miércoles, julio 04, 2007

Queren moverlle a silla a Touriño




Observei que alguén chuzou o comentario que fixen onte sobre as tres cartas que apareceron en El País criticando a política do actual Goberno galego. Quen dispara contra Touriño?, coido que é a pregunta que facía o chuzador. Tamén me percatei de que Chuza.org tén probada a súa influenza, pois as visitas ao meu blog subiron sensibelmente en canto este tema apareceu nas súas páxinas. Obrigado e a mandar, polo que me toca.
O caso é que eu mesmo sigo intrigado respecto a por que o xornal independente de Madrid, recentemente instalado na comunicación galega, decidíu dar caña ao executivo presidido por Touriño mediante o singular procedemento de poñer os seus lectores a facer de xornalistas e comentaristas por un día. Reina por un día, lémbranse os vellos de aquel antecedente dos reality-sohw que realizaba o pontedeumés Euxenio Pena en tempos de Franco?
Pois ben, a noite pasada encargueille á almofada que falara da miña parte con algunhas fontes das que antes se dicía que estaban “xeneralmente ben informadas” e cos datos que me facilitaron coido estar en condicións de abrir a hipótese seguinte. 1. A Touriño decidiron moverlle a silla no mando do PSdeG-PSOE. 2. El País non publicou por casualidade nin ao tuntún, e no mesmo día (03/07/2007), as cartas da coruñesa Ánxeles García Portela, o pontevedrés (militantes socialista, segundo el) Eduardo Cid e o toledán Julio Ortega. E 3, a andanada –eu onte chameille labazada– non foi só contra Touriño e os conselleiros da súa corda; tamén foi dirixida contra o BNG en forma de mísil aire-terra.
Voume explicar. Xa dende a formación do goberno de coalición na Xunta, pero sen dúbida revitaminizada pola coxuntura da política municipal, no colo do PSdeG-PSOE estase a desenvolver unha corrente ata agora soterrada de descontentos e perxudicados pola estratexia e a táctica políticas postas en marcha por Emilio Pérez Touriño dende a presidencia da Xunta. Este movemento, que aínda non é telúrico nin bota a ninguén da foto oficial, pode que teña partes da súa base na Coruña, Ourense, Lugo e Vigo. Achácanlle ao presidente do PSdeG-PSOE terse arrodeado de tecnócratas de baixo perfil en detrimento dos políticos para compoñer o seu equipo executivo na Xunta coa intención, segundo eles, de asegurar que ninguén lle poda facer sombra. Realmente, entre estes críticos, o que hai é unha boa dose de frustración persoal por non teren sido eles os que remataron sentándose nos mullidos asentos de coiro dos Audis e dos Passats oficiais, e agora tratan de artellar a súa vinganza.
“Imos ver de removerlle a silla ao xefe no partido”, frase pronunciada por un deles e moi reveladora do que pode estar empezando a pasar. Nesta liña encádrase clarísimamente a carta asinada por Eduardo Cid, respecto ao que os responsábeis do PSdeG-PSOE aínda non negaron nin negarán, supoño, a súa condición de militante. Entre outras cousas, pola sinxela razón de que non son capaz de imaxinar a Félix Monteira, director da edición galega do xonal de Polanco, publicando tal misiva sen ter comprobado antes todos e cada ún dos sinais identificativos do autor.
Tampouco imaxino a este xornal arrementendo porque si contra o que, aínda que ás veces non o pareza, non deixa de ser un goberno amigo. Se El País lle deu a caña que lle deu á Xunta é porque sabía que na rúa da capital de España que se chama Ferraz, dende a que manda o galego Xosé Blanco nas fileiras do PSOE, hai alguén que non se alporiza pola labazadas das cartas en cuestión. O emerxente todopoderoso palasderreinante –é así o xentilicio dos de Palas de Rei?, que me corrixa algún comisario da lingua– hai tempo que mira algo de reollo o comportamento de Touriño, a quen non lle perdoa, por exemplo, que algunha vez contraprograme contra el comparecencias públicas como tén ocorrido en Lugo recentemente. Blanco sabe que se entende mellor con dirixentes do seu partido máis disciplinados, como é o caso do secretario xeral galego, Ricardo Varela, sen ir máis lonxe. E con isto non quero dicir que Blanco ou Varela anden na susposta movida de silla de Touriño. Nin moito menos polo de agora.
Ademais de todo isto, o caso é revelador de algo moi importante. Os tiros non van só contra Touriño. Mesmo parecen ir maís aínda contra os seus socios de goberno, os nacionalistas do BNG. A misiva do socialista Eduardo Cid podía estar asinada por calquera militante intelixente e ilustrado –que os hai– do Partido Popular, tendo en conta que se escribe e se publica no momento en que os conservadores de Alberto Núñez Feixóo están a darlle un xiro, que non é coperniquiano pero pode parecelo, á súa política respecto á normalización lingüística de Galicia. Realmente o esprit da diatriba dirixida contra a conselleira de Educación non é maís ca un bo compendio do pensamento de Paco Vázquez. E, moito ollo!, que ninguén dea por morto o actual embaixador de España no Vaticano, que ata pode acabar tendo outra ambaixada no pazo municipal de Lugo.
C’est à dire, que incendios forestais aínda non os hai –felizmente–, pero fogueiras políticas –algunha mesmo de vaidade– pode que estean empezando a arder. Quen se vai queimar? Saberán saltar todos por riba das chamas sen chamuscarse? Qui lo sa!

No hay comentarios: