miércoles, agosto 08, 2007

López-Chaves, o elefante que non é branco


A falta de de explicación oficial e concreta sobre a ausencia da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, na recente visita do ministro do ramo, César Antonio Molina, nacionalista a primeira e socialista o segundo, se cadra foi o que lle deu pé ao deputado Ignacio López-Chaves Castro para facer de analista-adiviño. Dixo este Houdini do PP que "a ausencia da conselleira de Cultura na primeira visita oficial do novo ministro a Galicia confirma que Ánxela Bugallo foi apartada definitivamente polo presidente da Xunta da Cidade da Cultura".
López-Chaves considera que "a incapacidade que a conselleira ven mostrando para xestionar o proxecto da Cidade da Cultura fixo que o presidente do executivo galego obviase a presenza da titular deste depratamento no encontro con Molina, onde, ademais de falar das posibles utilidades do proxecto, se trataron outros asuntos relacionados coa Consellería". Para argumentar este razonamento salienta que "en dous anos a conselleira non foi capaz de presentar un contido nin de empezar as obras nin de presentar nada no Parlamento, o que obrigou a Touriño a apartala do proxecto sen poder cesala porque é da outra parte do bipartito".
O deputado popular foi aínda máis lonxe na interpretación sinalando que "coa visita do ministro confírmase que, ante as continuas discrepancias e enfrontamenbtos entre os dous socios de goberno, a partir de agora será(n) o PSOE e o Goberno central os que tomen as riendas do proxecto de Gaiás" (repare o lector en que O PP parece que está empezando a facerlle caso a Manuel Rivas e xa non di Cidade da Cultura senón proxecto de Gaiás).
Alén da manía persoal que lle profesa Ignacio López-Chaves a Ánxela Bugallo, en parte quizais mesmo collida con motivo, a radical interpretación que fai dos feitos ocorridos durante a visita do ministro de Cultura non mostra máis ca unha preocupante vocación dalgúns líderes do PP de interferiren nos asuntos das demais forzas políticas ao xeito dos elefantes entrando nas cacharradas. López-Chaves ben podía empezar a ser chamado o elefante non precisamente branco.
O que me pregunto eu é por que ninguén, nin dende o PSOE nin dende o BNG, se precupou o máis mínimo de meter no seu cortello este elefante. Os que calan non sempre otorgan, pero esta vez non estarían de mais algunhas puntualizacións.