miércoles, marzo 24, 2010

O urbanismo é demasiado importante para deixalo só nas mans dos alcaldes

Corren malos tempos para o ecoloxismo e o urbanismo sostíbel. A Lei do Solo que conseguiu aprobar en solitario o PP volve a abrir cancelas que, sen estaren pechadas, podían conter algo a especulación e os intereses inmobiliarios que sempre se mostraron capaces de levar por diante a natureza, a paisaxe e o medio ambiente en xeral. Quizais non sexa máis ca unha pequena mostra, pero a min resúltame chamativo que unha das modificacións introducidas na nova lei sexa a de eliminar todo control da incidencia do gas radón nas construccións, precisamente no momento no que este tema empeza a preocupar á xente e diversos organismos tratan de estudialo seriamente.
A primeira consecuencia que acaba de ter en Francia o resultado das eleccións rexionais foi precisamente a marcha atrás que meteu o goberno de Sarkozy retirando o proxecto que tiña presentado para aplicar unha denominada “taxa carbon” coa que se pretendía reducir e paliar algo a contaminación das empresas e dos particulares. O importante fracaso electoral das forzas políticas do presidente francés, a favor da esquerda e do ecoloxismo pero tamén da extrema dereita de Le Pen, fixo recuar o pretendido compromiso ecoloxista de Nicolas Sarkozy cara a un “écolo-scepticisme”, como lle din agora dende os grandes xornais de París (Le Monde e Liberation).
No tocante a Galicia, este remake antiecolóxico foi inaugurado por Núñez Feijóo nada máis chegar ao poder. Aproveitando máis o impulso reaccionario de que en épocas de vacas fracas hai que muxir o animal estea onde estea ca cautela de que en tempos de crisis non se debe facer mudanza, o goberno do PP meteuse a facer unha auténtica contrarreforma que vai, principalmente, dende a reordenación do ensino do idioma galego e o tratamento da cultura á ordenación do territorio e o urbanismo. Do mínimo control estabrecido polo bipartito precedente pasouse, sen solucción de continuidade, outra vez ao liberalismo inmobiliario que pode volver a caer no descontrol que provocou algún dos máis abracadabrantes atentados contra a paisaxe e o medio ambiente concebidos e executados durante o longo mandato de Manuel Fraga.
Neste proceso volve a cumprir un rol determinante a recuperación do protagonismo urbanístico por parte dos poderes municipais. Volven a ser os alcaldes os que teñen a tixola polo mango e o mango tamén en materia de construcción, rehabilitación e ordenación urbnística. Pois vaia perigo! Imaxina alguén ao alcalde de Cuspidiños de Arriba enfrontándose aos poderosos intereses inmobiliarios de Construír ata no Inferno, S.A.? Cos petos valeiros como están os dos Concellos actuais, negaráselle algunha licenza importante a quen queira construír apartamentos aínda que sexa enriba dun castro ou a pé de praia? Se é verdade que a guerra é demasiado importante como para deixala só nas mans dos militares, o urbanismo tamén o é como para non deixalo só nas mans dos alcaldes.
En todo isto é no que anda renqueando o PSdeG-PSOE. Por un lado os de Touriño, que aínda lles queda algo de vergoza toureira. E, por outro, os de Pachi Vázquez que, como político que empezou mandando na vida municipal, saben a onde se pode chegar pola vía local. O problema é que na nosa terra hai 315 concellos, pero Galicia só hai unha.

1 comentario:

Anónimo dijo...

A foto que ilustra o seu artigo é moi boa. Ademáis de escenificar a destrución da costa, tamén poderia escenificar o ir da man de políticos, construtores e "importadores" ;P.
A estrada beiramar entre Vilagarcía e Vilaxoán debe ser un dos tramos con maior concentración de agresións urbanísticas e ambientais do mundo:
AMPLIACIÓN DO PEIRAO COMERCIAL DE VILAGARCÍA.
DESTRUCIÓN DA LAGOA DE ANTELA.
CONSTRUCIÓN DOS DEPÓSITOS DE FERRAZO.
CONSTRUCCIÓN DEPURADORA E COLECTOR DE FERRAZO.
AMPLIACIÓN DA CETAREA DE PIPLA.
(e os que me quedaran no bote)
E TODO ISTO EN DOUS KMS.