miércoles, marzo 03, 2010

As consecuencias de urbanizar a toda costa


As consecuen-
cias do furacán Xynthia están dando lugar a un gran debate en Francia sobre a vulnerabi-
lidade do litoral máis gravemente afectado. O presidente Sarkozy mandou elaborar un informe urxente e as autoridades locais de La Vendée e Charente Maritime, as dúas rexións máis perxudicadas pola tormenta, tamén están empezando a considerar a cuestión.
Xa hai unha primeira consideración. Os dous concellos máis afectados, La Faute-sur-Mer e L’Aiguillon-sur-Mer, caracterízanse por teren efectuado unha urbanización galopante que comenzou nos anos 60 e proseguiu a ritmo desenfreado ata os 90. Segundo salientou Le Monde, o profesor emérito da Universidade de Nantes Jean Renard, gran coñecedor do litoral vandés por telo estudiado como experto durante moito tempo e por ter vivido 35 anos nunha localidade próxima a Talmont-Saint-Hilaire, ten claro que “hai cicnuenta anos estes territorios tiñan un uso comunal, polo nome da terra asignada aos agricultores, que pagaban unha pequena retribución e levaban pacer alí os seus animais”. Eran terras agrícolas que se inundaban regularmente e que tamén abeiraban “conches”, campos chantados na area. Un pequeno campesinado cultivaba nelas patacas, frores e algo de viña. Instruídos pola experiencia, os paisanos coñecían ben os riscos das inundacións e non construían máis que nos illotes que facían algún outeiro.
Mesmo alén da memoria humana e sen remontarse á epoca romana, na que a marisma que hoxe se chama de Poitevin era unha zona marítima, as investigacións levadas a cabo polo historiador Jean-Luc Sarrazin demostraron que que, xa na Idade Media, estas zonas eran pasto de bruscas arremetidas da auga do mar. A conxugación de grandes mareas e tempestades facía que as oleadas acadasen sobrecotas de máis de 1,5 metros, as mesmas que agora sopreprenderon mortalmente os habitantes desta zona o 27 de febreiro.
A expansión brutal da urbanización, a partir dos anos 60, borrou do mapa esta vida rural respectuosa cos caprichos da natureza. O xeógrafo Jean Renard sostén que “os poderes municipais, decote dirixidos por comerciantes e artesáns, transformaron estas terras agrícolas en terreos edificábeis e non souberon limitar a presión dos particulares e dos promotores”. En dúas décadas, as comunas de La Faute e L’Aiguillon ficaron cuadriculadas en parcelas de 400 a 500 metros cadrados para construír casas nelas. A especulación quixo satisfacer a demanda dun turismo masivo. Di Renard que “con residencias secundarias, dúas ou tres veces máis numerosas cas residencias primarias, campings transformados en mobile homes, o litoral convertiuse nun lugar moi apetecido polos xubilados procedentes das camadas populares”.
E todo isto, nunha costa inestábel e dunha extrema fraxilidade, segundo o citado xeógrafo francés. Nun litoral moi dinámico que non para de avanzar, que foi producindo superficies suplementarias para o cultivo primeiramente, e logo para o habitat. A comuna de La Faute-sur-Mer medrou en decenas de hectáreas no decurso dos dous últimos séculos, pero houbo que agardar o ano 2007 para que aparecese un plan de prevención de riscos admitindo que moitas construccións se atopaban en zona inundábel.
A todo isto sumouse a explotación da mitilucultura (cría de mexillóns ou de ameixas) e da ostricultura, que tamén contribuíron a que se fose fraxilizando máis o territorio. O resultado expresouse de forma dramática o 27 de febreiro co paso de Xynthia. Se Galicia non ficase esta vez no ollo do furacán, habería que estar hoxe facendo estas disquisicións sobre nós mesmos? Tivemos sorte desta volta, pero as nosas autoridades deberían ser máis sensíbeis no canto do que nos poda pasar no futuro coa teima de seguirmos urbanizando a toda costa. Debían reparar no que lles acaba de pasar aos franceses.

2 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Pasei eu un agosto (que parecía outono, todo hai que dicilo) na Rochela. Aquilo parecía idílico, un porto marítimo cheo de embarcacións de recreo, un peirao cunhas torres do século XVII (finais, creo), unhas terrazas onde só se comían moules avec frites, un paseo longuísimo para ir en bicicleta, mesmo ata a illa de Ré (nunca nin na miña imaxinación tiven o propósito de facelo), unhas zonas de ostricultura ben cuidadas, que a min non me pareceron nada estragadas. Comparado co que aquí vemos un verxel cuidadísimo.
Pero aquilo é todo chan: moita marisma, moitas xunqueiras, e terreos atravesados por moitas canles. Non ten a orografía de Galicia nin de broma, a pesares das posibles apariencias. Non vin eu a explotación turística que podemos ver no levante ou en certas zonas de Galicia. E, porén, pasou. Terán que reflexionar, sen dúbida, pero a comparación con Galicia non vale, porque aquí, coa explotación que hai, ese tipo de desastres naturais (outros pode haber: quen o pode negar?) non podería darse. Creo eu.

Anónimo dijo...

Ademáis do que di Arume, está o bo gusto das casas particulares en xeral que hai en Francia. Se polo menos toda esta construcción espallada por Galicia fora de calidade estética, pero non...