Que La Voz de Galicia lla tiña xurada a Anxo Quintana estaba claro antes de agora, pero a información que acaba de publicar sobre o ex presidente da Xunta e ex líder do BNG certifica rotundamente esa teima. Titula o xornal de Santiago Rey que “Quintana cobra de diputado el doble que Touriño y el 12 % más que Feijóo” e ata vai ser que si, pero tamén pasará o mesmo coa presidenta do Parlamento e cos demais membros da Mesa, dos que case non di nada o periódico coruñés.
Deixando á parte esta proba de como as gasta ás veces o xornalismo galego máis poderoso, quizais cómpre reparar algo nos datos da nova pubricada. Bautista Álvarez, convertido recentemente en látego dalgunha das incurias que se estabreceron entre os nacionalistas, quizais podía coller agora a xostra e mallar nalgún lombo dos seus propios camaradas.
A verdade é que volve a resultar rechamante que Quintana, por ir varias veces ao mes á rúa do Hórreo, cobre 8.500 euros brutos (non é preciso que lembre que os parlamentarios cotizan só por menos da metade do que cobran). Á parte, claro está, de dispor de coche oficial e persoal asignado á súa asistencia. Segundo La Voz de Galicia, o de Quintana é un dos salarios máis elevados de toda a política galega, por riba do propio presidente da Xunta, que cobra un 12 por cento menos, e, dende logo, o ex líder do BNG é o nacionalista mellor pagado de todos. Nin Guillerme Vázquez, voceiro da organización política á que pertenece o de Allariz, nin Francisco Jorquera, deputado nas Cortes Españolas, cobran nin sequera a metade do que cobra el.
O salario de Quintana, como os dos demais membros da Mesa do Parlamento, ronda os 102.000 euros brutos ao ano. Unha asignación fixa de 2.150 euros como deputado, unha chamada “axuda de custe” cifrada en 2.500 eruos mensuais, un complemento mensual fixo de 2.100 euros por ser membro da Mesa, 1.050 euros de “gastos de representación” e 560 euros máis cada mes por “gastos de libre disposición”. En total, 8.360 euros por mes. Non está mal. Que haberá que facer para ser coma el nos tempos de crise que corren? Eu, cando sexa grande, tamén quero un salario así.
Pero Quintana e os que son coma el aínda nos saen máis caros aos contribuíntes. Os gastos asociados ao seu escano increméntanse co que custa pagar o coche oficial, o chófer e a secretaria persoal que están á súa disposición. Calcula La Voz de Galicia que representan un promedio de 6.000 euros máis cada mes. Ou sexa, que Quintana estanos saíndo máis caro facendo de simple deputado membro da Mesa do Parlamento que de vicepresidente que exercía de presidente bis. Segundo estes datos, sae na nada despreciábel cifra de 14.360 euros ao mes, 172.320 ao ano. En catro anos, 689.280 euros. Con eses cartos son máis de 500 as familias que viven un ano enteiro en Galicia.
Se cadra resultaba chocante saber cantos cartos mandaron de axuda aos perxudicados polo terremoto de Haití Quintana e cada un dos que cobran o mesmo ca el. Ou sexan, Pilar Rojo, Xosé Manuel Baltar, Ricardo Varela, etc. Nota Bene: vale dicir que Xosé Luís Méndez, director xeral de Caixa Galicia e pai de dous fillos que son altos directivos desa entidade, gaña catro veces maís e tampouco se sabe se mandou moitos cartos do seu peto a Haití. E non vale preguntarme que a min que coño me importa.
7 comentarios:
Os soldos dos políticos deberían estar en proporción a pensión ou salario medio do país que gobernan. Nos tempos que corren estes nugallans iletrados, da noxo velos falar na TVG)deberían rebaixarse o salario un 20% polo menos... pero non teñen o que hai que ter (nin vergoña nin o outro...)
Escoite, don Perfeuto, para salario, o do seu ex camarada Teddy Bautista, que se vai xubilar con 24.000 euros ao mes.
para min é máis salientábel, que os deputados do PP escolleran a Baltar Jr. para cobrar máis que o seu líder Feijóo.
Que os deputados do BNG escolleran ao seu ex-voceiro para tal posto.
O actual voceiro non é deputado para poder ocupalo.
E Aymerich coma voceiro parlamentar ten que estar abaixo, non na Mesa do Parlamento. Que outros bloqueiros poderían escoller para sentar na Mesa en representación do BNG?
A min dame igual.
Que cobren demais todos é outra cousa.
E se Quintana non mentiu e segue a facer o mesmo, entregaba o 40% do seu salario ao BNG. Fan o mesmo os outros? o fillo de Baltar seguro...
As informacións interesadas da Voz interesan nos cortellos da política e dos que abrevan nela. Nada interesante para quen teña dous dedos de frente as diatribas de "yoprotesto". En todo caso as informacións demagóxicas sobre salaros políticos hai que collelas como hai que collelas, e xa sabemos a quen lle interesan. Quintana cobrará o que que esteña estipulado no reglamento do parlamento. Por citar a Bautista Álvarez, que vostede referencia, exercía a mesma responsabilidade que Anxo Quintana entre 1993 e 1997 e foi Vicepresidente 2º entre 1997 e 2001, con ainda mellores remuneracións. O que fan con elas, o que aportan aos seus partidos falta na información, pero destacar a Quintana é mala hostia, darlle pábulo e centrar o asunto nel, puro veleno. E ademais de Haití e Chile, desde que o tempo é tempo hai, todos os días, causas mellores para usar mellor os cartos públicos. Señor Conde non faga a mesma demagoxia que o señor Santiago Rey
Don Perfeuto, como di o entrañable Amiral: realmente quedo moito obrigado. No medio de todo o enguedello ou pública e gozosa aspersión de zurrio sobre Quintana, a súa achega é con moito a que me resulta máis informativa; enténdame ben a intención, que é eloxiosa, e espero que o adxectivo cualificativo sobre a achega lle resulte grato.
Xa que a cabra tira ben para o monte, xubilada e todo.
Señor González:
Fódase pa, a cabra sempre tira para o monte, que é para onde ten que tirar. E claro que lle entendo e ata lle agradezo a súa intención. Outra cousa é que comparta iso da aspersión do zurrio. O zurrio non se pode asperxir cando non o hai.
Pois aí, xaora, si que lle discrepamos. A mención selectiva no titular sabonita (logrado adxectivo que non inventei eu) é obvio que pretende ciscar zurrio; aceptaría, logo, que se trata de zurrio intencional ou in potentia que se acada sen baixar moito sub limine. Pero cheira; e nalgún espazo internético non falta quen lle dea á regadeira.
Reitero que non o inclúo a vde. no número. Que sei que a miúdo me sae o discurso moi retórico. Teñan logo boa noite.
Publicar un comentario