jueves, noviembre 29, 2007

Hai mellorías que matan

A inefábel empresa de provisión de servizos de comunicación YA.COM INTERNET FACTORY definitivamente decidíu tomar por parvos os seus clientes. No meu caso interrompeu o servizo de ADSL, que tén contratado comigo e polo que cobra puntualmente, ás 23 horas do pasado día 20. Logo de explicacións que teñen máis que ver co puro surrealismo informático que coa realidade do que nos está a acontecer a esta empresa e a min, o seu desatento e ineficaz Seervicio de Atención al Cliente rematou repetíndome unha versión que aínda resulta máis surrealista.
Dinme os de YA.COM INTERNET FACTORY que non teño ADSL porque están pondo en marcha medidas de mellora que multiplicarán a velocidade da comunicación e redundarán en absoluto beneficio do cliente. Agora si que apapampo de remate. Segundo eles, para mellorar teño que empeorar radicamente primeiro. Ata o día 20 tiña un acceso a Internet e ao meu correo electrónico lento, pero máis ou menos seguro. Dende a noite dese día, que curiosamente coincide co rexistro dunha forte tronada na zona onde vivo (o Val de Amahía), nin lento nin seguro nin rabo de gaitas. Cero acceso mediante ADSL. En Medicina sería algo así como que o especialista lle dixera ao paciente que o ía mellorar moitisimo, pero que primeiro tiña que matalo. ¿Entenderíase? O médico se cadra si, pero o pobre paciente vaia cara que ía poñer. Pois isto é que me pasa a min com YA.COM que, a partir de agora, debería chamarse YA.SIN NADA.
O caso é que isto tamén afecta aos meus respectados e aprezados lectores. Os atrancos que me está impondo YA.SIN NADA, digo YA.COM, dificultan e mesmo impiden que manteña actualizado este blog subindo as novas, comentarios, fotografías e debuxos habituais. Ata López se ve afectado tamén.
Pído desculpas a todos novamente. Vou facer todo o posíbel para restaurar canto antes a comunicación diaria con vostedes. Croques non morrerá por moito que se empeñe en matalo un mal proveedor de servizos dos que, por desgraza, abondan máis do que é soportábel.

sábado, noviembre 24, 2007

AVISO

Lamentabelmente e por culpa dun ineficiente e desatento proveedor de servizos de Internet que se chama YACOM INTENET FACTORY, a actualización e control deste blog non me é posíbel dende as 23 horas do día 20 deste mes de novembro.
Coa reserva expresa de reclamarlle ao citado proveedor as responsabilidades nas que pode estar incorrendo coa suspensión unilateral do servizo contratado, prego aos lectores e seguidores de Croques que traten de desculparme a desatención que me vexo obrigado a cometer con eles mentres YACOM INTERNET FACTORY non resolve esta incidencia.
Atentamente,
Perfecto Conde

martes, noviembre 20, 2007

As boas noticias non son noticia

Seguimos pensando os da vella escola que as boas noticias non son noticia e hoxe debeu pensar igual o director de El Progreso de Lugo cando fixo a primeira plana con estes titulares: "Paralizadas las licencias en todos los municipios costeros menos en Burela" (abrindo a catro columnas), "Un incendio destruye una casa en Sanxillao" (debaixo tamén a catro), "La subida de los carburantes ahoga la economía lucense" (no fondo a dúas), "La muralla de Monforte espera desde hace décadas ser restaurada" (no pico da columna da dereita), "El campo precisa quince días más de lluvia para paliar la sequía" (a seguir), "Río Lor se somete a una auditoría que evalúe su gestión del Plan Leader" (esta non se sabe aínda se é boa ou mala noticia) e "La Xunta retira del mercado dentífricos contaminados con sustancias fecales".
Menos mal que a única publicidade que aparece nesa primeira páxina encargouse de avisarnos de que hai que saltar "a tecnoloxía do líder do mercado en España", que polo que di o anuncio está en Citröen. Pero, home, non poderían engadir que os fornos da Pontenova seguen estando onde foron construídos hai cen anos? Dígoo por aquilo de que non todo é a sequía que antes, por estas calendas, era chuvia a esgalla.

lunes, noviembre 19, 2007

Antón Losada cabalga de novo

Ás veces os xornalistas non valoramos debidamen-
te a importancia das fontes oficiosas ou alternativas, ou que son as dúas cousas á vez. Unha simple broma, coma quen di, como foi a de colgar unha adiviñanza sobre a autoría do artigo que apareceu publicado en Xornal.com, o 6 de setembro deste ano, sobre a figura de Antón Losada, firmado por Xosé Antón Pérez-Lema (Non se acaba o mundo, aproveito para dicirche que ganache por goleada o monicreque de López e os “güisquecitos”), fíxome a min tomar en serio un rumor. O de que o xornalista brionés Xosé Luís Gómez, que ata agora foi José Luís Gómez, está a piques de ser nomeado polo vicepresidente Anxo Quintana director do seu gabinete de Comunicación.
Segundo cantan os poucos paxariños que aínda se atreven a buscar algunha raiola de sol nas retrasadas xeadas deste outono, efectivamente, o ex director de La Voz de Galicia, ex director de Comunicación do Grupo Zeta, ex director dun non nato xornal promovido polo patrón do Grupo San José e ex director da revista Capital –este home, como siga acumulando preposicións latinas, vai rematar sendo ex bispo de Mondoñedo– está comprando todas as rifas para ser nomeado director de Comunicación de Quintana. Algo que, polo que me cantou un merlo esta mañá, non vai ser de todo ben recibido nalgún sector do nacionalismo galego que pisa moqueta.
Nomeado xa secretario xeral de Relacións Institucionais o haxiógrafo de Antón Losada, o seu sucesor, polo tanto, a incorporación de Gómez, que pode ir acompañada por algún máis da súa corda, indica claramente que o político que quixo censurar a información da TVG está moi lonxe de estar lonxe da beira –que non Beiras– de Quintana. Polo menos aparentemente, Losada segue sendo a sombra do vicepresidente que, como tal, se move canda el e moi preto da súa figura. Ou sexa, que a sombra de Antón Losada non é que sexa alongada, é que parece infinita.
Os que coñecen a Gómez saben da súa ambición por chegar a dirixir a TVG e algún deles non acerta a comprender o paso de iniciar a súa carreira política apostando pola dirección de Comunicación dun vicepresidente nacionalista, cargo que sen dúbida ha marcalo para cando chegue o momento de aplicar a lei de regulamento da CRTVG que prometeron os dous pés do bipartito nas súas respectivas campañas electorais, e que Pérez Touriño aínda dixo hai pouco que será tramitada e aprobada antes de que remate a actual lexislatura.
Claro que todo isto aínda é só oficioso. Pero tamén era oficioso o de Pérez-Lema é fíxose oficial no último consello da Xunta. Antón Losada cabalga de novo. Que se vaian apartando da pista os que non montan con el.

sábado, noviembre 17, 2007

Adiviñanza


Quen escribíu, e publicou no mes de setembro, a haxiogafría que aperece a continuación? O primeiro acertante gañará un monicreque pintado por López. Por certo, onde anda López? Que veña que tén que debuxar!

