martes, abril 14, 2009

Welcome, sir Feijóo

Lin de cabo a rabo o discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo e fiquei como se acabase de saír dun dos seus mitins da campaña electoral. Dun total de 13.590 palabras, 45 follas, 85.971 caracteres con espazo, 503 párrafos e 1.930 liñas, máis dunha cuarta parte está adicada a comernos aínda máis a moral lembrando o mal que anda todo na nosa terra. Faino, iso si, coa desculpa de serlle fiel a aquelas palabras que ponunciou Vaclav Havel cando se dirixíu, como presidete de Chequia, á súa nación: “Supoño que non me propuexeron para este cargo para que vos minta”.
Se mentíu ou non Feijóo hase saber co tempo. A min o que quizais me sorprende e ver como se pode “describir” o mal estado da sociedade galega esquecéndose, como se esquece Feijóo, de que só pasaron catro anos dende que saíron do poder os que que ocuparon a Xunta durante tres décadas e un ano. Entre eles estaba o que agora vai ser presidente de Galicia. A sanidade, o ensino, as obras públicas… todo está patas para riba. Será só por culpa do pobre bipartito?
De calquera maneira, tranquilos todos. Chegou o PP renovado de Feijóo e onde había, segundo el, enfrontamento e imposición lingüísticos agora vaise instaurar a “amabilidade”. Xa verán, erguerémonos todos pola mañá e sairemos á rúa saundando o resto dos transeuntes con estas palabras: “Buenos días, simpático congénere, como le va?”, “Bos días, aprezado concidadán, que tal pola casa?”, “Good morning, dear brother, as will you?”. Porque esa é outra. Non imos ser só bilingües. Trilingües (en inglés, of course) é o que imos ser.
Está ben. Tampouco hai que darlles moita importancia aos discursos de investidura que xa se sabe como van rematar. Están para o que están. Que é para pouco máis que para saír na tele pública. O de Feijóo foi o que compría agardar. Tecnócrata e comedido. De circunstancias. Como se ao seu autor o pillase de sorpresa ter que ponuncialo, aínda que dixese que o 14 de abril (Día da República, repare o lector) é o día máis importante da súa vida.

3 comentarios:

Almiral Mouchez dijo...

Boa observación, Monsieur Perfeuto...!!!!

(O Día da República, efectivamente.)

Eu non son republicano, porque me gustan moito as catedrais, os castelos e as procesións, como ao Meu Señor Valle-Inclán, pero non deixo de recoñecer que as filas do republicanismo están cheas dunha xente marabillosa.

Anónimo dijo...

Verbo do discurso de investidura, eu tamén boto en falta que Feijóo09pronunciase parte do seu discurso en castelán como atinadamente reivindica hoxe Roberto Blanco Valdés en La Voz de Galicia.

MS dijo...

Si, hom, e xa postos, en inglés tamén, con acento BBC. Cómpre ir predicando co exemplo.