jueves, abril 30, 2009

Os atallos de Feijóo

Mal atallo está pillando o presidente da Xunta con iso de lanzar a treboada sobre a polémica lingüística e outros temas dende os púlpitos da Cope e da Antena 3, emisoras que lle son tan afins como lle era o xornal Arrriba a Franco. Por outra parte, se se confirma o que onte publicou Faro de Vigo sobre unha inmediata intervención súa nos centros educativos, encol da elección de idiomas, a que lle pode caer enriba dende aquí ao outono, por parte dos sindicatos, profesionais do ensino e outros sectores da sociedade, pode rematar sendo das que marcan época. Para empezar, xa está aí a data do 17 de maio, día no que haberá manifestación en Santiago para protestar contra a política antigalega do PP en materia lingüística.
Publicou onte Faro de Vigo, e non foi desmentido por ningún voceiro da Xunta, que Núñez Feijóo tomou a decisión de “repoñer os dereitos civís” nas aulas e dar total liberdade aos alumnos para que, agás nas asignaturas de Lingua Galega e Lingua Española, podan dirixirse aos profesores e realizar os exames no idioma que elixan, galego ou o castelán. O presidente fala de repoñer dereitos como se acabásemos de saír dunha ditadura.
O citado xornal engade que o presidente da Xunta xa se dirixiu á Inspección Educativa para que traslade estas novas ordenanzas a todos os centros. Chama a atención que o presidente da Xunta se dirixa directamente á Inspección Educativa para darlle ordes pasando por riba da propia Consellería de Educación que, aínda así, terá que ser o organismo que faga chegar aos centros as medidas anunciadas. O Faro publicou que tal comunicación vaise facer por medio de circulares enviadas “de forma inmediata”, pero a primeiras horas do día de hoxe tales comunicacións non chegaron aínda aos centros que puido consultar Croques.
Segundo a fonte xornalística citada, as novas instruccións darán liberdade para elixir idioma tanto aos profesores coma os alumnos e, aínda que segundo parece na contorna de Feijóo considerase, logo de consultar xuristas indeterminados, que esta medida non implica incumprimento do decreto vixente regulador do ensino, o ambiente que pode crear parece estar lonxe dese conformismo e xa non faltan os que anuncian que Feijóo ou quen tome oficialmente estas medidas incorrirán supostamente en incumprimento da lexislación vixente. A tronada está cerca de escachoar en novos episodios que agudicen aínda máis o desencontro lingüístico que aportou a chegada do goberno de Feijóo á Xunta.
Se a todo isto se engade a orden que lle deu Feijóo á directora xeral da Función Pública para que, nas próximas oposicións que se leven a cabo, os opositores tamén podan elixir entre o galego e o castelán, todo se complica aínda máis. Como ao presidente da Xunta lle pete seguir gobernando por riba dos seus conselleiros e anunciando as medidas a tomar mediante interrogatorios feitos por Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez, ha pasar pouco tempo sen que poda tomar novas medidas para reducir os gastos. Polo de agora xa empezan a sobrarlle outros dous conselleiros, a de Facenda e o de Educación. Se é el quen vai administrarar e non eles as súas competencias, aforraranse polo menos dous Citröen que tamén se poden vender no lote dos Audi.
Xa hai quen fala (Bieito Lobeira dixit) de que o que está a facer Feijóo “conculca directamente a legalidade e atenta contra os dereitos lingüísticos dos administrados”. Algo pode haber de verdade, e seguramente o presidente da Xunta facería ben en ser máis respectuoso coa lexislación vixente. Se non lle gusta, que a cambie. Agora tén maioría lexislativa e pode facelo. Pero, mentres tanto, debería cumprir o Plano de Normalización Lingüística que promoveu e fixo aprobar un goberno galego precisamente presidido por Manuel Fraga Iribarne. Quere pasar Núñez Feijóo á historia como o revisionista do galeguismo de Fraga? Como o político que decide devolver o idioma galego á cladestinidade? Aló el, se ese é o seu gusto.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Xa lle mirou as orellas ao lobo. Segundo publica hoxe La Voz de Galicia, Feijóo desminte que vaia dar instruccións "de forma inmediata" para "repoñer o dereito constitucional". O medo é libre.

Hildegart Canido dijo...

Como siga así, Feijóo non remata a lexislatura. Un día A e outro B. O día A goberna Galicia Bilingüe. O B, a oposición, os sindicatos e os ensinantes. Isto si que pode dar un bo bipartito.

Touceda dijo...

Segundp algunhas informacións (véxase Vieiros, por exemplo), agora Feijóo di que vai ser a Inspección Educativa a que estudie se é preciso reformar o decreto. Estaremos empezando a tolear? A Inspección Educativa encargada de dicir o tipo de ensino que hai que aplicar? Se é así, están de máis o Parlamento e o Goberno. Que se supriman para aforrar cartos.

Anónimo dijo...

Pois se vai ser a Inspeción Educativa a encargada de estudar a reforma do decreto, estamos aviados.
Non sei se saben que son esos fenómenos e "fenómenas" os que lle abriron catro expedentes a un profesor substituto no Instituto Manuel Murguía de Arteixo con resultado final de ser expulso das listas de profesores interinos.
E todo porque reclamou na direción do centro que as clases de Matemática se deran en galego, como manda a lei.
A Inpeción Educativa preferíu abortar esa protesta antes ca comprobar a veracidade da denuncia, precisamente o seu labor.
Claro, nese centro de Arteixo traballa algún voceiro da asociación "Galicia Bilingüe", ex-membro do PCE e representante que foi de CC.OO de Ensino.

Antón Dobao dijo...

Feijóo é Fausto e Gloria Lago Mefistófeles. E o problema que ten Fausto nestes momentos é que xa Mefisto lle esixe a alma. Fausto atoutiña porque non sabe cómo saír indemne do paso, mais Mefistófeles coñece extraordinariamente ben cal é o seu cometido neste pauto preelectoral. Ou todo ou nada. Morrerá o doutor Fausto despois de lle entragar a alma enteiriña a Mefistófeles, ou, nun alustro de inspiración divina, buscará axuda para practicar un exorcismo severo? Atentos á xogada.

Hildegart Canido dijo...

Bóisima a parábola, mestre Dobao, boísima. Estaremos atentos ao desenlace.

Anónimo dijo...

Carísimo Dobao:
E cómo chegamos a esta situación?
Alén do auto-odio, da tendencia suicida do povo galego, do uso de tres formas de escreber e falar o galego na Galiza..., tes algunha opinión sobre as causas que levaron a esta situación?

Antón Dobao dijo...

Carísimo Anónimo:
Talvez todas as causas que citas son certas. Ou unhas máis ca outras. Non creo na tendencia suicida de ningún pobo. Creo que hai unha base material que determina, por exemplo no noso caso, a mudanza de lingua de pais a fillos. E tamén creo que sobreviviremos a calquera adversidade. Se o pobo galego tivese esa tendencia suicida non estariamos aquí falando do que falamos nesta lingua. Talvez o autoodio é máis que nada necesidade de ser outros. E esa necesidade, que é subxectiva, pode ter moitas causas. Castelao enganábase cando dicía que a lingua non se sente co bandullo.

Anónimo dijo...

Penso que neste asunto da lingua ( como noutras moitas cousas) a igrexa galega vaise indo "de rositas".