Antón Losada
é unha das cabezas mellor amobladas deste País. De formación enciclopédica, é dos poucos casos que, con só 40 anos, amorea experiencias como a da docencia de aulas universitarias, a xestión empresarial (foi Director Xeral de RADIOVOZ), as colaboracións xornalísticas en todos os “media”, a creación literaria e de ensaio e máis o compromiso político e gobernamental. Losada é un ideólogo, un creador de mensaxes e un bó xestor. Losada foi un protagonista moi sobranceiro da nova linguaxe política amosada polo BNG dende a elección de Anxo Quintana para o cargo de portavoz nacional, hai case catro anos. Nos anos 2002 ao 2005 foi a voz oficiosa do galeguismo político nas tertulias da SER e, despois, no debate “59 segundos” da TVE. Afeitos á tradicional inexistencia da visión galega en Madrid, a lóxica discursiva e dialéctica de A. Losada, xunto coa sua desacomplexada defensa do nacionalismo galego (nunha época que era moi difícil estas valentías) permitiron que parte da nosa cidadanía seguese as súas tertulias de radio e TV (e máis os seus artigos en XORNAL, “El Periódico de Catalunya” e outros medios) cunha xustificada fachenda: “Velaí un dos nosos. Que razón tén e que ben fala” O profesor Losada foi quén de deixar o terreo do asesoramento e da teoría para baixar á area política, implicándose de cheo no proxecto nacionalista de Anxo Quintana ao entrar no seu goberno como secretario xeral da Vicepresidencia. Naquela altura, por certo, perdeu un bó feixe de cartos, ao deixar as súas ben remuneradas tertulias e colaboracións xornalísticas pola incompatibilidade co seu soldo de alto cargo da Xunta. Este inconveniente non o arredou e asumiu o seu traballo con profesionalidade, capacidade de xestión e-tamén-con paixón galeguista. E a súa impronta ten sinalado a creación e consolidación do Consorcio Galego do Benestar, da Sociedade Galega de Servizos Sociais (canda CAIXAGALICIA e CAIXANOVA) e máis a reactivación da Comisión Mixta de Transferencias cara á súa evolución nunha Comisión Bilateral Xunta-Estado. Xunto cunha morea de traballo ben organizado e estruturado. Mais o principal contributo de Losada á política galega (e nomeadamente á política nacionalista galega) é a súa privilexiada comprensión do fenómeno dos medios de comunicación e da conformación da opinión pública. Dende unha linguaxe e unha praxe moderna, profesional e-tamén-comprometida. Velaí o espazo no que Losada semella ser máis orixinal. O tempo político, cando se vive con entrega, corre moi rápido e fai notar a súa pegada con máis intensidade ca o tempo biolóxico. Antón Losada decidiu o tempo e hora da súa marcha. Porén, semella que seguerá achegando ao País e ao galeguismo político os seus coñecementos e experiencia.

Nun ano amortizaríase o enterro da Cidade da Cultura


Por fin houbo quen se atreveu a dicir en público o que moitos pensamos en privado. Andrés Precedo Ledo, un catedrático da Universidade de Santiago que petrenceu ao Opus Dei e ocupou altos cargos durante o reinado de Manuel Fraga na Xunta, publica hoxe en La Voz de Galicia un artículo, titulado Basta ya con el Gaiás, que non tén desperdicio.
Coñecín o autor hai varios anos da man de Carme Carballo, actual directora do Club Internacional de Prensa de Santiago e daquela asesora de comunicación de Andrés Precedo cando desempeñaba os cargos de secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal de Galicia e conselleiro delegado da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal. Un día leváronme os dous comer a Cambados e alí descubrín unha persoa extraordinariamente civilizada que presentaba un perfil intelectual moi atractivo e que analizaba a realidae dende as perspectivas dun universalismo progresista que non eran precisamente o que máis destacaba naqueles tempos do fraguismo no poder. Coido que estaba apurando os seus últimos días na que algúns chaman secta relixiosa fundada polo agora San Escribá de Balaguer, e aquel catedrático de Xeografía deixoume a grata lembranza que me levou a seguir case constantemente os artigos que publica no citado xornal galego.
No de hoxe centra a súa atención nas declaracións dun actual alto cargo da Xunta que dixo, cando compareceu na comisión de investigación, que se plantexou algunha vez suspender a construcción da Cidade da Cultura, pero que se desbotou a idea porque supoñería enterrar 200 millóns de euros xa investidos. “A min paréceme –escribíu Andrés Precedoque, se cadra, en vez de perder 200 millóns, houbérase gañado moito máis: os 400 restantes para rematar os edificios, os precisos para equipalos e, o que é pior, os 100 anuais de mantemento, e outros 100 que previsibelmente haberá que engadir para subsanar o déficit de funcionamento, a teor do que actualmente custan outros contedores culturais máis modestos”.
“Xa ven, nun ano amortizaríase o enterro”, conclúe o autor do artigo, antes de razonar acerca de que “se aveciña unha Galicia en fase de recesión económica e aínda de crise do modelo de crecemento, con máis parados, con máis problemas sociais derivados, con maiores retos económicos, con moita máis poboación envellecida, con máis inimigrantes sen traballo e con máis titulados sen ocupación digna”.
E, por se isto fose pouco, dinos Precedo que “se albisca tamén unha Xunta con menos impostos, menos fondos europeos, menos ingresos xerais, menos cartos, pero maiores demandas”. E pregúntase en referencia á Cidade da Cultura: "¿imaxinan o que pensarán os galegos de tamaño despilfarro?"
A Precedo Ledo parécelle “pueril” a “xustificación turística, xa que non cultural, de tal disparatado proxecto”, pero sobre todo parécelle innecesaria e considera que aínda estamos a tempo de reconducilo. “Non se trata de derrubar o feito –di– senón de aproveitalo adecuadamente e plantexar usos realistas que reduzan o custo anual, porque outra cousa si que sería enterrar diñeiro e unha parte do futuro deste país”.
“Estamos –escribíu o articulista– ante un soño que, convertido en pesadelo, pode chegar a quitarlle o sono a moitos galegos de hoxe e de mañá. Nun arrebatado impulso diría mesmo que é hora de entonar de novo o ¡Basta xa!, porque esta ameaza pouco desdí da outra. Ademais, os efectos positivos esperábeis, tal como se fixeron as cousas, paréceme que se moven na dúbida, e mesmo podía dicirse que para poñer a Galicia e a Santiago no mapa global tampouco sería necesario, porque xa o estamos por outras razóns máis consistentes. De seguir a inercia actual, os que o fixeran faranse corresponsábeis do fiasco. Mesmo poderiamos dicir que se convertirían en cómplices, por que se antes se actuou con inconsciencia e cun escenario cheo de imprevisións, agora actuaríase con coñecemento de causa. Non se trata só de dilucidar responsabilidades pasadas, senón de non engadir outras novas, e de mirar adiante dende a cordura e a responsabilidade social”.
Chapeau, profesor! Pola lucidez, pero sobre todo pola valentía de dicir as cousas como son.

viernes, noviembre 16, 2007

A mosca na orella



Interesantes as dúas comparecen-
cias que tiveron lugar hoxe diante da comisión investigadora da Cidade da Cultura. Xosé Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía e Facenda, aportou unha dose de sensatez política e mesura xestionaria que non sobrou precisamente no resto das sesións desenvolvidas ata agora. Tomouse a molestia de comparecer documentado, metódico e atento ao que lle puideran preguntar e, dentro do que é habitual, pódese dicir que respondeu moito máis concretamente ca ninguén ás preguntas que lle fixeron. Igual lle pasou a Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, ata que no remate da súa intervención case perdeu os nervos e estivo a piques de caer nun perezvarelismo de coidar que o que non está comigo está contra min que lle puido resultar pernicioso. Só así se entende a desabrida reacción que tivo co voceiro do PP cando se lle acercou a saudala, no remate da sesión, e ela lle preguntou se ía para que lle fixeran a foto.
Hai que recoñecer que López Chaves é o que se di unha mosca na orella do que estea a piques de dormir a siesta. Ás veces pode resultar insoporrtábel, case pepitogrilo, mesmo chocalleiro, pero non é menos certo que mostrou no desenvolvemento desta comisión un alto e apreciábel nivel de de dialéctica buscadora das constradiccións e dos lados escuros da verdade e da mentira e, polo tanto, imprescindíbeis para calquera proceso investigador dunha realidade. López-Chaves soubo facer de Sherlock Homes na segunda parte das sesións da comisión da Cidade da Cultura. Algo no que tamén acertaron varias veces, na primeira parte, os voceiros do Bloque, Carlos Aymerich, e do PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga.
En calquera caso, tanto Fernández Antonio como Ánxela Bugallo, deixaron un listón abondo alto como para que Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño, últimos comparecentes da comisión que declararán a semana que vén, non acudan ao pazo do Hórreo pensando que que só lles queda dicir que fica inaugurado este encoro. O que digan ou, mellor aínda, o que lles fagan dicir, pode resultar moi importante.

jueves, noviembre 15, 2007

Creadores de eternidade




Se cadra Peter Eissman non é o mellor arquitecto do mundo. O que é, dende logo, é un magñífico falangueiro. Había que velo hoxe comparecer na comisión que investiga a Cidade da Cultura para percatarse de que hai poucos recursos da oratoria e da retórica que non domine á perfección este novoiorquino que ás veces tén máis conto que Calleja. Que finura dialéctica! Que donosura argumental a súa! Lembrou que el estudiou no Trinity College de Escocia, pero a min non ma dá con queixo. Un orador así tivo que estudiar polo menos nalgunha escola de patricios romanos ou de senadores gregos. Que Aristóteles, meu Deus, perdeu a filosofía para que gañara un Mestre Mateo a industria internacional do cemento!
Arrasou. Eismann arrasou con todo. Carlos Aymerich, voceiro titular do BNG, cedeuelle o posto de inquiridor a Xosé Ramón Paz Antón e este fundador do grupo Na Lúa e compositor de pezas musicais para intérpretes tan importantes como Pilocha, Uxía, Fausto ou Julio Pereira ficou arroubado polo verbo do norteamericano. Faltoulle pouco para pedirlle un autógrafo. Menos mal que esta vez Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG-PSOE, gañou o pan coa suor da súa testa plantexándolle a Eismann unha batería de preguntas que o interpelado pasou polo forro do seu elegante traxe escuro e polas puntas da súa paxarela azul seguindo un costume moi característico da maior parte dos comparecentes desta comisión.
Daba gloria, repito, ouvir a Peter Eismann asegurar que “é o cliente quen tén que enfrontar o desafío dunha obra”, “ninguén quere unha necrópole”, “eu non creo que o señor Wang fose a única persoa sen medo, a min nunca me deu medo tomar unha decisión nun xurado e esta non vai ser unha situación diferente”; “o risco sería non facer os cambios necesarios para que o edificio seguise e se enchese de vida”, “non vou denominala megalomaníaca (referíase á Cidade), pero podiamos utilizar a palabra grandiosa”, “as respostas están no futuro”, “agardo que atopen a coraxe de pensar que teñen algo único e excepcional”, “esta é unha oportunidade auténtica para seren emprendedores de cultura”, “atraer a Santiago un programa que faga que esta cidade brille e teña un lugar no mundo”, “se temos unha familia con fillos non dicimos que lles damos de comer se traen algo de volta”, “o feito de que se constrúa xa é algo espectacular”, “canto máis loxe se está de España, máis se recoñece que Europa segue sendo un xigante dormido”, “eu nunca utilizara a pedra antes de vir aquí”, “no mundo actual temos que tentar crear eternidade”, “os arquitectos somos a punta do iceberg que é necesaria para levar a cabo un proxecto”, “esencia que sae da terra e que volve novamente a ela”, “de sotaque Santiago está en todo o mundo, en Estados Unidos antes a única Galicia que había era a dos emigrantes de Hungría, hai moitos restaurantes galegos que son húngaros”, etc., etc., etc. Sen contar o interese repetido que mostrou en definirse en términos marítimos como “capitán do barco”, ou en parecer tan humano que ata dixo que pon os zapatos e pon o pantalón polas mañás e que tén catro fillos. Anda que, co frío que fai ás veces en Nova Iork, se chega a saír á rúa sen poñer os zapatos e os pantalóns...
Eu, se fose promotor inmobiliario se cadra non lle encargaba que me deseñase un edificio, pero se fose editor firmáballe cando el quixese un contrato para que me escribise un libro. O título quizais podía ser Os abelorios que lles vendín aos galegos, volume que sen dúbida tería que ter unha inmediata segunda parte titulada Os abelorios que lles sigo vendendo aos galegos.
Peter Eismann tivo, como diría Finito de Córdoba, unha tarde de gloria con tres orellas, paseo e volta ao rodo. A min só me quedou unha curiosidade: que quería dicirlle Ánxel Bernardo Tahoces cando lle moumeou a Ignacio López-Chaves que se tirase “á piscina”. Pois non se tirou.

