domingo, julio 01, 2007

Noé e Inés de camiño a Ítaca


O sábado fun de boda con Cristina, a miña compañeira. Co pouco –case nada– que me gustan a min as cerimonias casamenteiras, que ata nin fun capaz de asistir nunca á miña! Pero esta foi especial. Especialísima. Casaron Inés Santamaría e Noé Massó, e tiveron o bo gusto de facelo á beira do río Verdugo, preto de Arcade, concello de Soutomaior, na espléndida finca O Cafexo que tén a familia do agora casado nunha das paraxes máis bonitas e mellor conservadas de Galicia, a pesar do salvaxe ataque que lle propiciaron os incendios do ano apasado aos seus arredores inmediatos.
Casaounos o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, con beves pero axustadas e fermosas palabras en galego que contribuíron ao esplendor do acontecemento. Houbo boa cea, bo beber, boa música e moita alegría. Nun lugar como O Cafexo, case un anaco do paraíso, a harmonía vén de seu e na boda de Inés e Noé hóuboa a moreas. Mágoa que chovera algo cando o día empezou a dar paso á noite. Os namorados saíron en busca de Ítaca, fermosa ao atardecer, patria de Odiseo, o fillo de Laertes, o que está na boca de todos os homes por toda clase de trampas, e cuxa fama chega ata o ceo (Homero dixit). Oxalá atopen, como nunha fileira de velas encendidas –radiantes, cálidas e vivas– os días do futuro. Coa beizón poética de Konstandinos Kavafis, of course.

1 comentario:

blog dijo...

Hola. Me llamo Samuel, y soy compañero de carrera de Noé. Me gustaría escribirle para darle la enhorabuena. ¿Me puedes proporcionar alguna dirección de e-mail para ponerme en contacto con él? Muchas gracias.