Logo do delirante espectáculo que nos deron en Boiro coa repugnante agresión da que foi obxecto un menor de idade por parte doutro menor de idade e a participación dun menor máis na gravación da malleira mediante a cámara incorporada a un telefono móvil, debería poderse pensar que iamos pasar polo menos unha semana sen sufrirmos algún sobresalto máis.
Pois non, infórmanos La Voz de Galicia hoxe que algunha variante de desalmados cazadores andan envelenando cans e raposos por terras ourensanas de Oimbra. Esta mesma mostra de civilización actual rexistrouse hai poucas semanas pola serra de Outes e, se vostede lle dá as teclas de buscar cans envelenados en Google, corre o risco de ficar abraiado por pouco sensíbel que se mostre cara a este problema.
Preto de Boiro, en Aguiño, houbo un animal dos que andan a dúas patas que se fixo famoso por mallar no seu pobre pastor alemán como se fora un fole cheo de pulgas. E agora cóntanos El Correo Gallego, na súa edición de hoxe, que en Ribeira circulan videos nos que unha rapaza menor de idade tamén lle dá unha malleira a outra igualmente menor ou que outra mociña, tamén menor, fai strip-tease seguindo o ritmo dunha suposta peza musical titulada Baila morena. E conste que, entre dar malleiras e envelenar cans, o de espirse diante dunha cámara ata poderia ter algo de sublime.
E, andando nestas, vennos o columnista de La Voz de Galicia que vai de bar en bar, Xosé Carlos Caneiro, chamándolles "canallas" aos que “comercian coa inocencia ou coa falta de conciencia”, o que non deixa de ser unha exquisita maneira de matar outra vez o mensaxeiro. Coincide nisto co alcalde de Boiro, Xosé Deira, que non é do PP precisamente, senón do Bloque, e que non lle botou a culpa do lamentábel suceso de Escarabote a ningunha forma de fracaso escolar, familiar ou social senón a un fato de desaprensivos xornalistas que ata pagaron por averiguar o que pasou.
Pero iso si, estou de acordo con algo do que escribe Caneiro no remate do seu artículo cando di que “convén sinalar que deste lado hai xente. Os imprescindibles, que diría Brecht. Os que pensan que o ser humano aínda non está derrotado. Os que anotan, con coraxe, a última palabra desta columna: ¡Canallas!”. Terá razon. Deste lado seguramente está Inko von Wolfshang, un can pastor alemán da Policía española que agora traballa na Coruña, pero que antes prestou servizos tan importantes como detectar o zulo de Morata de Tajuña onde estiveron almacenados os explosivos utilizados para cometer a masacre do 11-M (ver noticia en La Voz) Os demais, polo de agora, parece que nos limitamos a vivirmos como galegos. A sermos “riquiños”, vaia.
1 comentario:
Non sei de lóxica, nin de cómo se organizan os procesos de implicación. Pero podemos plantexar o problema, preguntándonos que si B benefíciase de A, e C benefíciase de B, ¿C benefíciase de A?. Por que si é así podémonos atopar coa cuadratura do círculo. Non sei si Caneiro sería obxecto da súa propia crítica.
Publicar un comentario