viernes, abril 17, 2009

O portelo do gato

Se me obrigasen a escribir algo máis sobre a sesión de investi-
dura, salientaría a penosa estampa que configuraron o presidente e o vicepresidente da Xunta saíntes, agochado un no silenzo das bancadas e camuflado o outro no artificio prebendado de sentarse na mesa da presidencia do Parlamento.
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana non deron precisamente a impresión de seren na derrota aqueles dous egrexios príncipes que quixeron parecer na vitoria. Máis ben agocháronse –ou agocháronos?– despois do 1 de marzo coma aqueles nenos que saben perfectamente que a súa nai vainos coller nas patacas e non saben onde meterse. Cada un na súa banda do río co que atravesaron o goberno dos catro últimos anos, ámbolos dous deberían ser os que desen a cara –aínda que fose para que lla partisen outra vez, como lle la partiu Ruíz Rivas a Leiceaga e a Aymerich– e tivesen que chorar, coma Boabdil, a perda de Granada.
Lonxe diso, xa digo, agocháronse na burocracia. Ou agocháronos. Perderon a ocasión de morrer politicamente con dignidade. Pasaron á historia polo portelo do gato.

6 comentarios:

Cachamuíña dijo...

Ala, a mallar no seu lombo, agora que están caídos. E non sería máis digno que lle arrearas ao Feixoneta, que é quen está agora no poleiro?

marcel swann dijo...

A natureza do súbdito (perdón, cidadán) galego é historicamente conservadora, timorata. Se hai séculos deveciamos pola sopa boba que nos daba a igrexa pola vía dos beneficios do Voto de Santiago, hoxe perdemos o cu por ter un carguiño, unha paguiña, de por vida.

Que ben se arreconchegan ao calorxiño do cargo político algúns dos nosos políticos. Seique non teñen unha profesión que poder exercer no mundo "real", que seguen no machito dos Audis e dos sobresoldos?

E os xornalistas opinadores e editorialistas diante da chegada do novo goberno? Leron a prensa estes días? Que mansedade! Como dicía Celso Emilio Ferreiro:

Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.

Polo que poida pasar...

Dende o poleiro dijo...

Lóxicamente Marcel Swann fala por si...
Ou estás de coña?
A esquerda en Galicia, tanto na Xunta como nos Concellos custanos moito romper co favor e a prebenda que se supón que ven das institucións e neso somos aprendices ao lado da dereita. O pobo galego, intelixente e reflexivo coma poucos, pensou que para ter o mesmo que antes pero con outros nomes igual estaba ben o PP que xa o sabe facer ben e "xa están feitos".
Lamentablemente os que se equivocaron foron os políticos, o pobo cando vota nunca se equivoca, insisto neso, NUNCA.. Outra cousa é que a esquerda non perdoa nunca aos seus determinadas actitudes, ao contrario que a dereita que ata as aplaude.
De calquer maneira se temos que definir a imaxe de Touriño no parlamento poderíamos dicir que lamentable e perfectamente evitable, a de Quin na mesa absolutamente patética, é un auténtico retrato do que foi esta lexislatura.
Meu deus, QUE TROPA...!

Anónimo dijo...

A Historia está chea de equivocaciones dos pobos.

Fuco de Esteiro dijo...

Para anónimo:

Non sei se a vosa lacónica sentencia é unha obviedade ou unha fachenda profiláctica.

Sen dúbida que a Historia está chea de equivocacións dos pobos...ás que os dirixentes os conducen. Porén os pobos sempre acertan e rematan tendo o que merecen: Adolf Hitler, Jozef Stalin...e moitos outros de menor trscendencia.

Os que sen dúbida nunca se equivocan son os dirixentes iluminados, que desprezan ó pobo exercendo unha caste de sacerdocio agochados na súa soberbia...Póñalle eiquí vostede nomes: hainos a cachón.

Fuco de Esteiro

Sarmiento dijo...

Ten razón don Perfeuto, eu non creo na dignidade pero si creo en facelas cousas ben feitas, e se perdes perdes, e sen vergoña.
Para min que os "agocharon".
A imaxe de Quintana na mesa é deprimente, debería estar no hemiciclo, como o resto. Estase enviando unha moi mala mensaxe á xente. A mensaxe di "agora que perdeu o cargo ten un carguiño"

E xa de paso decirlle a Swann que eu non creo o comportamento do electorado galego sexa en nada inferior ao de calquera parte de España (e digo España e non europa por falla de datos). Sempre nestes casos aparece alguén a decirnos que temos un pecado orixinal, un xen maldito, que fai que os galegos sexamos "indignos". Desde logo non máis que vascos, cataláns, madrileños, andaluces, etc. Xa basta de lugares comúns e discursos da "fidalguía": estos galegos/negros non saben facer nada, en canto os deixas sós arman unha boa merenda.