O sábado pasado, os membros da Irmandade dos Vinhos Galegos acudimos á catedral de Santiago para cumprir co Ano Santo. Monseñor Xulián Barrio díxonos a Misa e pronunciou unhas belas e axeitadas palabras. Impresionante o ambiente que había no templo compostelán, con preto de tres mil peregrinos, o botafumeiro funcionando e sonando as chirimías.
A ocasión completámola cunha cata de viños, un acto oficial de recebemento de novos irmandiños e un xantar que tiveron lugar no Hostal dos Reis Católicos, que agora xa é hotel-museo. Para min, a ceremonia máis emotiva foi recibir a Isaac Díaz Pardo como Irmandiño de Honra da nosa entidade. O gran pintor, bo escritor e empresario histórico mostrou a emocionada ledicia de chegar a onde é querido e aprezado. Se hai quen non sabe respectar a súa figura, a Irmandade dos Vinhos Galegos non está entre eles. Nós mostrámonos moi honrados e orgullosos por sermos irmandiños de Isaac Díaz Pardo.
8 comentarios:
Un brindis por Isaac Díaz Pardo.
O que me alucina é a pleitesía rendida, unha vez máis, á igrexia. Como é posible que no 2010 calquera acto público, desde esa báquica reunión de Irmandiños ata unha de ex-alumnos de instituto pase por unha misa?
Non hai mulleres nesa irmandade?
Para non repetirmonos, asumo o texto do anónimo das 09:55.
Eu tampoco quero repetir e fago a mesma pregunta da compañeira do suroeste.
Eu tampouco e recollo as dúas dos anónimos das 12:23.
Pois eu aproveito o interese das dúas preguntas para autopostularme como posíbel cónfrade de tal ilustre e selecta confraría. Que hai que facer, don Perfeuto, para ser admitida sen cambiar o sexo?
Suxestión: os ateos-machos poden autopostularse tamén.
SurOeste (e demais puntos cardinais de Anxos García Fonte):
Se de min dependese, a túa autopostulación sería inmediata, grata e satisfactoriamente admitida a trámite. Se che vale de algo, eu xa te considero Irmandiña.
Señor Conde, a súa fraternidade agradézoa moito, pero cumpriría o consenso dos demais fratell@s, porque eu de entrar entraría con voz e voto. Como se tramitaría un caso destes? Cal é o procedemento a seguir? Como foi no caso de Don Isaac? Estaría eu nun caso semellante ou esixiríanseme probas especiais? Que conste que a min o viño gústame case sen excepcións, sexa cal sexa sempre lle atopo algunha virtude.
Publicar un comentario