viernes, agosto 24, 2007

Franco e o pazo de Meirás




Esta tarde estiven no pazo de Meirás. Leváronme aló os de Tele 5 que andan rodando un documental sobre o incendio que arrasou a mansión galega de Franco o 19 de febreiro de 1978, precisamente o día no que en España foron despenalizados o adulterio e o amancebamento. Preguntáronme todo o que quixeron sobre o misterio do lume que prendeu na noite do citado día nesta impresionante finca que está preto de Sada, e eu respondinlles o que sabía e o que me parecía. En síntese, que nunca me pareceu fortuíto aquel sinistro do que me tocou informar no xornal El País e nas revistas Intervíu e Que. O documental de Tele 5 está previsto que se emita ás dez da noite do sábado 1 de setembro.
Aproveitei para botarlle unha mirada a este emblemático lugar que perteneceu no seu día á familia de doña Emilia Pardo Bazán e lle foi regalado a Francisco Franco mediante unha cuestación pública que está pendiente dunha debida revisión histórica. En principio, xa se sabe como pasan estas cousas nas ditaduras. A líña entre doazón voluntaria e expropiación forzosa encuberta é tan fina como o papel de fumar.
O caso foi que esta visita a Meirás servíume para lembrar tamén aquel verán quente politicamente de 1975, o último que pasou Franco en Meirás, a penas once semanas antes de morrer, e no que Manuel Fraga chegou de Londres, onde era embaixador de España, para presentar un libro nun acto que tivo lugar na librería Arenas e que deu moito que falar. José Solís Ruíz, aquel ministro franquista-sindicalista tan peculiar, tamén andivo pola Coruña nese verán que tivo a súa traxedia coa morte do nacionalista Moncho Reboiras, abatido a tiros da Policía franquista por aqueles días nunha rúa de Ferrol. Pasaron 32 anos e parece que foi onte.
En fin, que fan ben Abel López, alcalde de Sada, e Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura da Xunta, en empeñarse en inspeccionar o estado do pazo de Meirás. Visto dende fóra, non parece que os Franco se ocupen moito de cuidalo. A herba e as silvas medraron por toda a finca ata límites que fan pensar en que ninguén pasou a gadaña nin o fouciño dende hai moito tempo.

No hay comentarios: