martes, agosto 28, 2007
Francisco Umbral
Morreu un dos grandes homes do xornalismo e da literatura españois. Francisco Umbral fóisenos definitivamente con Julio Camba, Fernández Flórez, Camilo José Cela, César González Ruano e poucos máis. Umbral foi o mellor de todos.
Tiven ocasión de tratalo persoalmente debido a que a súa muller, María España, foi fotógrafo de Interviú durante unha boa parte dos moitos anos que eu traballei na revista fundada por Antonio Asensio, na que o escritor falecido colaborou abondantemente. Teño, polo tanto, coñecemento de causa para dicir que Paco Umbral non era, nin de lonxe, ese ogro que algúns malintencionados tentaron facer da súa personalidade. Era, polo contrario, unha persoa extremadamente sensíbel e afectuosa que se esforzaba por tratar xenerosamente ben os amigos e coñecidos. Fun convidado a comer na súa Dacha, que era como lle chamaba el á casa na que vivía en Majadahonda, e comprobei de preto a enorme humanidade do escritor que se nos acaba de ir.
Da inmensa obra que nos deixa xa falarán os expertos. A min abóndame lembrar como nos alimentamos os da miña xeneración cos artigos que publicaba el hai moitos anos en La Voz de Galicia e La Región, cos que apareceron logo en El País e, máis tarde e ata pouco antes de morrer o autor, en El Mundo. Umbral foi un dos máis lúcidos e brillantes pescudadores da realidade española dos últimos cincuenta anos. A súa visión do mundo e das cousas, en particular cando lle tocaba analizar feitos relacionados co renacemento dos nacionalismos ibéricos, era cando menos discutíbel, pero sobresaía sempre a súa intelixencia analítica e o seu estilo incomparábel e altamente orixinal. E canto traballou, ademais, este home! Non se sabe de onde sacou tempo para facer todo o que fixo. Ducias de libros publicados, un artigo extraordinario cada día nos xornais e varios máis en distintas revistas cada semana... E a Umbral aínda lle quedaba tempo para divertirse e pasalo ben.
Fóisenos Paco Umbral, pero quédanos a súa obra e a súa figura inmortal de Mariano José de Larra do noso tempo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario