jueves, julio 19, 2007

Alvite dispara con armas del nueve largo



Alexandro Diéguez é un amigo de Vilaxoán que, a parte da súa maneira de gañar o pan de cada día mediante o exercicio laborioso da súa profesión, cultiva fundamentalmente dúas paixóns: navegar e publicar libros. O primeiro faino a bordo do seu veleiro Adaxe, que pronto vai ser susbtituído por outro barco máis grande que continuará a saga desta onomástica. O de agora, que non lembro a que xeneración adáxica pertenece, está atracado nun porto de Turquía e Alexandro facerá con el unha nova travesía que comenza a finais deste mes. Teño navegado nel varias veces e non sabe este capitán Nemo arousán canta envexa me dá velo partir sen min cando inicia estas viaxes.
A outra paixón, a dos libros, practícaa coa súa editora Ézaro Ediciones coa que, case sen darse conta, xa leva publicadas novelas de Xavier Alcalá, Xosé Manuel Otero Lastres, María Lameiras, J.M. Amilibia, Noé Martínez, etc. Un dos seus autores predilectos é o meu amigo Xosé Luís Alvite, ese espléndido tropista que cada mañá alimenta o meu espírito cos seus artigos que aparecen en Faro de Vigo, La Opinión ou La Razón ou coa auténtica voz de trovador inesgotábel que lle presta ao programa de Carlos Herrera en Onda Cero.
Alvite é demasié. Foi capaz de retratar á vicepresidenta do Goberno que preside Zapatero con estas palabras: "María Teresa Fernández de la Vega tiene una vacilante feminidad de mujer en cuya deshidratación van apareciendo, como marroquinería, los rasgos de Clint Eastwoood". Canto pagaría un escritor norteamericano por escribir así se quixera superar a Bukowski ou a Tom Wolfe? Pois a cita que acabo de facer corresponde ao novo libro de Alvite que publicou recentemente Ediciones Ézaro, Almas del nueve largo. Vén sendo unha segunda parte de Historias del Savoy, libro que tamén lle publicou Díeguez na mesma editorial, e será presentado en Santiago o próximo lus, 23 de xullo, no decurso dunha kermesse que vai ter lugar no pub Dadó-Dadá (rúa Alfredo Brañas, 19) ás 21,30 horas.
Tócame cooficiar a misa de presentación co tamén amigo Lorenzo Díaz, outro monstruo das ondas e dos libros coma Alvite, pero el será un magnificente cardeal a carón do que eu non vou ser máis ca un humilde sacristán de Coimbra que lle roube o aceite da lámpada.
En fin, que Diéguez xa é o meu editor de cabeceira e Alvite o autor. Aínda que só sexa por Historias del Savoy e Armas del nueve largo. Ou pola magnífica reedición fascicular que fixo Ézaro do libro de Álvaro Cunqueiro e Xosé María Castroviejo, con epílogo de Emilio Álvarez Blázquez e ilustracións do catalán E.C. Ricart, Teatro venatorio y coquinario gallego, que foi publicado en Vigo por Ediciones Monterrey no ano 1958.