viernes, julio 06, 2007

Óscar Pereiro, on se vois à Paris!






Óscar Pereiro, o noso gran ciclista do momento, a piques de empezar a correr o Tour deste ano, demandou ao periódico Il Giornale por telo involucrado nos enredos que foron investigados pola Operación Puerto e na que remataron implicados os médicos Eufemiano Fuentes e Xosé Luis Merino, os directores de carreira Manuel Sáiz e Vicente Belda, e os corredores Iván Basso, Jan Ullrich, Francisco Mancebo e Óscar Sevilla. Do ciclista de Mos dicía o xornal milanés fundado por Indro Montanelli e agora propiedade de Silvio Berlusconi que, das bolsas con sangue que se atoparon no piso de Fuentes, unha delas podía conter sangue de Pereiro porque estaba etiquetada co nome de Urko e dábase a casualidade de que Óscar tiña un can ao que lle chamaba así.
Como é sabido, a investigación policial e xudicial levada a cabo mediante Operación Puerto deu lugar a un caso que foi sobreseído polo Xulgado número 31 de Madrid considerando que, no momento en que comenzou o procedemento legal, na xurisdición española non había ningunha norma que penalizara as condutas relacionadas coa dopaxe que foron investigadas. Contra este sobresemento recorreron a Fiscalía de Madrid, a Axencia Mundial Antidopaxe, a Avogacía do Estado e a Unión Ciclista Internacional.
Sobre estas cousas teño falado varias veces con Óscar Pereiro, persoa coa que trabei unha boa amizade cando ámbolos dous coincidimos de contertulios fixos no magazin televisivo O Programón, que presentaba Mon Santiso na Galega. Daquela, semanas antes de que o de Mos marchara a Francia para correr o Tour do 2006, no que cumpríu o brillante papel que todos sabemos, o tema da dopaxe estaba en plena actualidade e non digamos pouco despois cando ocorreu o affaire do norteamericano Floyd Landis. Falando disto, un día Óscar miroume aos ollos, sentados os dous na terraza dunha cafetería da rúa viguesa do Príncipe, e díxome: "Non te preocupes, Perfecto, a min nunca poderán involucrame nunha historia deste tipo pola sinxela razón de que eu non teño nada que ver con esas cousas". Pereiro, ademais dun gran ciclista, é un boísimo rapaz e eu créolle todo o que me di. Equivocouse, porén, no de que non ían involucralo. Il Giornali de Berlsuconi xa o meteu no medio do furacán.
Ha ter, pois, que andar con moito ollo no Tour deste ano. Mellor dito, han ser moitos os ollos que se concentren sobre a figura do noso deportista de élite. Os vampiros da Unión Cliclista Internacional verás como lle petan á porta da súa habitación, entre as seis e as oito da mañá, para dicirlle que se presente en menos de dez minutos na sala especialmente habilitada no hotel para eles. Sacaranlle sangue que analizarán e, dúas horas despois, díranlle se está apto para correr. O vampiro o único que mide é o hematocrito. Se o ciclista está por debaixo do 50 por cento, a pedalear. Se non, para a casa. Dende o ano pasado, no Tour tamén lles fan aos ciclistas controis antidopaxe de sangue, algo que antes só se aplicaba sobre os ouriños.
Nunha ocasión tamén lle comentei a Pereiro a sorpresa que me producen algúns hits do ciclismo. Maurice Garin gañou o primeiro Tour, en 1903, cunha velocidade media de 25,28 kilómetrtos por hora. Amstrong, nunha das súas sete victorias nesta competición, subíu a media a 41,65 kilómetros. Aparte de que as estradas polas que corría Garin eran outras e a tecnoloxía da máquina que montaba non era coma das biclicletas de agora, non pode parecer que está pasando algo raro?, pregunteille. Óscar respondeume: "Para min está claro que todos estamos xogando ao límite de todo. Melloraron as estradas, melloraron a preparación e os coñecementos do ciclista e melloraron moitas cousas máis, pero o récord da hora é o de hai vinte anos. Teno Francesco Moser dende 1984 e aínda non se puido mellorar. Coido que este é un dato que pon en evidencia que se poden estar utilizando substancias para mellorar os rendimentos. O caso de Floyd Landis se cadra foi o máis chamativo nos últimos tempos".
Deséxolle moita sorte ao meu amigo ciclista. El sabe que lle agardan días moi duros por Francia adiante. E non me refiro só a dureza do pedal. Tamén á soidade dos cuartos de hotel. Como el me dixo un día, "convives durante un mes con oito compañeiros e dez ou doce auxiliraes que se adican a cuidarnos, pasas momentos de moita risa e de moita tensión; case sempre o tema de conversación é sobre o día de hoxe, o de mañá, o de onte; hai momentos de depresión mesmo; extráñalo todo, a familia, os momentos nos que che podía apetecer falar de algo con alguén determinado e non podes. Se as cousas che van ben, vives nunha nube. Espértaste e dúrmeste pensando na bicicleta. Tés unha roda que vai rodando e pasa un mes que a ti che parece que foron quince días. Sempre estás metido nun circo de almorzos, xantares, ceas, masaxes, carreiras... Unha cousa que sempre está rodando e que nunca para".
Salut, compagnon. On se vois à Paris!

No hay comentarios: