Dificilmente se pode escoitar algo tan inmoral comas declaracións que lle fixo Alberto Núñez Feijóo a Jiménez Losantos na Cope (premer aquí para escoitalas). Falando dos Audi que tanto o obsexionan e que tanto redimento lle deron na súa inexcrupulosa campaña electoral, Pedro J. Ramírez faille pronunciarse sobre o número destes coches que hai na Xunta. “No lo sé, pero calcule usted que unos 25”, responde o presidente galego. “Que afán tenían estos señores!”, retruca Jiménez Losantos referíndose aos do bipartito, e Núñez Feijóo non se tomou a molestia de aclarar que fundamentalmente non foron eles os que compraron este tipo de coches senón os anteriores gobernos de Fraga, nun dos que el foi vicepresidente.
Curiosamente, hoxe podemos ler na edición galega de El País unha interesantísima información que tamén se refire aos Audi da Xunta. Agustín Hernández, agora conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, daquela presidente de Augas de Galicia, comprou tres Audi que custaron 262.000 euros e que se incorporaron ao parque móvil dunha sociedade da Xunta que só tiña cinco traballadores e que se atopaba en perdas. O primeiro destes coches saíu por 53.374 euros e o derradeiro por 133.128. Os tres foron parar á Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, que dependía de Augas de Galicia, daquela presidida por Agustín Hernández.
O Consello de Contas de Galicia fiscalizou esta entidade instrumental durante os anos en que Hernández presidiu Augas de Galicia (dende setembro de 1998 a febreiro de 2002). O primeiro Audi comprado foi un A-8 de 260 cabalos, adquirido a unha entidade bancaria en outubro de 1999 mediante leasing por un prezo de 53.274 euros. No contrato figuraba unha duración de 36 meses, cun interese do 5 por cento e cuota anual de 18.926 euros. Case un ano despois modificouse o contrato respectando as condicións anteriores, pero acordando cambiar ese coche por outro Audi, un S-8 4,2 V8 Quatro trip tronic, que era daquela o coche máis caro da marca alemá e custaba 75.460 euros. A finais do 2001, a mesma empresa de Agustín Hernández asinou unha terceira adquisición coa marca Audi, un A-8 largo 4,2 Quatro trip tronic, outra vez o modelo máis caro, pagando por el 133.128 euros. Respecto a esta compra, o Consello de Contas ditaminou o seguinte: “Mantivéronse o resto das condicións inicialmente pactadas, tanto no que se refire ao tipo de interese como ao vencemento do contrato, o que conlevou a modificación da contía das cotas abonadas, de xeito que non garda a máis mínima proporcionalidade co resto das cifras da sociedade”.
Estes tres Audi convertérenose no maior ben que tiña a empresa compradora. “O maior saldo do ativo do balanzo de situación –ditaminou o Consello de Contas– está constituído polos dereitos sobre bens en réxime de arrendamento financeiro dun vehículo”.
Mentres que a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos levaba a cabo estas compras en coches de luxo a súa situación económica rexistraba abondosas perdas. No 2000 tivo resultados negativos de explotación por importe de 226.994 euros. Cando foi constituída, no ano 1993, baixo a tutela de Agustín Hernández, só estivo a cargo dunha soa obra, a mellora da rede do saneamento do río Lagares en Vigo.
Segundo publica El País, fontes da consellería afectada sosteñen que Agustín Herández nunca fixo uso deses Audi senón que daquela utilizaba un Passat asignado á Dirección Xeral de Obras Públicas. Segundo esas fontes, os Audi fron comprados por decisión da consellería que dirixía o agora falecido Xosé Cuíña. Botarlle a culpa aos mortos sempre foi un recurso dos que non teñen outra cousa que dicir.
5 comentarios:
Se os do bipartito lle sacaran todo isto ao PP antes das eleccións, Feijóo non estaría agora mesmo presidindo a Xunta nin dándolle a volta á tortilla no asunto da lingua.
Tarde piache
Acabo de escoitar ( con bastante esforzo por certo) a famosa entrevista da Cope e sinto pena de que un presidente de Galicia adopte unha actitude tan sumisa, tan inconsistente e tan débil como a que demostra o señor Feijóo.
Dá a sensación de que o presidente sinte medo de estes dous persoaxes. Touxérono e levárono por donde quixeron!
Polas súas respostas semella non ter un dominio profundo dos temas e non querer incomodar aos interlocutores.
Xúrolle que me fixo botar de menos a Fraga.
As cousas non son tan fáciles como sacar ou non sacar nun determinado momento determinadas cousas.
Estou seghuro de que aínda sacándose non ían ter "os altifalantes" dos medios "vendidos ". Penso que non abonda con ter a razón e aireala. Hai resortes do poder real que estes que acaban de perder o poder administrativo non son quen de pulsar. Cecais nin xiquera se poden pulsar.
Confío nunha revolución tecnolóxica que deixe obsoletos os mass-media tradicionais e democratice máis a información.
E necesitamos máis madurez emocional, máis destrezas relacionais e menos contidos. Outra sociedade, outros políticos, outro xeito de facer política.
Miseria absoluta é o que nos vai caer!.
E certo que La Voz de Galicia está a organizar o sorteo dun Audi? Se isto é certo, é creo que non é unha coña, trátase do Audi de Touriño?
Publicar un comentario