miércoles, noviembre 14, 2007

Estado de felicidade permamente


Logo de saber que os ex presidentes da Xunta cobrarán, durante os dous anos inmediatamente posteriores ao seu mandato, o 60 por cento do salario do titular e, entre catro e dez anos, dispoñerán dunha persoa adscrita ao seu servizo, coche e condutor, e coa vista posta en que algunha vez terá que instaurarse o estado de felicidade permanente para todos, propoño a inmediata adopción da seguinte medida:
Que a todos os que estamos en idade de traballar e configuramos o censo da poboación activa galega se nos dea a oportunidade de sermos presidentes da Xunta aínda que sexa só por unha semana, e coa única pretensión de acadarmos os beneficios que se lles acaba de conceder aos que xa foron presidentes e seguen vivos: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga… Xente coma ti e coma min ou non?
Que algún experto en cálculo de probabilidades bote as contas e que me diga cando me pode tocar a min o choio, para volver das Bahamas, que é onde penso estar mentres tanto. Tendo en conta que a poboación activa anda abondo por riba do millón de persoas coido que aínba vou ter tempo de máis para bañarme e comer langosta en Bimini, que é a miña illa preferida. Se houbese algún Banco disposto a adiantarme un sustancioso préstamo, avaliable coa perpectiva de ser presidente da Xunta, que se poña en contacto comigo. Folga dicir que tal Banco, de ter intereses nalgún futuro plano de acuicultura ou enerxías renovábeis, por exemplo, sería especialmente escoitado cando me tocase sentarme no sillón de San Caetano.

martes, noviembre 13, 2007

Vendaval real


A Monarquía española segue estando enriba do estaribel. Nun martes 13 como o de hoxe, orixinou dúas noticias singificativas. Por un lado, o xuíz do penal da Audiencia Nacional Xosé María Vázquez Honrubia condenou a unha multa de 3.000 euros a cada un dos dous humoristas do semanario satírico El Jueves Guillermo Torres e Manel Fontdevila, por un delito de inxurias ao Príncipe cometido pola caricatura que lle fixeron a el e á súa muller representándoos en acto de unírense sexualmente.
Por outro, a Casa Real deu a coñecer a noticia de que a Infanta Elena e Xaime de Marichalar acordaron o “cesamento temporal da súa convivencia matrimonial”, que debe ser a nova maneira monárquica de avisar de que se rompe un matrimonio.
Non amaina, polo que se ve, o vendaval do Rei. Recén chegado do seu desencontro escandaloso con Hugo Chávez en Santiago de Chile, agora a separación da filla e unha volta máis de rosca no asunto da caritura principesca de El Jueves. Hai martes e 13 que deberían ser borrados do calendario mesmo para os reis.

domingo, noviembre 11, 2007

"¡Se callen, coño!" ou "¿por que no te callas?"


Dende o famoso “se callen, coño”, pronunciado polo golpista Antonio Tejero durante a patética intentona de golpe de estado na que participou tomando o Congreso dos Deputados o 23 de febreiro de 1981, ningún personaxe do devalar político contemporáneo volvera a pronunciar unha frase tan esperpéntica coma do Rei de España no derradeiro debate do cumio hispanoamericano que acaba de ter lugar en Santiago de Chile.
“Por que no te callas?”, berroulle o noso xefe do Estado ao xefe do Estado venezolano, Hugo Chávez, logo de que éste lle cahamase “fascista” ao ex presidente do goberno español Xosé María Aznar, algo que tamén foi criticado polo actual presidente Xosé Luís Zapatero (ver video aquí). Dá mágoa observar como a linguaxe que antes parecía exclusiva das “verduleras” rematou instalándose na dialéctica dos nosos próceres despois de pasar ampla e contundentemente polos programas de televisión de consumo masivo.
Que Hugo Chávez insultase a Aznar non sei a quen pode sorprender. O político español das guedellas participou en contubernios e conspiracións dirixidas contra o que foi militar golpista antes de converterse en gobernante democraticamente elixido polos venezolanos. O raro sería que Chávez falase ben de Aznar ou que éste se volvese chavista de repente e sen permiso de Busch. E conste que non intento xustificar a inportuna perorata demagóxica do case que ditador “democrático” bolivariano.
Con algunhas horas de retraso, Zapatero subíuse á altura das circunstancias cando tentou poñer a Chávez no seu sitio dicíndolle que “se pode estar nas antípodas dunha posición ideolóxica”, pero que “o ex presidente Aznar foi elixido polos españois e esíxolle…”. Neste punto foi interrompido por Xoán Carlos I, que sinalou a Chávez co dedo para berrarlle: “Por qué no te callas?”. Só lle faltou engadir o “coño” de Tejero para que o enxebrismo celtibérico se apoderase do cumio de Santiago de Chile. Anda que non debeu sentir vergonza allea a pobre Michelle Bachellet!
O malo deste pavero e infantil incidente é que só servíu para ocultar realidades máis preocupantes que veñen denunciando varios mandatarios latinoamericanos sobre a prepotencia mostrada nos seus países por algunhas empresas españolas, entre as que hai polo menos dúas galegas. E estas queixas non proveñen só da Venezuela de Chávez ou da Nicaragua de Daniel Ortega. Foron emitidas tamén en Arxentina, en Colombia e noutros países. O caso máis redundante protagonízao precisamente unha desas empresas que no seu día foron galegas, Fenosa, que empezou facéndose célebre na costa atlántica colombiana moito antes de ter problemas en Tegucigalpa. O mesmo Chile, país anfitrión do cumio latinoamericano deste ano, podía ter moito que contar se se lles preguntase aos indios mapuches o que lles pasou con empresas españolas recentemente.
Lonxe de todo isto, a reacción heterodoxa do monarca español, que sucedeu a Franco na xefatura do Estado por designación do ditador, foi a de mandar calar a Chávez, que rapidamente aproveitou a ocasión para lembrarlle a Xoan Carlos I que el tamén é xefe de Estado, pero coa diferencia importante de que foi elixido democraticamente, e que a el non lle tapa a boca ningún monarca estranxeiro. Imaxina alguén que pasaría se seguísemos na Idade Media? Pois que, a estas horas, os súbditos destes dous inventores da penicilina xa estariamos movilizados para andarmos e ballestazos nunha guerra de soberanía. Por que non se calarían os dous e así non tería un que mandarlle calar ao outro?
Hai quen di que o Rei de España anda nervoso polo vendaval que corre contra el e contra a institución que representa e, se cadra, isto é o que fai que perda a compostura como a perdeu en Santiago de Chile. Dende logo, como siga así, vanlle empezar a medrar os ananos e ha ter que facer cola para que o reciban cos brazos abertos algúns dos “irmans de América”. O seu “se callen, coño”, digo “por qué no te callas?” seguramente removeu nas súas tumbas a Malinche, Atahualpa, Bolívar, Maceo e uns cantos personaxes máis e mitos do continente que aínda lle sangan as veas.

