lunes, agosto 20, 2007

Leva razón a CIG

Aínda hei ter que facerme da CIG. A pesar de ter os seus amigos no goberno, son os únicos que lle dan algo de caña ao bipartito. De entrada, súmome á petición que fai o sindicato acionalista para que se dean a coñecer os nomes e apelidos deses 2.000 altos cargos da Xunta que se ven beneficiados cun sobresoldo de 15.000 euros anuais debido á Disposición Adicional 17 que foi aprobada no Parlamento de Galicia.
Segundo Xosé Manuel Viqueira, responsábel de CIG Administración en Santiago, pagar estes sobresoldos implica un gasto público anual de 30 millóns de euros. Cada un deles é máis do que gañan moitos traballadores que prestan servizo no actual mercado laboral. Non me extraña que Viqueira e o seu sindicato lles pidan ao presidente e ao vicepresidente da Xunta que deroguen a medida que tomaron "por inxusta co resto dos funcionarios e improcedente".
Apóstolles o que queiran, porén, a que nin Touriño nin Quintana han mover un dedo para facerlle caso á CIG. E menos aínda para escoitarme a min, que tamén lles pido que xestionen mellor os cartos públicos. E, como non van facer nada, haberá que pedirlles que fagan pública a lista dos beneficiados. Para que todos saibamos de que vai a cousa. Polo de agora, xa se sabe que Anxo Quintana (cando volva ao Sergas), Ricardo Varela (funcionario da administración local de Lugo), Alfredo Suárez Canal (profesor de Instituto en Ourense), Alberto Núñez Feixóo e Pablo González Mariñas serán algúns dos beneficiados. Hainos de todas as cores políticas. Isto chámase lexislar para o "noso" ben. O ben deles (bandullo), querse dicir.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Qui se resemble s'assemble...

Anónimo dijo...

A CIG propón derrogar o sobresoldo vitalicio para os altos cargos.

Fronte ao silencio desde as formacións políticas ao respecto, desafían a altos cargos actuais e pasados a pronunciárense sobre o que cualifican de "privilexio".

"Inxusta, discriminatoria e improcedente" son algúns dos cualificativos que desde a Confederación Intersindical Galega lle adican á disposición adicional 17, a polémica iniciativa que estabelece o sobresoldo anual de 15 mil euros de por vida para altos cargos despois de que estes deixen a política activa para reingresaren nas súas prazas de funcionarios.

A CIG insiste en que non se deixe esquecer esta polémica e teiman en que o Goberno debería derrogar esa disposición introducida na Lei de Función Pública. Ao respecto, recordan que serían sobre dous mil altos cargos os que desde 1981 se beneficiarían deste salario extra.
Por este motivo, tamén fan un chamamento a todos eles, altos cargos públicos pasados e actuais, para que publicamente dean a súa opinión sobre "este privilexio". Ao fío, pídenlle ao presidente da Xunta que se fagan públicos os nomes de todos eles.

Avaliando que a entrada en vigor desta medida vaille custar aos cidadáns até 30 millóns de euros anuais, a CIG expuxo diante do Valedor do Pobo que a disposición adicional é "abusiva, inxusta, discriminatoria, anticonstitucional e antixurídica".

"Está claro que é unha cantidade nada desprezábel que vai premiar a persoas que ocuparon cargos por designación a dedo dende o ano 1981, na meirande parte por motivos políticos e partidistas, sen ter en conta o tipo de xestión ou capacidade", critican. Debido a isto, xa lle solicitaran hai poucos días ao Valedor que instase ao Parlamento á derrogación da devandita disposición adicional 17 da Lei de modificación da Función Pública.

Publicado por Xabier Pita W o Agosto 20, 2007 12:19 PM