martes, julio 03, 2007

A Coruña, de prensa rosa


O país vai sobre rodas. O país político polo menos, que o real se cadra é outra cousa. A Henrique Tello, primeiro tenente alcalde do Concello da Coruña e ata hai pouco azote inmisericorde de Paco Vázquez pola conta do BNG, paréceulle "de prensa rosa" que Carlos Negreira, en nome do PP, criticase que o goberno de coalición coruñés decidira aumentar un 42 por cento os salarios do persoal executivo, é dicir, dos homes e mulleres que forman ese goberno. As adicacións exclusivas, que antes eran oito, agora son trece, coa consecuencia de que os gastos correspondentes subiron de 608.000 a 869.000 euros. Ou sexa, 1,2 euros por cada un dos 219.636 coruñeses con dereito a voto.
Esforzouse Tello en responderlle a Negreira que os concelleiros que foron elixidos para gobernar a cidade "precisan deixar o seu traballo" para adicarse totalmente ao Concello. "Non sexa demagóxico cun tema que vostede sabe que tén certa morbosidade de prensa rosa. Se un cobra por traballar, non é delicto", espetoulle o portavoz nacionalista ao do PP.
Home, delicto delictual, como se cadra diría Cañita Brava, non será, pero que agora A Coruña teña que pagar trece salarios polo que antes se facía con oito haberá que buscarlle algunha explicación. Durante dúas ducias de anos, os de Vázquez gobernaron con menos adicacións exclusivas, oito no derradeiro mandato. Agora hai trece concelleiros con ela, sete socialistas e seis nacionalistas (neste caso a súa totalidade). Cada un deles cobrará 63.000 euros brutos, 5.250 por mes. Nestas condicións tamén estará Xulio Flores, concelleiro do PP. O resto da Corporación cobrará 19.500 euros por adicación parcial, caso de Esteban Lareo, socialista, que cobrará, ademais, 29.275 euros por responsabilidades de xestión. Os tamén socialistas Xavier Losada, Carme Marón e Salvador Fernández Moreda renunciaron a cobrar do Concello para facelo polos seus respectivos cargos no Senado, no Congreso e na Deputación da Coruña. Non será porque así cobran máis cada mes?
Eu ben sei que unha fábrica con trece enxeñeiros poderá producir máis e mellor ca que só tén oito. Pero habería que aquilatar fabricación e consumo, ou non? Indudábelmente na factoría da Coruña hai moito que facer. É moitísimo o que estaba agardando a poñerse ao día, e cónstame que a entrada dos nacionalistas no goberno de María Pita pode servir, entre outras cousas, para galeguizar unha cidade que foi alleada por Paco Vázquez ata extremos case franquistas. Velaquí un labor importante que facer, por exemplo. Pero que non se poñan rufos tampouco os nacionalistas de Tello. Nun mundo cheo de "mileuristas" e de parados que non saben onde van ir dar as súas vidas, alardear de novos ricos e mirar por riba do ombreiro a quen fai a crítica pode ser un bo xeito de iniciar a carreira que vai de trunfo en trunfo ata a derrota final.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Henrique Tello é profesor de instituto, e por moitos sexenios e trienos que acumule, o seu salario non chegaba nin de lonxe ao que agora vai cobrar do Concello. O máis ético sería poñerse o mesmo salario. Pero, claro, son demasiados anos esperando a "pillar cacho". En fin, que se lle ve o plumeiro. Humano, demasiado humano.

Unknown dijo...

Pois eu prefiro que cobren un bo soldo pois se fose baixo seguro que cobrarían pluses baixo corda....

Anónimo dijo...

E quen lle asegura a vostede que, aínda cobrando un bo soldo, non cobren tamén pluses baixo corda?