viernes, noviembre 09, 2007

O Hamlet e a Telefónica


Na comisión da Cidade da Cultura fálase de case todo. De Bárbara de Bragança, de Fernando VI, de garaxes de Nova Iork, de Johan Cruif e dos balóns hexagonais. De todo o que faga falta para non falar segundo lle conveña ao compare-
cente. Na sesión de hoxe ata se falou de min (Thanks very much!, deputado Cerviño). Mágoa, porén, que non se fale todo o que sexa preciso para esclarecer a verdade do “gaiasazo”.
A Tuco Cerviño, persoa a quen eu lle quero ben de toda a vida, a el e ao seu irmán Carlos, que entregou a súa vida profesional á colaboración con varios pobos latinoamericanos, toocoulle hoxe baixar da vicepresidencia da mesa para facer de “inquisidor” –na práctica fixo de avogado defensor– nas comparecencias do secretario xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda, Xoán Hernández López, e de Carlos Alberto Amoedo Souto, secretario xeral da Consellería de Cultura e Deportes e secretario do Padroado da Fundación Cidade da Cultura.
Cerviño estivo inxenioso. Levou na súa carteira deputacional unha guía telefónica da provincia da Coruña e unha edición de peto do Hamlet de Shakespeare da colección Austral e brandíunas para loitar contra os muíños de vento que lle presentaba o voceiro do PP, López-Chaves, que hoxe volveu a repetir instantes de dialéctica entretida. O socialista, máis ou menos, mantivo con el o seguinte reto quixotesco: “Vostede quéixase de que o proxecto actual da Cidade da Cultura ocupa nove follas e di que o de antes era enormemente máis groso. Eu teño aquí a guía telefónica que ocupa moito espazo e unha breve edición do Hamlet. Xa me dirá cal das dúas é máis importante”. Estivo ben o golpe, aínda que non acabei de entender ben porque teñen que ser comparábeis Shakespeare e as comunicacións a distancia actuais, como non sexa por aquilo de que algo cheira a podre na Telefónica.
A de hoxe foi unha sesión divertida. O secretario da mesa, que para algo é psiquiatra, non parou de rirse, e con razón. Os médicos –Tuco Cerviño tamén o é– case sempre saben darlle á vida política unha dimensión hedonística que quizais os leguleios e os contadores de fabas da economía non senten aprezo por ela, pero que os contribuíntes que andamos polo medio da escaleira sabemos agredecer case sempre.
Do resto, pouco hai que contar que non se poda ler seguramente nos xornais de mañá. Estivo concreto e comedido o secterario xeral de Economía e Facenda, e algo máis espallado o da Consellería de Cultura, que ata se permitíu a licenza de rematar a súa última intervención dicindo que “con isto podo dar por concluída a miña comparecencia”. Como fagan coma el todos que faltan por desfilar polo Hórreo, a presidenta, que hoxe andaba algo collida polo trancazo invernal que aínda non existe, e a propia mesa enteira poden baixar tomar café tranquilamente que xa se ocuparán os comparecentes de determinar cando fica inaugurado o encoro.

jueves, noviembre 08, 2007

De Aníbal a Obelix


Se cadra é verdade aquilo que sempre diciamos os da miña xeneración de que na oposición é moito máis doado parecer máis guapo, máis listo e ata iso que agora puxo de moda o publicitario Miguel Conde de ser riquiño. Polo menos algo disto é o que lle pasou hoxe a Ignacio Xavier López-Chaves Castro facendo de Sherlock Holmes na comisión parlamentaria de investigación do que está a pasar coa Cidade da Cultura.
Logo do paseo triunfal que lle deixaron dar a Fraga o xoves botando man da súa sabedoría de enciclopedia para agocharse na metáfora de Fernando VI e Bárbara de Braganza ou nos soños que son soños de Quevedo, as comparecencias de Elías Suárez González, director xeral financeiro da Fundación Cidade da Cultura, e de Francisco Carracedo Doce, director xerente da mesma institución, non tiveron nada que ver coa literatura nin coa historia e si moita relación coa técnica interrogatoria dos policías e fiscais dos telefilmes americáns. López-Chaves fixo de Holmes, nalgún momento ata con brillantez, e Aymerich e Leicega a penas acertaron a faceren de meritorios dun gabinete do que antes se chamaba abogados do Estado.
E a quen lle caeu a china no ollo foi ao pintoresco personaxe que parece ser Elías Suárez, curioso self-made-man que presenta un currículo que se fose un cargo nomeado polo PP xa tería saído en máis dun medio de comunicación de fóra de Galicia. Digo eu que podería ser en Intervíu, en La Clave, en Tiempo ou polo menos nese Liberation de andar pola casa que se chama Público.
A este homiño que case non se lle pode escoitar nada do que fala, a dereita galega negoulle hoxe o pan, o sal e case o dereito a respirar, pero a verdade é que el tampouco se dá moito a valer. Mediante unha aparente frialdade británica, seguramente pensando en que os que ladran o que fan é deixarlle cabalgar, Elías Suárez fixo como a maior parte dos que comparecen nesta comisión e non se dignou nin sequera alporizarse, aínda que fose só un chisco, cando lle lembraron que foi expedientado por suposto acoso moral a unha empleada da Universiade de Santiago mentres que el ocupaba unha praza laboral nesta institución. Será, como el se esforzou en aparentar, un bregado home das contas, pero o que non é, dende logo, é un bo falador de galego por moito que sexa do Bloque. Escoitalo pronunciar os seus repetidos tempos compostos españoleiros (hemos feito, hemos etc.) ben podería darlle arrepío a Francisco Rodríguez.
Foi moi diferente a atitude e o aporte de Francisco Carracedo durante a súa comparecencia. Se Elías Suárez rematou contra as cordas case tanto como lle pasou a Pérez Varela o outro día, o director xerente da Cidade da Cultura nomeado pola conselleira Ánxela Bugallo non só non se deixou acurralar senón que ata logrou por en evidencia a animosidade da que foi obxecto algunha vez por parte do investigador do Partido Popular. Carracedo se cadra aínda non demostrou que pode ser un xerente da pirámide do Gaiás mellor co cuñado de Mariano Rajoy, pero o seu paso pola comisión fixo ver que se trata dun político xestor que non tén paxariños na cabeza. Seguramente sería bo que houbera máis coma el, mentres non se demostre o contrario polo menos.
En fin, que rematou o paso de Aníbal polos Alpes e comenzou o cruzamento de Obelix polo Ródano. Dos investigados do PP aos investigados do BNG e do PSOE. Como novidade, a petición da Xunta de incorporar á comisión determinadas e supostas probas audiovisuais que parecen comprometer –unha vez máis– a Pérez Varela. O PP pregunta, seguramente con algo de razón, por que aparecen agora e non antes estas probas que, por certo, xa foron filtradas antes á Cadena Ser. Animouse outra vez o cotarro, e ata pode ser interesante ver que dan de si as futuras comparecencias de Touriño, Quintana, Ánxela Bugallo e os que faltan por pasar polo pazo do Hórreo. Sen contar con que pode chegar a darse o caso, como apuntou hoxe Leiceaga, de que alguen pida que se volva a abrir un unha nova quenda de comparecencias. Esa si que sería boa quizais.

miércoles, noviembre 07, 2007

Fraga amansou os lions do circo









Definitivamente, o que está a contecer na comisión da Cidade da Cultura tén moito máis que ver cunha boa academia de retórica que co funcionamento dun gabinete de investigación que se propuxera levantar a alfombra e averiguar o que puido pasar no megalomaníaco proyecto final da xeira de Manuel Fraga en Galicia. A comparecen-
cia do rei Midas, ocorrida hoxe, de pouco ou de nada servíu máis que para revalidar esta idea. Nin sequera a participa-
ción do voceiro do BNG, Carlos Aymerich, que se mostrou acedo e inquisidor na comparecencia de Xesús Pérez Varela, estivo nesta ocasión á altura das circunstan-
cias. Parece como se Fraga lles metera medo a todos.
E iso que o vello lion de Vilalba chegou esta vez mansiño e condescen-
dente. A penas ergueu a voz máis do que a levanta unha monxiña da caridade e fixo gala en todo momento dunha case exquisita corrección política e dialéctica á que non nos tivo acostumados mentres que mandou en San Caetano. Non respondeu nin a unha soa das preguntas que lle fixeron tanto Aymerich como o voceiro do PSdeG-PSOE, que nesta ocasión foi o deputado Ismael Rego.
Fraga falou do “gran rei de España” Fernando VI, de Bárbara de Braganza, do Padre Feixóo, de onde quere el que sexa enterrado cando morra, de todo o que lle deu a gana, sen que a fiscalización que lles correspondía facer aos portavoces do BNG e do PSOE lle causase o máis mínimo problema en ningún momento. Perdeuse unha magnífica ocasión, que nunca se vai repetir, de tirarlle da lingua ao faraón de Gaiás .
Onde estaba hoxe o implacábel noqueador Aymerich que puxo a Pérez Varela contra as cordas o 29 de outubro? E iso que Fraga buscou a gorxa do contrincante dicíndolle que non había entre os que “soñaron” a cidade da Cultura ningún condenado en firme por asaltar casas de concello, en clara alusión a quen todos sabemos. Coa moderación e co look de senador romano que trouxo nesta comparecencia ao Parlamento de Galicia, Fraga adormeceu os lions do circo. Se, finalmente, todo transcorre como pasou hoxe é evidente que a cousa vai rematar cun sarao de confraternidade no que algúns beberán Moet Chandon, outros Ribera del Duero e os demais, aínda que só sexa polo que se diga, viño da terra.
E por que así? Xa empeza a haber varias respostas. Radio Macuto está empezando a transmitir que Carlos Aymerich foi chamado a capítulo pola actitude que mantivo durante o interrogatorio que lle aplicou a Pérez Varela. E algo debe haber porque o propio Alberto Núñez Feixóo, que tamén compareceu hoxe na comisión da Cidade da Cultura, non reparou en botarlle en cara que un alto dirixente da organización política nacionalista telefoneoulle para dicirlle que non estaba conforme co que fixera Aymerich. O dedo apunta, claro está, a Anxo Quintana.
De ser así, estariamos a piques de entrar nunha fase da comisión na que poden pasar moitas cousas, pero ningunha boa para que o resultado final sexa realmente un esclarecemento da verdade. Máis que nunca, agora si que resoan no teito da actualidade política galega as palabras do fiscal xefe de Galicia cando fala do que puido e pode estar pasando na Cidade da Cultura. Que nos colla confesados a Xustiza porque a política pode condenarnos a todos ao limbo do que aconteceu coa megalomanía de Gaiás.

martes, noviembre 06, 2007

Vida de galegos

Logo do delirante espectáculo que nos deron en Boiro coa repugnante agresión da que foi obxecto un menor de idade por parte doutro menor de idade e a participación dun menor máis na gravación da malleira mediante a cámara incorporada a un telefono móvil, debería poderse pensar que iamos pasar polo menos unha semana sen sufrirmos algún sobresalto máis.
Pois non, infórmanos La Voz de Galicia hoxe que algunha variante de desalmados cazadores andan envelenando cans e raposos por terras ourensanas de Oimbra. Esta mesma mostra de civilización actual rexistrouse hai poucas semanas pola serra de Outes e, se vostede lle dá as teclas de buscar cans envelenados en Google, corre o risco de ficar abraiado por pouco sensíbel que se mostre cara a este problema.
Preto de Boiro, en Aguiño, houbo un animal dos que andan a dúas patas que se fixo famoso por mallar no seu pobre pastor alemán como se fora un fole cheo de pulgas. E agora cóntanos El Correo Gallego, na súa edición de hoxe, que en Ribeira circulan videos nos que unha rapaza menor de idade tamén lle dá unha malleira a outra igualmente menor ou que outra mociña, tamén menor, fai strip-tease seguindo o ritmo dunha suposta peza musical titulada Baila morena. E conste que, entre dar malleiras e envelenar cans, o de espirse diante dunha cámara ata poderia ter algo de sublime.
E, andando nestas, vennos o columnista de La Voz de Galicia que vai de bar en bar, Xosé Carlos Caneiro, chamándolles "canallas" aos que “comercian coa inocencia ou coa falta de conciencia”, o que non deixa de ser unha exquisita maneira de matar outra vez o mensaxeiro. Coincide nisto co alcalde de Boiro, Xosé Deira, que non é do PP precisamente, senón do Bloque, e que non lle botou a culpa do lamentábel suceso de Escarabote a ningunha forma de fracaso escolar, familiar ou social senón a un fato de desaprensivos xornalistas que ata pagaron por averiguar o que pasou.
Pero iso si, estou de acordo con algo do que escribe Caneiro no remate do seu artículo cando di que “convén sinalar que deste lado hai xente. Os imprescindibles, que diría Brecht. Os que pensan que o ser humano aínda non está derrotado. Os que anotan, con coraxe, a última palabra desta columna: ¡Canallas!”. Terá razon. Deste lado seguramente está Inko von Wolfshang, un can pastor alemán da Policía española que agora traballa na Coruña, pero que antes prestou servizos tan importantes como detectar o zulo de Morata de Tajuña onde estiveron almacenados os explosivos utilizados para cometer a masacre do 11-M (ver noticia en La Voz) Os demais, polo de agora, parece que nos limitamos a vivirmos como galegos. A sermos “riquiños”, vaia.

