lunes, agosto 13, 2007

O Courel e a lucidez de Beiras






Pode que ocorreran dúas cousas importantes esta fin de semana. E non me refiro á festa do polbo do Carballiño nin á da ostra de Sanxenxo. A primeira foi a a Festa da Revolta e tivo lugar en Froxán (Folgoso do Courel, Lugo) o sábado pasado. A segunda, a publicación do artigo de Xosé Manuel Beiras Do Courel a Corrubedo I.- A terra e o home no xornal Galicia Hoxe.
Para empezar, a aldea de Froxán é un pequeno paraíso dos que xa non quedan. E o Courel no seu conxunto, que mellor que ler a Novoneira para percibir a grandeza dos tesos cumes que hoxe están en perigo? Porque están no perigo que representa a explotación de canteiras de pizarra é polo que se xuntaron medio milleiro de persoas na antiga eira de Froxán. Daba xenio velos pasear cara o río por entre as vellas casas construídas con pedra cativa e barro vermello de camiño ao río para bañárense preto da capela de San Estevo.
Por alí andiveron o Beiras e Aurichu e moitas ducias de representantes da farándula galega. Henrique Banet e Mabel Rivera, preocupados coma sempre de faceren de Michael Moore, algo que están conseguindo brillantemente. Algún día háselles recoñecer a enorme importancia que ten o que está facendo esta parella de cineastas. Nun país de documentalismo sectario ou alienado, o seu compromiso coa realidade é tan refrescante como bañarse no río Lor. Aí está para desmostralo o documental que fixeron sobre o caso Reganosa, O salario do medo.
O que dicía do artigo de Beiras no Galicia-Hoxe do domingo pasado é verdade. Algo importante. Tripando por terra aínda colonizada, cincuenta anos despois de que Novoneira profetizara viaxar por terra liberada, o autor pregúntase cando viaxaremos por "terras libradas". "Que tangaraño é ise de que unha e outra vez semella erradicado, mais unha vez e outra reaparece en novas formas que muda mais non se esvai?"
Beiras, que ultimamente adoita subir ao Courel sempre que pode, está máis inspirado ca nunca. "Eiqui, mancar á natureza é ferir ao home, ferirnos a nós mesmos –di no artigo comentado–. Eiquí, unha agresión ao medio redunda nunha amputación, nunha mutilación somática do ser humán galego: todos, até os urbanitas, compartimos as raiceiras e a seiva dos carballos e ameneiros".
Mortos Uxío Novoneira e Avilés de Taramancos, menos mal que nos queda Beiras para lembrarnos que "a natureza non sabe de rendibilidades, nen de lucros, nen tasas de xuro. As categorías mentais do 'homo economicus' non funcionan nos ecosistemas. As ciencias sociais nacidas ao servizo dese especimen con orelleiras tiveron que aprender esas verdades elementais. Os antropólogos foron pioneiros, moito lles debemos. Pola contra, algunhas, como o "economics" neoliberal, néganse inda hoxe a aprendéreno. Vailles resultar demasiado tarde, se algún día entran en razón. Contan que, cando o Ttanic bateu co iceberg e comenzou o naufraxio, algúns pasaxeiros ricos precipitáronse ás caixas fortes pra arrecadaren as alfaias que gardaran nelas: de pouco lles valeron no fondo do mar. O Titanic é hoxe o planeta enteiro, gobernado pola soberbia pitoña dun kapital –non capitán– depredador ecocida. E nese planeta estamos nós, paisáns galegos en simbiose de terra e home, dende o Courel a Corrubedo. Compre parármoslle os pés".
Xa me dirán se non é lucidez a de Beiras.

1 comentario:

Anónimo dijo...

O kapital é malísimo, en efecto. Só serve para mercar chalés, pacetes, casas grandes con socalcos e outros bens inmobiliarios nos que -moi contra a súa vontade- viven os pais da patria.
Pero esto háse de amañar tan pronto cheguen os nosos. (Bueno: mellor que non cheguen, non vaia ser...)