miércoles, agosto 22, 2007
Suárez Canal botou o tangaraño
Nunca houbo tanta discordancia entre a realidade oficial e a tamén oficial, pero subminis-
trada polos sindicatos. Di a Consellería de Medio Rural que só dez traballadores participaron na folga dos brigadistas contra incendios rexistrada o martes 21. Din CC OO e CSFI que foron máis de 500, cincuenta veces máis. Cando eu era mozo e a Policía franquista mataba un obreiro, a versión oficial era que o disparo se fixera ao ar, e todos interpretabamos que a bala rebotaba nunha nube e baixaba logo ata atopar o corpo da vítima que imprudentemente se lle cruzaba na traxectoria.
Polas fotos que publicaron algúns xornais, algo máis de dez deberon ser. Nisto, as versións oficiais emitidas pola oficialidade gobernante case sempre son as máis sospeitosas. E os sindicalistas tamén farían como fan sempre os que se manifestan, tirar os cálculos polo alto para que se note ben que houbo movilización. Curiosamente, algunhas informacións sobre o asunto indican que non se rexistraron incidentes durante as concentracións. Se fora verdade a versión de Medio Rural de que só houbo dez participantes, comprenderiase sen dificultade que tal cousa pasase. Porén, seica apareceron 18 motobombas coas rodas e os cristais danados en Xinzo de Limia. Moito deberon esforzarse eses poucos participantes. Tocarialles a 1,8 motobomba por cabeza.
Do que non hai dúbida é de que foi a climatoloxía a que non fixo folga. Mantivo ao máximo a súa natural loita contra o lume. Para min que Suárez Canal este ano ofreceuse a botar o tangaraño coa mediación de San Bieito de Cova do Lobo, que lle queda preto da súa terra. Ai se non fora polo cambio climático!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario