martes, noviembre 13, 2007

Vendaval real


A Monarquía española segue estando enriba do estaribel. Nun martes 13 como o de hoxe, orixinou dúas noticias singificativas. Por un lado, o xuíz do penal da Audiencia Nacional Xosé María Vázquez Honrubia condenou a unha multa de 3.000 euros a cada un dos dous humoristas do semanario satírico El Jueves Guillermo Torres e Manel Fontdevila, por un delito de inxurias ao Príncipe cometido pola caricatura que lle fixeron a el e á súa muller representándoos en acto de unírense sexualmente.
Por outro, a Casa Real deu a coñecer a noticia de que a Infanta Elena e Xaime de Marichalar acordaron o “cesamento temporal da súa convivencia matrimonial”, que debe ser a nova maneira monárquica de avisar de que se rompe un matrimonio.
Non amaina, polo que se ve, o vendaval do Rei. Recén chegado do seu desencontro escandaloso con Hugo Chávez en Santiago de Chile, agora a separación da filla e unha volta máis de rosca no asunto da caritura principesca de El Jueves. Hai martes e 13 que deberían ser borrados do calendario mesmo para os reis.