lunes, abril 06, 2009

Le temps d'un soupir

Publica hoxe Ferrín un desacougante artigo, en Faro de Vigo e La Opinión, titulado Himno Nacional de Nós, no que caracteriza a constitución do “novo Hórreo (Parlamento) como “máis canastro ca nunca: máis cabaceiro”. A súa lectura dá que pensar, sobre todo cando, lebrando a Alain Badiou, remata atopando a métafora da “forma burguesa do estado totalitario fascista”. Ou cando, coa axuda de Gérard Philippe, acaba relacionando o lapsus linguae de Pilar Rojo co temps d’un soupir no que o Parlamentiño se puido converter nun Parlamento.
Agora ben, se desacougar desacouga Ferrín, máis desacouga aínda observar a realidade que nos está vindo enriba. Aínda non tomou posesión a dereita e xa na sociedade galega volve a agromar a prepotente incivilidade dos que pensan que son deuses de si mesmos, únicos amos do mundo con dereito de pernada. Non lle faga sinais a un motorista que vai a noventa por hora por unha estrada que atravesa unha aldea na que viven nenos e vellos, entrando na curva que dá acceso a unha ponte, para indicarlle que vaia máis amodo, porque corre o risco de que o túzaro se deteña, baixe da máquina e se lee a trompadas con vostede. Pasoume a min hai poucos días. Debe ser o novo esprit sportif dos motards galegos, algúns dos que agora acostuman a circular en máquinas de potente cilindrada sen matrícula.
Non trate tampouco de de discutir (debater) sobre cuestións relacionadas co idioma galego ou co concepto de país, xa non digamos de nación, con determinadas persoas que xa volven a mirar por riba dos ombreiros a quen lles fala destas cousas antes de rematar pronunciándolle a frase sagrada de que se sinten españois antes ca nada e “españolito-hablantes de toda la vida”. Non se decatan de que case todos eles teñen un abó, ou se cadra un pai, que fixo callos nas mans agarrando a rabela dun arado romano ou o volante du tractor de segunda man. Témome que avanza polo noroeste unha nova fronte de aoutoodio e de desprezo á nosa esencia.
Non pasaron máis ca cinco semanas e media do fracaso do bipartito e xa están collendo folgos determinadas maneiras que conseguira aplacar algo o frustrado cambio galego. Os lobos volven a oubear. Aínda cabe agardar que Núñez Feijóo os reduza á reserva na que non rematen sendo perigosos, pero de momento só se pode lamentar, unha vez máis, que a incompetencia dos que non souberon gardar o reino de Granada sexan agora Boabdiles sen bágoas de autocrítica. Eles son os principais responsábeis do que vai pasar agora. Non lle lo perdonaremos nunca.

15 comentarios:

Touceda dijo...

Eses inompetentes teñen nomes e apelidos. Chámanse Touriño, Quintana, Pachi Vázquez, Fernando Blanco, etc.

Anónimo dijo...

Ferrín empezou criticando á conselleira de Cultura, pasou a viaxar con ela a Bos Aires e acabou recollendo un dos Premios Nazonalistas de Galiza. Comprendo a súa nostalxia.

Anónimo dijo...

E eu tamén entendo ben a Méndez Lenín, un grande escritor e un soberano fracasado na política galega.
Méndez pode falar bastante de comportamentos sectarios, do tipo que aponta o noso Perfecto; pode falar de cómo desprezar aos demáis, de cómo purgar aos demaís e dos instintos asasinos que ten para con outras forzas políticas, non digamos cos anarquistas e de cómo se fai iso que se fai no Trinunal da Rota, e de cómo pode un converter-se en vaca sacral da "Real" Academia Galega.

Esta Nazón sen Estatuto de Tal conserva algúns elementos que, por impresentabeis, estarían noutros países normalizados formando parte do decorado; aquí non, aquí están impartindo dotrina, elevando comentarios ao ceo, lambendo feridas de guerras non comezadas, afiando coitellos enferruxados.

Qué pensabe Ferrín? Qué todo o seu sectarismo, que todo o sectarismo do nacionalismo non ía pasar fatura? Agora veñen estes outros nacionalistas de pasta dura (aínda non sabedes ben qué clase de persoa é Pilar Rojo... e o seu marido, nen che conto) adoitando o mesmo comportamento chulesco que Méndez Lenine paseou durante anos, e como él, Paco Rodríguez.
Non, acó non se trata de pensar cómo o nacionalismo galego logrou converter en antipática a lingua de Galiza. A ver cándo ten a ben Méndez en explicar a paradoxa.

Sartre dijo...

O gracioso ese que lle chama Méndez Lenín a Ferrín vese que non entende nada e que, ademais, é un reaccionario por moito que se disfrace de defensor dos anarquistas. A súa arremetida rezuma dereitismo españolista.
Malia que lle pese, Ferrín é o noso gran valor das letras e un dos intelectuais nacionalistas máis lúcidos e comprometidos. A nosa entidade actual sería outra cousa sen as súas aportacións, que pasarán á historia.

Anónimo dijo...

Pero a gran cuestión segue estando aí:
O NACIONALISMO FIXO ANTIPÁTICA A LINGUA DE GALICIA.
Que pasou?
Ninguén ten responsabilidades?

Anónimo dijo...

Ei, Sarte, alguén nega o valor literario de Méndez?
Alguén nega que é "un dos intelectuais nacionalistas máis lúcidos e comprometidos"?
Alguén pode negar (mira, por favor, os resultados en votos das últimas elecións) que a súa política tende ao fracaso?

E sobre o asunto de que son un reaccionario e un españolista de dereitas, ti mesmo.
Se non gostas das miñas opinións, hai outros blogs onde se pode dar vaselina ás figuras totémicas da Nazón.
Aquí tamén podes, non creas.
Pero se vas xa polo camiño do insulto, non contes comigo.
Este blog é algo máis serio.
Non sei, pra min que te retrataches como membro da clase de sectarios que non admiten conclusións diferentes ás que imperan nos modelos diseñados desde o centralismo democrático.
Os que non pensan igoal ca ti, neste caso eu, xa sabemos o que nos agarda: campo de reeducación nacional-popular en Castrelos.

Perfecto Conde dijo...

ALGO DE MODERACION, PLEASE!
Non me gusta case nada intervir no comportamento que podan ter as persoas que teñan a ben participar neste pequeno foro. Amo demasiado a liberdae de expresión e o libre albedrio como para fuxir como do lume das intervencións censoriais, pero neste caso quedo dicir algo.
Sartre tén dereito a expresar o que pensa de Ferrín e de calquera outra persoa, asunto ou cousa. Por expresalo non nos obriga a comulgar con todo o que diga. E Anónimo tamén. Porén, convídoos aos dous a que haxa algo de mesura. Aínda estando conforme con gran parte do que expresa Anónimo, paréceme perigosamente desmadrada a súa expresión de que alguén poda ternos reservado un campo de reeducación nacional-popular en Castrelos. Como tamén me parece fóra de lugar a acusación de dereitismo españolista que lanza Sartre.
En fin, fagan o que queiran, pero eu recoméndolles mesura.

Anónimo dijo...

Vel, Perfecto. Seguiremos o libro de estilo do blog.
O do campo de reeducación nacional-popular era... unha licencia poética.

Serantellos dijo...

Ferrín escribe que nin diola (o que fai máis triste que fóra de Galicia non pinte nada, nin tan sequera a mona). Ora, como analista político, como intelectual "engagée-enragée" o seu discurso é reseso, antanón, sectario. Mesmo corrosivo para ese nacionalismo galego que pretende representar (con que éxito xa o estamos vendo, comicios tras comicios). Á parte o menda de todo sabe, do que lle poñan diante opina (véxase o libro de conversas con César del Caño). Ferrín, bo escritor, intelectual tan representativo como o sombrereiro louco de Lewis Caroll.

Antón Dobao dijo...

Se Ferrín é tan pouca cousa intelectual e politicamente como opinan Anónimo, Serantellos e probablemente algúns noutros, como é posible que mereza opinións e intervencións de tanto fervor e tanto desprezo? Pois probablemente porque o personaxe é moitísimo máis importante do que estes seus (descoñecedores) detractores desexarían. Non sei, cada vez que Ferrín se expresa con sinceridade arredor de Piñeiro, vén a bomba. Será por algo especial?

Dito todo isto, concordo plenamente co post de Perfecto Conde.

Serantellos dijo...

Non, Ferrín non é pouca cousa como intelectual ou político. Peor aínda, é un ser caprichoso e extravagante, que se move cal vedette con fru-frús de randas e música de botóns forrados de encaixe. Esa vaidade suprema que vai con el ten razón de ser cando atinxe ao seu rol literario (que só a envexa podería discutir) pero non ao de "incitator". Disfraz este que lle queda, moito me temo, chocalleiro (mesmo para disfraz).

Xaime dijo...

Se souberades o contentiño que vos está o Ferrín de que esteades discutindo por él.Tamén vou achegar a miña oponión. Vaivos un pouco maior, ten demasiada memoria selectiva o cal propicia que lle estea dando voltas a historia que non sucedeu.

Anónimo dijo...

Incrible. Que saiba, non dixen nunca, Antón Dobao, nada do que dis sobre Ferrín.
E, non, Antón, non penses que os comentarios son parte da conspiración universal tecida arredor daqueles que teñen unha opinión mala sobre Ramón Piñeiro (particularmente, eu non teño boa opinión do home da mesa camilla).
O que sí semella claro, cada día máis claro, é que neste país pode-se falar de case todo agás de Méndez Ferrín porque, entón, se fas crítica, brincan os defensores para ledicia de tan empoleirada persoa.
Claro, sempre é mellor atopar unha explicación como a que propón Antón Dobao: somos axentes do piñeirismo militante e, eis, da CIA.
Aí que ver cómo anda o patio.

Isaura dijo...

SERANTELLOS,

perdoa que te corrixa:
Cando aludes ó libro "Conversas con Méndez Ferrín", dicirche que o autor non é César del Caño (músico), senón seu curmán Xosé Manuel del Caño (xornalista).

Saúdos

freefun0616 dijo...

酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店經紀,
酒店打工經紀,
制服酒店工作,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
酒店經紀,

,