“Os alcaldes do partido popular seguen presentando a día de hoxe a mesma carencia que días atrás”. Sacada de contexto, esta frase que acaba de pronunciar o parlamen-
tario do PPdeG Manuel Ruíz Rivas, podería prestarse a interpretacións moi diversas. Aplicada ao rexedor de Vilamartín de Valdeorras, se cadra ata se podería deducir dela que a carencia se referise a unha inescrupulosa ausencia de preuxízos para cambiar de becerro de ouro segundo tornasen os vendavais políticos.
Se se segue lendo o que dixo Ruíz Rivas, atópase un con que do que cerecen eses alcaldes é “dos cartos suficientes para garantir a prestación de servizos sociais nos seus concellos mentres que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar lles impón un dobre raseiro: a Xunta só financia eses centros a cambio de que os municipios lles cedan o control político”.
Rivas tamén volveu a denunciar “as ameazas das que son obxecto os concellos, na medida en que a Xunta está reducindo as convocatorias de subvencións para converter os convenios nunha das únicas vías das administracións locais para acceder a recursos financeiros no ámbito social”. Segundo o parlamentario popular, “a Vicepresidencia nacionalista obriga aos rexedores a elixir entre ter garantidos determinados investimentos a cambio de ceder o control político ou estar afectados polo ‘frío permanente’ sen proxectos de ningún tipo”.
Moi ben, toda esta leria xa a coñeciamos. No fondo é a gasolina coa que o alcalde de Antas de Ulla prendeu as neuronas que lle fixeron chamar mafioso a Quintana, pero da espantada que lle deron a Rueda e a Feijóo os tres estómagos agradecidos de Antas, Vilamartín e O Rosal ninguén do PP ten nada que dicir? Alberto Núñez, missing; Rueda na procesión dos caladiños e Ruíz Rivas coa trécola de sempre.
Porque o que non é de recibo é a interpretación que fai da última atitude adoptada polos tres mosqueteiros do líder do BNG no PP. “O rexedor de Antas de Ulla –di Ruíz Rivas– trataba de demostrarlle a Quintana que non existen razóns para que este se sinta insultado, mantén tódalas afirmacións que fixo e se disculpa polas formas, pero non polo fondo”. Ou sexa, que polo menos Quintana siciliano non é.
Do rexedor d’O Rosal di Rivas que “insiste en ofrecer colaboración institucional á Vicepresidencia”, e do de Vilamartín de Valdeorras sostén que “non participou na reunión que supostamente incomodou a Quintana e, polo tanto, semella lóxico que se interprete que se desmarca dunha postura da que non tomou parte”. O malo, para Ruíz Rivas ou para o PP, polo menos, é que Manuel Candal tamén se desmarcou dos líderes do seu partido. Ou non singifica iso mostrarse en público partidario de que Anxo Quintana “presida” os destinos de Galicia? Será que o alcalde de Vilamartín de Valdeorras quere a Alberto Núñez Feijóo de ministro en Madrid, ou nin sequera iso, pero non de presidente en Galicia? Hai sapos que son máis difíciles de tragar cando lle son servidos a un no almorzo por alguén que se pensaba que era dos seus.
1 comentario:
Seica non se quere enterar, don Conde. Xai hai dous alcaldes máis do PP que se pasaron a Quintana. Os de Muíños e As Neves. Como siga así a cousa, desta Feixóo fica sen folgos.
Publicar un comentario