lunes, abril 20, 2009

O ourela negra de Feijóo

Se a esperanza branca da gobernanza de Feijóo pode estar no novo conselleiro de Cultura, a ourela negra (lémbranse daquela canción?) vai ser delimitada polo enxenñeiro de camiños Agustín Hernández, titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura, ex do goberno de Fraga, ex das empresas Sercoysa e Grupo Puentes e personaxe que accede ao goberno baixo a sospeita lanzada pola oposición de ter incorrido en incompatibilidades.
O que non se lle pode negar a Hernández é valor. Chegando ao goberno como chega, baixo a sospeita de ser o gurú dos intereses dos empresarios de obras públicas que actúan en Galicia, hai que ter os congojos no seu sitio para asumir dende a mesma cadeira o goberno de tantas e tan importantes competencias como a ordenación territorial, a vivenda, as infraestruras e, de paso, o medio ambiente. Habería que saber que uso fai agora Xosé Luís Baltar das metáforas que tanto lle gustan acerca do raposo gardián do galiñeiro ou do rato que fai de segurata do queixo.
A decisión tomada por Feijóo de centralizar nun único departamento tamañas competecias, a cargo dun enxeñeiro que sen dúbida sabe máis de resistencia de materiais e cotas de inclinación do terreo que de bioloxía e de ecoloxía, seguramente só atopa explicación na necesidade que tivo o líder do PPdeG de compracer o grande empresariado galego que tanto lle axudou a cambiar o Audi por un Citröen. Co paso do tempo veremos se o sucesor de Touriño é ou non refén dos xenerais que comandan as brigadas de bulgdóceres, pero de entrada canta moito que lle encomenden a salvación das augas, da fauna e da paisaxe galegas a quen vai ter moito interés en que se extendan o cemento e o alcatrán. Aínda non dixeron nada os ecoloxistas, pero seguramente tardan pouco en abrir a boca.
No relativo ao resto do goberno, sigo pensando que está composto por “peeneenes”, pero tamén era desta condición o primeiro goberno de Adolfo Suárez e contribuiu enormemente a implantar a democracia en España. Eso si, os de Feijóo son “peeneenes” con moitas matrículas de honra. Por exemplo, Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda, agora sen Economía. Coma Manuel Fraga, é número un de cantas oposisicións se presentou, que son varias. A última que gañou foi contra Margarita Rodríguez Rama, apoiada por Xosé Antonio Orza para ocupar a Consellería. Ten sona de independente e ata debe selo porque foi directora xeral no bipartito perdedor das eleccións e tivo que dimitir, segundo algunha versión antes de que lle chegase o cesamento que lle tiñan preparado.
Hai algún conselleiro que fixo figurar no seu currículo o feito de representar en España a marca da roupa que viste o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, e, na súa maioría, son xente que milita no PP e se formou política e administrativamente nos gobernos de Fraga e José María Aznar. Segundo escribiu Domingos Sampedro, cronista político de La Voz de Galicia, tamén hai un conselleiro que "mostra abertamente a súa condición homosexual", precisamente o de Educación. Anda que non ía armala a dereita española se a Zapatero ou a Touriño se lles ocorrise un nomeamento tan avanzado. Serán os mellores que atopou Alberto Núñez Feijóo, pero agora han ter que pasar a reválida todos.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

ADEGA xa publicou a súa opinión:
www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=1305&Itemid=2

Touceda dijo...

Con cantos catedráticos de Santiago se entrevistou Feijóo para ofrecerlles que aceptaran cargos na Xunta e cantos lle dixero que naranjas de la China? Cantos deles lle rceomendaron determinados nomes que agora forman parte do seu staff? Non PP xa hai quen está pensando que, a próxima vez, que mande á Currás e ao Fariña a recolleitar votos. A Feijóo halle acabar pasando o que lle pasou a Touriño cos seus amigos da Universidade. Só é cuestión de tempo. Por exemplo, admito apostas; canto tardará a conselleira de Facenda en ter que dimitir?

Carqueixa dijo...

Mire, don Perfeuto, aquí en Ourense todos aqueles que tratan a Jesús Vazquez sabemos dende hai tempo, porque el nunca o negou, cales son as súas preferencias no seu eido sentimental, e tamén sabemos da súa preparación e da súa capacidade de traballo e da súa honradez que élle dabondo.
Xa me gustaría a min que todos os profesores que hai no campus de Ourense tivesen a metade da profesionalidade e capacidade de traballo que ten Jesús Vázquez.
E todo isto dillo alguén que sempre vota e votou en contra do PP.

