lunes, julio 16, 2007

Saramago soltoulle as amarras a unha nova jangada de pedra

Dáme a min o corpo que Saramago non sabe ben onde se meteu cando, aínda sen valerlle a pena armarse en profeta, rematou dicíndolle ao xornal lisboeta Diario de Noticias que os habitantes do que antes se chamaba España e os do que aínda leva o nome de Portugal "acabaremos por integrarnos". "España tería que mudar de nome e pasar a chamarse Iberia", dixo o autor de A jangada de pedra, titúlo da súa novela que conta o que podería suceder se a península ibérica se desprendese do continente europeo.
Ou quizais sabía o que lle podía pasar e importoulle un pito que o ministro de Asuntos Exteriores portugués, Martins da Cruz, se apresurase a responderlle que "a visao do senhor Saramago é uma visao do século XIX e nao do século XXI". Se cadra o que máis lle puido doer a Saramago é que o gran poeta e político socialista Manuel Alegre lle lembrara que "tem a responsabilidade de ter ganho o Nobel da Literatura com a lingua protuguesa". Algo de reproche moi duro hai nestas palabras do fundador do Movemento para a Intervençao e a Cidadanía cara o escritor comunista que se aposentou nas Canarias anos despois de coñecer a súa actual muller, a sevillá Pilar del Río.
De pouco lle ha valer a Saramago repetir o que xa dixo acerca de que a integración por el augurada non vai ser, en ningún caso, de tipo cultural e que os prtugueses non se verían convertidos en españois. "A Catalunha –dixo el– tem a sua propia cultura, que é ao mesmo tempo comum ao resto da Espanha, tal como a dos bascos e a galega; nós nao nos convertiriamos em espanhois". Uma provincia máis da Espanha?, preguntáronlle os do Diario de Noticias. E Saramago respondeu: "Sería isso. Já temos a Andaluzia, a Catalunha, o País Basco, a Galiza, Castilla La Mancha...".
A polémica está servida. Os nacionalistas botaranse enriba dicíndo del que lle volveu a rebentar a vea xacobina. Os iberistas –hainos? en Portugal polo momento está calados– nin se sabe por onde poden saír. A polémica, porén, podía ser moi interesante. Logo de tanto empeño nacionalista, se cadra non estaría de maís que alguén afondara no que acaba de propoñer José Saramago. Se Europa non acaba de marchar á velocidade prometida, que tal unha Iberia que, sen romper polos Pirineos, fora capaz de navegar mellor ca unha balsa de pedra. Por certo, os galegos de balsas (jangadas) de pedra sabemos polo menos o que non ensinou a tradición do Apóstol. Algo é algo.