viernes, noviembre 02, 2007

A La Voz de Galicia tocoulle a lotería de Fernando Salgado


Fun a Bertamiráns comprar un décimo do número 44987 da lotería de Nadal. Non resisto a tentación de que a min me toque algo tamén, e dígoo polo aguinaldo que lle acaba de conceder a Xunta a La voz de Galicia, S.A., editora do xornal que leva o seu nome, por exemplo.
Segundo aparece publicado na páxina 17.605 da edición número 212 do Diario Oficial de Galicia (DOG), correspondente ao día de hoxe, venres, 2 de novembro de 2007, unha resolución do 15 de outubro deste mesmo ano, da Secretaría Xeral de Comunicación, dá publicidade aos beneficiarios das axudas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión concedidas no ano 2007 ao abeiro da Resolución do 27 de decembro de 2006, que as convocou en réxime de concorrencia competitiva e financiadas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.30.151A.470.1 e 04.30.461A.470.1
Vese ben claro que a concorrencia competiviva de La Voz de Galicia é manifestamente superior. Dos 2.243.836 euros que a Xunta otorga a un total de 23 empresas, 967.782 van parar á caixa de La Voz de Galicia, S.A. Algo máis do 43,13 por cento de todo este aguinaldo propio de nadal político. E iso sen contar que outras dúas empresas que pertencen ao grupo de Santiago Rey tamén levan a súa tallada. Vemos así que Canal Voz, S.L. cobra 21.224 euros dos fondos públicos que controla o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, ex empregado de La Voz de Galicia, e a Voz de Galicia Radio, S.A. concédenselle outros 6.610, o que fai que montante que lle toca ao Gupo Voz sume 995.616 euros e que a tallada represente máis do 43,37 por cento de toda a tortilla.
En fin, que as empresas xornalísticas que van pasar pola caixa da Xunta e os importes dos aguinaldos que reciben son os seguintes: 1) La Voz de Galicia, S.A, 967.782 euros. 2) Faro de Vigo, S.A.U., 385.374 euros. 3) El Progreso de Lugo, S.L., 175.798 euros. 4) Editorial Compostela, S.A., 169.806 euros. 5) Editorial La Capital, S.L., 111.929 euros. 6) La Región, S.A., 108.070 euros. 7) Lérez Ediciones, S.L., 82.699 euros. 8) La Opinión de La Coruña, S.L., 54.611 euros. 9) Rías Baixas Comunicación, S.A., 43.931 euros. 10) Radio Popular, S.A., 22.312 euros. 11) Radio Coruña, S.L., 21.233 euros. 12) Canal Voz, S.L., 21.224 euros. 13) Radio Galicia, S.A., 16.200 euros. 14) Uniprex, S.A., 15.267 euros. 15) Radio Pontevedra, S.A., 10.610 euros. 16) Vieiros Información en Rede, S.L., 10.446 euros. 17) Voz de Galicia Radio, S.A., 6.610 euros. 18) Europa Press Delegaciones, S.A., 4.469 euros. 19) Interdix Galicia, S.L., 4.245 euros. 20) Telecable Compostela, S.A.U., 3.945 euros. 21) Radio Orense, S.A., 3.823 euros. 22) Axencia Galega de Noticias, S.A., 3.452 euros.
Se por fin a min me acaba tocando tamén a lotería de Nadal que comprei en Bertamiráns, hei gastar un euriño en selar unha carta a Touriño pedíndolle que lle diga a Salgado que, a próxima vez que reparta aguinaldos, se acorde de darlles algo tamén a El País, A Nosa Terra, El Mundo, El Periódico, ABC e mesmo Le Monde. Non é por nada, pero eu léoos moito máis ca varios dos que case se fan millonarios cos aguinaldos da Secretaría de Comunicación. Claro que, pensándoo ben, por que hai que gastar os cartos dos contribuíntes en encher as huchas de tantas empresas que foron creadas para concorrer no mercado libre que tanto defenden? Debería abondarlles con someterse a esa libre concorrencia. E que ben iría a millonada que levan elas se o bipartito a destinase á educación e á sanidade, por exemplo.

jueves, noviembre 01, 2007

A nómina de Pérez Varela











Nómina (do latín nomina, nombres), na súa primeira acepción recollida tanto no Diccinario de la Lengua Española (RAE) como no Gran Diccionario Xerais da Lingua, poño por casos, significa lista ou catálogo de nomes de persoas ou cousas. Independentemente da segunda acepción que ambas fontes etimolóxicas lle dan a esta palabra (relación de persoas que cobran un salario), facerlle a nómina é exactamente o que lle fixo o deputado do BNG Carlos Aymerich ao ex conselleiro de Cultura Xesús Pérez Varela cando compareceu na comisión que investiga a Cidade da Cultura o pasado 29 de outubro.
O no seu día hóspede político de Fraga e ex director do xornal extremeiro El Imparcial debeu pensar que a mellor maneira de encarar unha boa treboada non é abrindo o paraugas senón poñéndose un mesmo a relampar como se fose un Thor calquera. Iso foi o que tentou facer o admirador da cantante galega Carmina Burana. Debeu pensar que tantos anos a carón dun ex ministro de Franco abondarialle para ser un bo mestre de retórica que noquease os inquiridores do Bloque (Aymerich) e do PSdeG-PSOE (Fernández Leiceaga) que ese día acudiron ao pazo do Hórreo con dentes moi afiados, sobre todo o primeiro.
Non lle servíu de nada, polo tanto, impostar a voz ou sobreactuar ata extremos de patetismo case inusitado. Carlos Aymerich quixo ser un Baltasar Garzón que interrogase a un batasuno exaltado ou a un comerciante de “fariña” das Rías Baixas, e non lle deixou nin sequera respirar. “Dígame vostede, se lle parece, cal era o seu patrimonio persoal antes de chegar á Consellería de Cultura e cal é o de agora”, empeñouse en espetarlle unha e outra vez sen lograr nunca que Pérez Varela lle concretase nada máis ca unha frase que pode ter lecturas diferentes: “Eu son –díxolle– un home básicamente honrado”. Basicamente, basicamente honrado, quen non o é? O que pasa é que a min dame o corpo que Aymerich non lle preguntaba só pola base. Tamén indagaba polo resto da obra, tellado incluído.

Plexus
Cabreouse, polo tanto, o voceiro nacionalista na Comisión da Cidade da Cultura e botou a man á media ducia de folios con notas manuscritas que levaba e a varios informes e referencias empresariais cos que teceu a rede de empresas e de persoas relacionados co político comparecente. A nómina de Pérez Varela, por dicilo brevemente.
Para empezar, Tecnologías Plexus. S.L., unha empresa administrada por Antonio Agrasar Cascallar, que foi asesor de telecomunicacións da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) cando esta entidade estaba dirixida por Francisco Campos Freire, un xornalista natural da Terra Cha luguesa que pasou dos seus anos mozos cercanos ao Partido Comunista á alta execución empresarial durante varios gobernos da dereita. Agrasar foi tamén membro da ponencia que se encargou de proxectar o edificio de novas tecnoloxías que estivo previsto que se construíra na Cidade da Cultura.
En Plexus tamén están Carlos Hrenández Sande, apoderado, e Xosé María Sánchez González, Chema, un avogado nacido en Betanzos no ano 1961 que entrou na función pública como interino a finais dos anos oitenta. En 1993 aprobou a oposición ao corpo superior de funcionarios (grupo A) e, dende o 30 de xaneiro de 1993 ao 16 de febreiro de 1994, foi subdirector xeral de coordinación da oficina do portavoz do goberno de Fraga. Dende o 17 de febreiro de 1994 ata o 13 de xaneiro de 1996, foi subdirector de coordinación administrativa da Consellaría de Cultura, departamento no que foi nomeado secretario xeral o 20 de xuño de 1996 cando Xesús Pérez Varela susbtituíu a Vítor Manuel Vázquez Portomeñe.
Xosé María Sánchez González cesou na Consellaría de Cultura o 6 de febreiro de 1998 e o seu cargo de secretario xeral pasou a ser ocupado por Andrés González Murga. Poucos meses despois, en xuño de 1998, foi nomeado presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), cargo no que cesou en abril do 2000. Seis anos antes, en setembro de 1994, solicitara a compatibilidade para exercer de avogado, que lle foi concedida un mes máis tarde. Dende aquela exerce de avogado con despacho no primeiro andar do predio que ocupa os números 22 e 24 da rúa compostelá deo Xeneral Pardiñas, lugar onde están radicadas tamén algunhas das empresas relacionadas con Pérez Varela. Sánchez tamén foi membro do consello de administración da sociedade anónima que xestionou o Xacobeo e participou na preparación do programa de Terra Mítica.

