viernes, agosto 10, 2007
Manuel Ameijeiras ou a vulgaridade administrativa
Manuel Ameijeiras, actual delegado xeral do Estado para Galicia e anterior responsábel do Aeroporto de Labacolla, non é persoa que me caia mal. Ás veces atópoo facendo futing polas nosas terras de Amahía e, de vez en cando, ata botamos unha parolada. Non me gusta nada, porén, o que lle acaba de responder ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) por unha preguna sobre supostas gravacións dos detidos obtidas de xeito irregular nas actuacións dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Segundo tamén supón o MpDC, esta actuación, que vulneraría as leis de Videovixianza e de Protección de Datos, foi recoñecida polo voceiro dun sindicato policial no telexornal dunha cadea de televisión estatal. Este sindicalista policial manifestou que habitualmente algúns policías usan métodos propios, como teléfonos ou cámaras fotográficas, para defendérense de supostas denuncias por malos tratos nos lugares de detención.
A Delegación que rexenta Ameijeiras respondeulle ao MpDC que "a clase de información solicitada... no suposto de habela, ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida". Debe ser, máis ou menos, o que se lle ocorriría responder a Hitler se lle preguntaran a tempo polos fornos crematorios. Como é sabido, a mesma pregunta feita a Goebbels sería respondida dicindo que non había fornos crematorios.
Ou sexa, que a Ameixeiras o único que lle importa é manter en segredo as actuacións das forzas de seguridade, algo que os que vivimos parte das nosas vidas en ditadura xa sabemos a onde pode conducir. Non parece preocuparlle nin máis nin menos averiguar se é verdade ou non o que dixo o citado sindicalista da Policía e que foi denunciado polo MpDC. A verdade é que nos queixabamos de vicio cando era delegado xeral do Estado Domingo García Sabell que, a fin de todo, o único discutíbel que fixo foi mandar que lle colocaran no morro do coche oficial unha bandeira galega de dimensións que non eran regulamentarias. Logo viñeron Diz Guedes e aquel que na súa cidade lle chaman O Estirado e fixeron do galeguista histórico un premio Nobel. Polo camiño que vai (Reganosa, Día da Patria e isto de agora, por exemplo), Manuel Ameijeiras non creo que acabe merecendo máis ca un premio á vulgaridade administrativa.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario