jueves, noviembre 15, 2007
Creadores de eternidade
Se cadra Peter Eissman non é o mellor arquitecto do mundo. O que é, dende logo, é un magñífico falangueiro. Había que velo hoxe comparecer na comisión que investiga a Cidade da Cultura para percatarse de que hai poucos recursos da oratoria e da retórica que non domine á perfección este novoiorquino que ás veces tén máis conto que Calleja. Que finura dialéctica! Que donosura argumental a súa! Lembrou que el estudiou no Trinity College de Escocia, pero a min non ma dá con queixo. Un orador así tivo que estudiar polo menos nalgunha escola de patricios romanos ou de senadores gregos. Que Aristóteles, meu Deus, perdeu a filosofía para que gañara un Mestre Mateo a industria internacional do cemento!
Arrasou. Eismann arrasou con todo. Carlos Aymerich, voceiro titular do BNG, cedeuelle o posto de inquiridor a Xosé Ramón Paz Antón e este fundador do grupo Na Lúa e compositor de pezas musicais para intérpretes tan importantes como Pilocha, Uxía, Fausto ou Julio Pereira ficou arroubado polo verbo do norteamericano. Faltoulle pouco para pedirlle un autógrafo. Menos mal que esta vez Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG-PSOE, gañou o pan coa suor da súa testa plantexándolle a Eismann unha batería de preguntas que o interpelado pasou polo forro do seu elegante traxe escuro e polas puntas da súa paxarela azul seguindo un costume moi característico da maior parte dos comparecentes desta comisión.
Daba gloria, repito, ouvir a Peter Eismann asegurar que “é o cliente quen tén que enfrontar o desafío dunha obra”, “ninguén quere unha necrópole”, “eu non creo que o señor Wang fose a única persoa sen medo, a min nunca me deu medo tomar unha decisión nun xurado e esta non vai ser unha situación diferente”; “o risco sería non facer os cambios necesarios para que o edificio seguise e se enchese de vida”, “non vou denominala megalomaníaca (referíase á Cidade), pero podiamos utilizar a palabra grandiosa”, “as respostas están no futuro”, “agardo que atopen a coraxe de pensar que teñen algo único e excepcional”, “esta é unha oportunidade auténtica para seren emprendedores de cultura”, “atraer a Santiago un programa que faga que esta cidade brille e teña un lugar no mundo”, “se temos unha familia con fillos non dicimos que lles damos de comer se traen algo de volta”, “o feito de que se constrúa xa é algo espectacular”, “canto máis loxe se está de España, máis se recoñece que Europa segue sendo un xigante dormido”, “eu nunca utilizara a pedra antes de vir aquí”, “no mundo actual temos que tentar crear eternidade”, “os arquitectos somos a punta do iceberg que é necesaria para levar a cabo un proxecto”, “esencia que sae da terra e que volve novamente a ela”, “de sotaque Santiago está en todo o mundo, en Estados Unidos antes a única Galicia que había era a dos emigrantes de Hungría, hai moitos restaurantes galegos que son húngaros”, etc., etc., etc. Sen contar o interese repetido que mostrou en definirse en términos marítimos como “capitán do barco”, ou en parecer tan humano que ata dixo que pon os zapatos e pon o pantalón polas mañás e que tén catro fillos. Anda que, co frío que fai ás veces en Nova Iork, se chega a saír á rúa sen poñer os zapatos e os pantalóns...
Eu, se fose promotor inmobiliario se cadra non lle encargaba que me deseñase un edificio, pero se fose editor firmáballe cando el quixese un contrato para que me escribise un libro. O título quizais podía ser Os abelorios que lles vendín aos galegos, volume que sen dúbida tería que ter unha inmediata segunda parte titulada Os abelorios que lles sigo vendendo aos galegos.
Peter Eismann tivo, como diría Finito de Córdoba, unha tarde de gloria con tres orellas, paseo e volta ao rodo. A min só me quedou unha curiosidade: que quería dicirlle Ánxel Bernardo Tahoces cando lle moumeou a Ignacio López-Chaves que se tirase “á piscina”. Pois non se tirou.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
O deputado Paz Antón parece bo rapaz, pero para ser un parlamentario incisivo non chega con saber compoñer cancións. Quintana quixo deputados dóciles e que non lle fixesen sombra, de aí o perfíl baixo-baixísimo dos membros do seu grupo parlamentario. A maiores, o BNG parece que non quere tirar moito da manta.
Nadie quiere "tirar de la manta" ni en este ni en otros casos en los que cabe maliciarse si no tendrán algo que ver con la captación de "donativos" para la financiación de los partidos políticos. Con prudente actitud a ninguno de ellos le interesa arrojar la mínima claridad en terreno tan... pringoso...
Publicar un comentario