Pasou Xynthia por riba de nós con menos forza da que se agardaba. Aínda así, por desgraza, hai que lamentar a morte de tres persoas en España –unha en Galicia– e algúns danos materiais que non parecen de maior importancia. Non pasou o mesmo en Francia, onde xa hai un balanzo de 47 mortos e graves consecuencias nas infraestruturas portuarias, inmobiliarias e industriais das rexións de La Vendée e La Charente-Maritime, sobre todo, pero tamén na Bretaña.
Esta vez non fallaron as previsións. Tanto Meteo España, como Meteo France, como a Wetterzentrale ou o noso propio Meteo Galicia, andiveron perfectamente á altura das circusntancias e quizais contribuíron moito a que non houbese máis vítimas mortais. Quizais non se pode dicir o mesmo da conciencia cidadá sobre os perigos que representan este tipo de circunstancias atmosféricas. A persistencia nalgunhas zonas do que os reporteiros da TVG bautizaron como “turismo de catástrofe” é algo que realmente debería preocupar aos responsábeis da protección civil de cara a futuras circunstancias adversas como as que nos trouxo a cicloxénese explosiva da xa famosa Xynthia.
Claro que, pasada a tormenta, fica algo polo que deberiamos preocupármonos aínda máis. Con cambio climático ou sen el, o que parece claro é que algo nos está a pasar coa nosa relación coa forza dos mares e dos océanos, mesmo tamén coa dos ríos. Que podería pasar se Xynthia nos entrase de fronte dende o Atlántico como lles entrou aos franceses dende o Cantábrico? Estarían agora de pé as farolas do paseo marítimo da Coruña? Terían que andar en barca os donos das casas de Barraña?
O caso curioso é que, mentres aquí anda o goberno de Feijóo insistindo en que se volva construír a pé de praia, en Francia están tirando leccións da experiencia que lles trouxo Xynthia. Chantal Jouanno, secretario de Estado para a Ecoloxía, á vista do que aconteceu en La Vendée, na Charente-Maritime e na Bretaña, xa dixo que hai que “endurecer as reglas de construcción nas zonas inundábeis e detrás dos diques”. Philippe de Villiers, presidente da rexión de La Vendée, mostrou unha opinión semellante, e ao ministro de Interior, Brice Hortefeux, por agora ocupado principalmente en atender o dramático paso de Xythia polo territorio francés, tamén lle parece que hai que apuntar nesa dirección.
Das catástrofes provocadas pola natureza debería aprenderse sempre. Quen as desafía corre o risco de rematar sendo arrastrado por elas. Toquemos madeira (ou Madeira).
No hay comentarios:
Publicar un comentario