lunes, agosto 27, 2007

Marc Rich, xenro da Pasionaria



Carmen Rigalt, esa magnífica reporteira do xornalismo español da que non renunciarei nunca ao pracer de lela, levou hoxe á última páxina do xornal El Mundo unha historia que, sen deixar de ser do cuore, é moi importante. Como ela di, trae a crónica unhas cantas ceas de ricos e famosos. "Cear, o que se di cear, cea todo o mundo –reflexiona Carmen–, pero as ceas que buscamos os rastreadores de noticias son as que encobren citas insospeitadas, ben para pactar negocios ou protexer relacións extramatrimoniais. En resumidas contas, ceas que non se ven nin se ouven, pero das que máis tarde ou máis cedo algún indiscreto remata por dar o cante".
Fala a cronista dunha cea que deu March Rich en Marbella para xuntar os seus amigos, pero pasóuselle contarnos se un dos comensais foi Paco Vázquez, flamante embaixador de España no Vaticano dende que deixou de ser alcalde da Coruña. Rich e o socialista señorito da rúa Tabernas son vellos amigos dende que o millonario hispano-suizo colocou na cidade de María Pita parte dos seus intereses inmobiliarios e hostaleiros.
O que non se lle escapou a Rigalt é a nova parella sentimental dun dos homes máis ricos do mundo que no seu día foi condeado en Estados Unidos a 300 anos de cárcere por delitos financieros moi graves. Nada menos que Dolores Sergueyeva, neta de Dolores Ibarruri, La Pasionaria. Teña vostede netos para isto, doña comunista. Para que se vaian arrimar a un capitalista insaciábel e cruel que foi delincuente de fama internacional e que conseguíu a nacionalidade española grazas ao seu amigo Felipe González.
Claro que, segundo a propia cronista, Marc Rich é un rico que vai á súa bola, como todos os ricos que están cansados de selo. A revista Forbes, libro de Misa do ghota do capital, nunca logrou clasificar este comerciante de petróleo e do que faga falta porque non é quen de calcular a súa riqueza. Nos anos 80 tivo que fuxir de Estados Unidos polos moitos e graves delictos financeiros de que foi acusado polo daquela fiscal de Nova Iork, Rudolf Giuliani, que logo foi famoso alcalde da cidade dos rañaceos, e que lle valeron condeas que sumaron preto de 300 anos de cárcere.
Anos despois, no 2000, Rich beneficiouse dun movemento internacional posto en marcha ao seu favor por importantes personalides entre as que figuraron o Rei de España Xoán Carlos I, Camilo José Cela, Zubin Mehta, Ehud Barak, Shlomo Ben Ami, etc. Pedíronlle o indulto para Rich ao daquela presidente de Estados Unidos Bill Clinton, que llo concedeu encantado nos derradeiros días do seu mandato para agradecerlle, entre outras cousas, as importantes axudas económicas que lle prestou ao Partido Demócrata en varias campañas electorais.
Traigo a relembranza da vida deste tiburón dos negocios polo que ten de chocante que rematase xuntando a súa vida sentimental con Dolores Sergueyeva, que foi a neta que La Pasionaria adorou en vida e que, segundo agora conta Carmen Rigalt, nunca foi esquencida pola súa descendente. Transcribo unha parte da crónica: "Na cea que deu o magnate en Marbella, unha parte do protagonismo acaparouno a netísima Dolores Serguenyeva. Algúns dos comensais aínda non saíron do seu asombro. Cando Serguenyeba falaba, apaixoada, de Dolores Ibarruri, a maioría deles tiñan que sacarse a suor da fronte. Escoitaban atentamente porque non querían desairar o anfitrión, pero abríanselle as carnes".
O dito, vivir para ver como esta neta de Dolores Ibarruri, que non hai aínda moito tempo tivo que gañarse a vida escribindo artigos na revista Interviú, comparte agora a vida cun dos homes máis ricos do mundo que foi célebre delincuente buscado internacionalmente. E que dirá Santiago Carrillo? Pois nada, que isto si que é aggiornamento.

No hay comentarios: