Os actuais xerifaltes da cultura orgánica galega esquecéronse de convidarme ao acto oficial da entrega dos premios nacionais de cultura, e non saben eles canto lles agradezo a descortesía porque así non tiven que pensar moito o que tiña qu facer o sábado pasado pola noite. Mellor dito, non ía pensalo nada porque dende o principio tiña eu ben clariño que a onde quería ir era á homenaxe que lle rendemos máis de duascentas persoas de diversa inspiración política e intectual ao histórico do nacionalismo de esquerdas Lois Gonçales Blasco O Foz.
O homenaxeado merecía de sobra que lle fixeramos a festa simpática e entrañábel á que asistimos no salón de actos do Instituto Xelmírez de Santiago e na cea que tivo lugar no Auditorio da mesma cidade. Animaron o acto as voces e a música de Miro Casabella, A Quenlla, Uxía e Tino Vaz. Nunca escoitara eu cantar a Vaz e sorprendeume moi gratamente a voz e o estilo deste novo valor da canción galega.
A ocasión foi, ademais, propicia para que nos saudáramos vellos amigos e coñecidos (Sanxoás, Campoi, García Bodaño, Euloxio Ruibal, Encarna Otero, Suso Vega, Lois Celeiro, Luís Pousa, Arturo Reguera e moitos máis) que nos atopamos xuntos menos veces das que nos gustaría seguramente. Polo menos eu notei a ausencia de Ferrín, aínda que mandou un poema de homeanaxe a Foz. Seguramente a súa non preseza física tería algo que ver con que no mesmo día foi un dos que recibiron o premio nacional de cultura. De Bretaña veu Hervé Grall (UDB) e de Irlanda Eoin O’Murchu, firmantes con Foz da histórica Carta de Brest.
Na mente e no sentimento de todos estivo a ausencia, por doenza grave, do psiquiatra Ramón Muntxaraz, un dos que máis contribuíu a que esta homenaxe fose levada a cabo.
3 comentarios:
Home, don Perfeuto, se tan amigo é de Foz xa podía poñer unha foto na que saise máis favorecido. Unha de primeirísimo plano, por exemplo.
Acredito, como diría Foz, no comentario do personaxe de López.
Ese pequeno é moito home.
Obrigado, meus. López e anónimo estám-se a passar.
Publicar un comentario