domingo, marzo 14, 2010

Jean Ferrat

Este sábado finou en Aubenas (Francia) o gran cantautor Jean Ferrat. Tiña 79 anos, e déixanos a grandísima obra dun escritor, compositor e intérprete comparábel a Georges Brassens, Leo Ferré, Jacques Brel, Edith Piaf, Yves Montand, Juliette Greco, Charles Aznavour ou Georges Moustaki. Todos aqueles grandes compositores e intérpretes que marcaron a mellor época da canción francesa cando foi importantísima no mundo enteiro e chegou a ter excelentes seguidores en Italia, coma Fabrizzio de André.
A moitos dos que somos da miña xeneración Ferrat alimentounos o espírito tanto ou máis ca Leo Ferré, Georges Brassens e Jacques Brel. Na década dos sesenta pasabamos noites enteiras, nas nosas bufardas compostelás, escoitando a el e a Yves Montand, que nos servían de exemplo da canción francesa comprometida. Nos meus oídos aínda retumba a súa potente voz cantando Ils étaint vingt et cent, “ils étaint des milliers / nus et maigres, tremblants, dans ces wagons plombés, / qui déchiraient la nuit de leurs ongles battans, / ils étaint des milliers, ils étaint ving et cent”. Au revoire, camarade!

4 comentarios:

moncho lemos dijo...

Noraboa perfecto por esta reseña.Mais necesaria ainda nestos tempos onde os medios "comvencionais" olvidan ¿por ignorancia? a importancia de determinafas voces e cradores da cultura popular.
Leemos obituarios de artistas britanicos ou americanos de infima categoria e relevancia ,o mesmo que ignoramos autores, e cantantes italianos, franceses...

Anónimo dijo...

Que raro que o Viente Araguas non dixese nada aquí sobre Ferrat.

Anton Garcia-Fernandez dijo...

Sen dúbida, Jean Ferrat é un dos grandes da chanson française, orixinalmente creada por nomes coma Maurice Chevalier, Charles Trenet e Jean Sablon, e continuada polos artistas que vostede menciona. Moi boa reseña, aínda que é un tanto triste pola morte dun cantautor/poeta tan importante coma Ferrat. Entre os seguidores non franceses dos que vostede fala, eu incluiría ao Carlos do Carmo en Portugal, pois estivo moi influido pola canción francesa (en especial polo Jacques Brel) dende os comezos da súa carreira.

Vicente Araguas dijo...

Collo a luva do señor Anónimo (a quen agradezo a mención) para falar un chisquiño de Jean Ferrat. A quen escoitei por vez primeira, verán do 68, a través do Xaquín Lens, quen volvera de Aviñón, cunha chea de discos franceses. E a fe que fiquei namorado da voz de "O xitano". Unha cousa tan cálida como poucas veces eu teña escoitado. Morna e grande, como querer e recuncar e estribillar e volver querer de novo. "Que serais-je sans toi?", cun texto de Aragon que irá comigo xa ata que morra. Logo, "Je ne chante pas pour passer le temps", outra volta de tornelo´ao tema de Léo Ferre, "Je chante pour passer le temps", que me serviu de coda para "A Léo Ferre, compañeiro". Pero xa estou vestindo de saudades e melancolías a lembranza, e é que de todo isto, meu Caro Anónimo das 15: 22, xa van máis de corenta anos. Case os que pasaron desde o 10 de marzoi de 1972. Que me collera en Madrid, cantando en Madrid, con Suso Vaamonde. Despois, esa noite, con Perfeuto Conde aínda nos deran as mil e monas conxecturando que cousas estarían a pasar en Ferrol. Ese día, e tantos outros, canción aberta. Como o canto ceibe de Jean Ferrat.