadora.
Repito: él solicitou na xerencia da USC que lle abriran expedente informativo.
De aí tirouse outro expediente, cousa anómala xa que dun expedente aberto e non resolto non se poden tirar conclusións definitivas, amén de conculcar a confidencialidade da información que se estaba a recoller.
Sobre o terceiro expedente nada sei, e por iso calo.
Pois ben, qué pasou cos expedentes?. Alguén sabe qué pasou: pois nada, están arquivados, e ben arquivados. Pregunten na Facultade de Dereito ao profesor que formou parte do tribunal que resolveu un expedente e que ten un apelido basco, o mesmo apelido dun xogador en tempor do Atlético de Madrid: xúrolle, señor director, que se falara das autoridades académicas de entón, sacaría vostede bastante zume para este blog...
Da denuncia interposta na xustiza ordinaria sobre o suposto acoso laboral que este traballor realizou sobre unha traballadora, decir que a traballadora en cuestión era familiar do señor Reitor actual, Senén Barro e que estaba contratada interinamente na USC (non sei agora se xa é fixa...).
Resultado do proceso xudicial: nada, nada en contra de Elías, nada de nada. Con sentencia firme xa. Nada de nada.
Ou sexa que o señor ese do PP, que seica atacou a Elías por aí, debería saber que ir ao xulgado non significa necesariamente resultar acusado, como ben podería comprobar na nómina de cargos do PP que pasan cada trimestre a declarar.
E ademáis, unha cousa: os políticos están aforados, é decir, non poden ser xulgados se os seus colégas de cámara parlamentar non botan a prol do procesamento, ou sexa, son diferentes a estes efetos do resto dos mortais, ergo, poden largar e largar con pilas Duracell na case completa seguridade de que a xustiza civil vai ser moito difícil que lle poña a man enrriba por pasarse, por faltar á verdade, etc.
Quere isto decir que o señor ese do PP debería renunciar a súa condición de aforado e defender as súas teses en igualdade de condicións ca Elías ou ca mín, se se dera o caso.
É moito fácil enmerdar aos demáis sabendo que non che vai un caer nengún corretivo.
Publicar un comentario