Perfecto Conde dijo...

Mire don Carqueixa, aí en Ourense saberán todo o que qeiran saber que para iso din vostedes que son a Atenas de Galicia, pero eu o que me pregunto e que dirá Baltar se o novo conselleiro se fixa nel. Lémbrolle o que dixo de Pachi Vázquez.
Polo demais, nin quero nin son eu capaz de xulgar os méritos académicos deste señor. Non sei o que lle pode faltar de Séneca nin o que lle pode sobrar de Juan de Mairena. Nin sequera me interesa case nada. Pero o currículo é o currículo, e a UNED non é a Sorbona, nin é Harvard, nin é a herdeira do Colexio de Fonseca. Agora ben, se vostede di que este egrexio descoñecido do mundo educativo galego pode ser o noso Aristóteles, haberá que crerllo.Só falta agora que canten os feitos. Para empezar, gustoume que non fose un dos tres conselleiros que se expresaron en castelán cando fixeron as súas primeiras declaracións

CNT Compostela dijo...

A Federación Local de Compostela da CNT prega-lle a difusión no seu medio desta nota informativa ao tempo que agradece a súa amabilidade.

O señor Núñez Feijoo remata de nomear o seu novo governo autonómico.
Forman parte do mesmo dúas persoas para as que hoxe a CNT quere ter unha lembranza.
Cando se producíu a traxedia do Prestige en 2002, Beatriz Otero Mato, Conselleira de Traballo e Benestar, e Rosa María Quintana Carballo, Conselleira de Mar, desenvolvían tarefas de calado político no governo de Manuel Fraga; concretamente, a primeira era Delegada Territorial da Consellería de Pesca na Coruña e a segunda estaba destinada na Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Mentres as costas ían mudando de aspeto baixo un manto de chapapote; mentres as primeiras persoas baixaban a pe de obra a quitar coas súas próprias mans o chapapote; mentres comezaba a orgaizar-se de xeito horizontal e sen participación das autoridades autonómicas a resposta á catástrofe e mentres comezaban a chegar autobuses de xentes do País e máis de cidades moi lonxe da Galiza para axudar-nos tirar chapapote fóra do mar, as actuais señoras Conselleiras de Núñez Feijoo cobraban dietas polo amplo conceito de ?reunións varias?, por xantar fóra da casa e por ?visitar? en coche oficial (un Critroen, naturalmente) as zonas afetadas: 784,32 e 732,04 euros, respectivamente, apañaron as novas Conselleiras, según certificacións oficiais asinadas polo Secretario Xeral da Consellería de Pesca os días 2 e 3 de decembro de 2002.
E non descartamos que haxa máis cobros.

Demos, eis, a benvida nada oficial a Beatriz e a Rosa María, todo un exemplo de cómo se pode facer caixa no canto de facer fronte a unha desgracia.

Anónimo dijo...

Jesús, María y José que nombramientos! El de Educación, por ejemplo. Xa sabemos por que fallou Touriño. Por non poñer a Zerolo a organizar as clases de Cidadanía. Pensar que imos botar de menos a Laura Sánchez...

Anónimo dijo...

Don Aguastín –chamábanlle así cando estivo en Augas de Galicia– claro que ha dar moito –e mal– que falar. Hase ver como administra todo o gran poder que lle encomendou Feijóo. Dificilmente poderá quitar de enriba súa a imaxe de admnistrador da patronal que foi labrando ao longo da súa vida. Lería xa o informe de Greenpeace sobre a costa galega?

Tucho de Canido dijo...

Anónimo 1: o de Adega xa cheira máis a doutrina que a opinión.

Anónimo 2: o seu fede a homofobia; porén pareceme moi respectable o seu fruir por dona Laura Sánchez Piñón.

Anónimo 3: Supoño que lle merecerá máis creto o informe da UE, que tampouco gaña máis cotas polas novas (?) que difunde, como adoitan facer outras.

Xa que estamos: non poderían botarlle unha pouca imaxinación para non ser tantos "anónimos"? Unha axuda: anónimo 1 = publicista; anónimo 2 = machote; anónimo 3 = zunado

Tucho de Canido