SIM
Segundo explicou Aymerich na sesión que desenvolveu a Comisión da Cidade da Cultura o 29 de outubro, a empresa Soluciones Informáticas y Multimedia, S.L (SIM) tamén se formou dentro da órbita trazada por Pérez Varela durante o seu paso pola Xunta. A fronte dela, outro ex alto cargo: Xosé Manuel Soto Vázquez, que foi director xeral de Comunicación Social e Audiovisual de 1995 a 1998. Este enxeñeiro superior de Telecomunicacións ocupouse na Xunta de conceder as redes de cable, potenciar a industria audiovisual e extender a autopista da información e a rede de microemisores de televisión.
Antes xa fundara e dirixira, de 1986 a 1995, unha consultora de telecomunicacións chamada Soinco coa que participou no estabrecemento da rede de difusión da radio e da televisión galegas, na rede Trunking, na rede de radioenlaces dixitais, na de telecomunicacións do Parque Tecnolóxico e na rede de voz, datos e cableado estruturado da Universidade de Santiago. O seu primeiro traballo, logo de licenciarse na ETS de Enxeneiros de Telecomunicación de Madrid, en 1979, foi dirixir a empresa Datanova, da que tamén era socio, adicada a desenvolver e comercializar solucións informatícas, e que foi o primeiro comercializador de Macintosh-Apple en Galicia.
Cando saíu da Xunta, en 1998, pasou a ser director xeral da empresa Intelsis na que estivo ata o ano 2000 e na que incrementou as vendas nun 268 por cento ampliando a carteira de clientes a Airtel, Uni2, Ericsson, Siemens e Marconi e iniciando actividades con Brasil, México e Cuba.
De Intelsis, Soto pasou a ser o director territorial de Telefónica para Galicia e Asturias, cargo que ocupou dende o ano 2000 ata o 2002. Durante este tempo estabreceu contratos de voz, datos e móviles coa Xunta de Galicia e xestionou o máximo nivel da interlocución con gobernos autónomos, concellos e grandes empresas de Galicia e Asturias. No momento actual Xosé Manuel Soto é director xeral de SIM, S.L. Como el mesmo se encargou de autocertificarse, o 18 de xuño de 2003, dende a dirección xeral de SIM, participou “na xénese da Cidade da Cultura dende o seu cargo de Dir. Xral. De Comunicacións Sociais e Audiovisuais, así como tamén a través do Padroado da Cidade da Cultura como director territorial de Telefónica durante os anos 2001-2002”.

Auditores Asociados
Francisco Loimil Garrido e a súa empresa Auditores Asociados de Galicia, S.A. foron contratados polos departamentos do goberno autonómico que controlou Pérez Varela para asesorar varios aspectos da Cidade da Cultura, o Xacobeo, a celebración da Volvo Ocean Race, a Fundación do Deporte Galego, etc. A muller de Loimil, Virxinia González Varela, foi colocada na Fundación da Cidade da Cultura polo seu director xerente, Ánxel Currás Fernández, irmán do daquela conselleiro de Educación do goberno fraguista, Celso Currás.
A Emilio Álvarez Rey, fillo dun ex secretario xeral de Economía do goberno do que formaba parte Pérez Varela fóronlle adxudicados sen concurso contratos relacionados coa seguridade de datos e a dixitalización documental por importe de 60.000 euros.

Comunled
Na empresa Comunled, S.A. é como se se puxeran de acordo todos para coincidiren nela. Francisco Campos Freire, ex director xeral da CRTVG, un dos administradores. Xosé María Sánchez González, Chema, ex secretario xeral de Cultura, un dos presidentes. Xosé Manuel Soto Vázquez, ex director xeral de Comunicacións Sociais e Audiovisiuais, conselleiro delegado. Francisco Loimil Garrido, o “asesor” para case todo, administrador. E para que houbera alguén de Madrid, como dixo Aymerich, Rafael Cortés Elvira, ex secretario xeral do Deporte nun dos gobernos de Felipe González, tamén administrador de Comunled.

Globalpatent, S.L. e Promociones Culturales Inversiones Financieras e Inmobiliarias, S.L.
Estas dúas empresas teñen a sede no mesmo andar da rúa Xeneral Pardiñas de Santiago no que está o despacho de avogado de Xosé María Sánchez González, Chema. Un lugar ao que lle chama “a casa dos maletíns”, segundo dixo no Parlamento o deputado Aymerich.
Aquí volve a repetirse polo menos un dos nomes. En Globalpatent Patentes y Marcas, S.L. é administrador Xosé María Sánchez González, que tamén exerce o cargo de administrador único en Promociones Culturales Inversiones Financieras e Inmobiliarias, S.L.

Por esta rede de Xesús Pérez Varela, que foi definida por Carlos Aymerich, circularon tamén Manuel Fernández Balboa, irman de Elvira Fernández, esposa de Mariano Rajoy Brey, que foi nomeado director económico financeiro da Cidade da Cultura; Ánxel Currás Frenández, director xerente da mesma entidade e irmán do daquela conselleiro de Edcucación, Celso Currás; Alfredo Díaz Grande, marido da que foi conselleira de Familia dun dos gobernos de Fraga, Pilar Rojo Nogueira, o arquitecto ao se lle encargaron a coordinación do concurso de ideas para a Cidade da Cultura e home de fraca memoria como demostrou o día que compareceu diante da comisión investigadora; e Eladio Cuíña Crespo, xerente da empresa Inasus que lle subcontratou a Necso-Copasa varias obras da Cidade da Cultura e que petenece tamén ao ex conselleiro de Ordenación do Territorio e ex secretario xeral do PPdeG Xosé Cuíña.
A totalidade dos que figuran nesta nómina forman parte doutras numerosas e moi diversas empresas. O propio Pérez Varela formou coa súa muller, María Luísa Cidoncha Berlanga, Chuvieira, S.L., unha empresa adicada á organización de espectáculos, entre outras cousas, que provee de “pingües beneficisos” aos seus fundadores, segundo recoñeceu no Parlamento o propio Pérez Varela minutos antes de que lle recomendara a Aymerich ler “a entrevista póstuma (sic) que lle fixo a Antón Losada un xornal de tirada nacional”.