miércoles, abril 08, 2009

Feijóo tropeza antes de porse a andar

Mal está empezando o que ía ser o rexenerador da vida pública galega, Alberto Núñez Feijóo. Se é verdade o que indica o conselleiro en funcións da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, e que hoxe publica El País, o caso de Agustín Hernández “está flagrantemente incurso” na Lei de Incompatibilidades de 1996.
Romeu mesmo mandou que se abrira un expediente informativo para determinar as responsabilidades de Hernández, candidato de Feijóo para desempeñar o cargo de conselleiro de Política Territorial, en relación á fichaxe da que foi obxecto por parte das empresas Puentes y Calzada e Secoysa despois de terlles adxudicado contratos por valor de 30 millóns de euros. Estas presuntas incompatibilidades son anteriores ao decreto que aprobou o bipartito endurecendo as condicións nas que os altos cargos públicos poden incorporarse ás actividades privadas do mesmo sector, pero os aínda responsábeis da Consellería de Presidencia sosteñen que a lei de 1996 xa vetaba o ingreso que levou a cabo Agustín Hernández nas citadas empresas. Se a Hernández se lle aplicase o artigo 3.5 da lei en vigor, estaría incurso nunha responsabilidade grave ou moi grave que podería levar parella unha inhabilitación comprendida entre tres e cinco anos.
A empresa Puentes y Calzada contratouno en setembro de 2006, quince meses despois de que Política Territorial, consellería na que desempeñaba o cargo de director xeral de Obras Públicas, lle adxudicase o 30 por cento da construcción e explotración por 30 anos da Autoestrada do Salnés. Só dous meses despois de deixar a Consellería, na que estivo ás ordes de Xosé Cuíña primeiro e do propio Núñez Feijóo despois, Hernández xa se incorporou á empresa Sercoysa, á que lle adxudicara dende a Consellería a realización dunha vía alternativa en Ponte da Barca por importe de 106.514 euros. Entre 2003 e 2004, Sercoysa recibiu encargos por valor de 1,2 millóns de euros.
Segundo o voceiro parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, Agustín Hernández tén “intereses claros e recoñecidos con importantes empresas relacionadas coa construcción” que resultan contraditorios coa defensa dos intereses xerais.
Eis, pois, o rexenerador rexenerábel. Feijóo empezou escandalizándose de que Touriño comprase cadeiras de 2.000 euros e coches de luxo de 480.000, mentres ocultaba que el andaba en coches regalados pola multinacional francesa Citröen. Dixo montes e moreas de mellorar a vida pública e racionalizar os custos da Administración. E agora, quen vai rexenerar o rexenerador?

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois que o rexenere Baltar, por exemplo. Ou que lle dea un cursiño de ética o fillo de Cuíña. Se cadra ata lle abondaba con que lle contase Fernando Blanco como amañou o concurso eólico. Ou como desigualou Quintana a igualdade. Bo rexenerador será o que os rexenere a todos eles. Incluído Pachi Vázquez.

Anónimo dijo...

O caso é que o de mirar de esguello dáselles moi ben a algúns alcaldes que levaban moitos anos mamando da teta da deputación cacharrista en Lugo e pasaron a agachar as orellas cando a nova deputación democrática de Lugo tivo a ben tratalos en pé de igualdade cos demáis concellos que tiñan cometido o sacrilexio de elixir corporacións socialistas ou nacionalistas.
O caso é que nalgunhas reunións criticaban e esbardallaban contra a nova situación na provincia e agora amenazan veladamente a estes concellos roxos do que lles vai pasar ao petar nas portas das consellerías da nova Xunta. Cecais a amenaza non é tan velada, é clara e directa.
Hai actitudes que esta dereita rancia e retrógrada que temos en Galicia, que non acepta a democracia salvo que lles dea o goberno, que denigran actitudes dos gobernos de esquerdas que alaban como naturais e razonables nos gobernos da dereita.
As duas varas de medir é a divisa desta dereita que nos vai gobernar, lamentablemente son varas que quedan daquel fatado de varas que formaban as flechas encima do xugo.