martes, mayo 27, 2008

La Región súbeselle ás barbas a Santiago Rey


Interesante órdago o que lle acaba de lanzar o xornal ourensán La Región ao coruñés La Voz de Galicia. Quen dixo que os cans non comen carne de can? Hase ver agora, porque o editorial publicado hoxe polo periódico dos Outeiriño, xunto cun artículo firmado por Luís Sotelo, convida a que se abra a caixa de Pandora dos medios de comunicación galegos e o máis seguro é que, a estas horas, o editor Santiago Rey xa tivo que engolir máis dun trago de escocés para dixerir a xenreira que lle provocou a reacción dos que queren que a Deputación de Orense lle tire as castañas do lume a un xornal que pasa por apretos económicos.
Din os do xornal ourensán que La Voz de Galicia “está levando a cabo nos últimos días unha groseira campaña contra a lexítima operación de reestruturación financeira emprendida pola sociedade editora de La Región, tanto no libre exercicio do seu dereito empresarial como no de garantir aos ourensáns que a súa marca informativa continuará desenvolvendose sen maiores trabas no futuro ao compás das novas tecnoloxías e das novas situacións de mercado”.
Tamén aseguran que a Santiago Rey fáltalle por conquistar o feudo de Ourense: “É indudábel que La Voz de Galicia reina na provincia da Coruña. E é igualmente incuestionábel que este xornal ten unha significativa implantación noutras áreas. É unha realidade que, como medio informativo, recoñecemos sen ningún problema. Pero a mesma realidade revela que en Ourense o periódico coruñés non logra penentración algunha a pesar dos esforzos, ás veces abondo sucios, desplegados durante décadas. Por citar tan só un exemplo deses esforzos non sempre limpos, aí están as súas reiteradas pácticas de dumping empresarial ofrecendo as súas páxinas de publicidade en Ourense ata 200 veces máis baratas que na Coruña. Inequívoco exemplo de boa práctica empresarial. Como para dar consellos”.
E aínda din máis os de La Región: “La Voz de Galicia é unha empresa familiarizada coa venda e distribución de exemprares do xornal que, engrosando a súa tirada, non abonan puntual e fielmente os petos de moitos dos seus lectores; páganos outros e non precisamente polo afán de lectura”.
Segundo La Región, o reto do xornal de Santiago Rey “trátase de acadar, como sexa, a obsesiva meta dos 100.000 exemprares e, para conseguilo, vale todo”. “Dende hai décadas –di o editorial do periódico dos Outeiriñoo xornal coruñés está gastando grandes cantidades de diñeiro na súa distribución pola provincia de Ourense, na que hai lugares nos que a venda dun só exemprar supón a perda de rendabilidade de decenas. En operacións de mercadotecnia batéronse todas as marcas imaxinábeis co resultado habitual: as vendas non suben. Pola contra, baixan. La Voz de Galicia, que chegou a publicar tres edicións na provincia, tivo que tirar finalmente a toalla e reducíunas a unha, tamén co resultado que se coñece. E todo como consecuencia de que o que fatura o diario coruñés nun ano na provincia de Ourense está por debaixo do que fai La Región nun mes”.
Máis lonxe aínda quere chegar Luís Sotelo no artigo que, coa súa firma, publica tamén hoxe La Región lembrando que La Voz de Galicia quintuplica as axudas repartidas polas administracións públicas de Galicia. “Se ao segundo medio ao que lle dan máis gabelas, lle conceden unha moeda dun euro, a vostede entréganlle un billete de cinco”, exclama o articulista dirixíndose a Santiago Rey, antes de pasar a referirse aos “millóns de euros que viñeron e veñen facturando á televisión pública” e á empresa Sondaxe, “ese perfecto escarpín que tanto serve para o interior como para o exterior e que arrima boas brasas ás súas propias sardiñas”.
O articulista lánzalle a Rey algunhas interesantes preguntas: Cantos millóns de euros máis quere que lle faciliten eses poderes públicos que con tanta tacañería lle financian ocorrencias ou lle apadriñan empresas? Máis concesións de radio e televisión dixital? Novos contratos con organismos oficiais? Novas publicacións de diarios oficiais? Máis servizos de asistencia á Xunta, ás deputacións e aos concellos?
Sotelo termina popoñéndolle a Santiago Rey que considere “oportuna e esclarecedora” a proposta de que “se leve a cabo unha auditoría independente e de total garantía sobre os respetivos vencellos dos medios de comunicación de Galicia coas administracións públicas a todos os níveis”.
Pos non estaría mal que se levase a cabo esa auditoría. Saberiamos, por fin, os contribuíntes en que camas se deitan os políticos galegos cos amos da comunicación. Os de Ourense tiraron a primeira pedra. Que siga a liorta. A ver quen se esnafra.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Este Luis Sotelo aparece en ocasións de "emerxencia pepeira", pois, se a memoria non me engana, foi tamén o que asinou aquel artigo tan famoso na mesma Región falando dos chanchullos e riquezas de Cabezas.
¡Non hai coma ter un nick para ocasións excepcionais!

A ovelha

Anónimo dijo...

Quén se esnafra? Nós, caro Perfecto, nós, que pagamos o pato de La Coz de Galicia e os delirios de El Aporreo Gallego.
Cándo estivo a prensa escrita fóra da órbita do poder político, sexa cal sexa?
Acaso Interviú, que tiña aquel xefe, paz estea, que paseaba dosieres polos restoráns de cinco garfos para obter publicidade da empresa do empresario en cuestión que aparecía nos papeis?.

Naturalmente aprensa xoga un papel importantísimo nun sistema de liberdades mais non temos que pagar os cidadáns os balances negativos das empresas.

Anónimo dijo...

Nunca souben de ningún xefe de Interviú que paease "dosieres" polos restaurantes de cinco garfos "para obter publicidade da empresa do empresario en cuestión". Pódelle constar que, se soubera desa existencia, contaríao sen problemas. Como vostede o único que fai é deixalo caer, sen aportar nin o nome dese xefe nin calquera dato que acredite o que conta, inclínome a pensar que só está a facer unha imputación infundada. Alá vostede.
Perfecto Conde

Luisfoz dijo...

Muito bem, Perfeutim, o melhor é o dos cans que si comem carne de cam. Está bem isto porque podes inteirar-te de cousas. Conheces o trabalho, em três entregas, "Exclusivamente ourensano? de Manuel Rego Nieto?

Anónimo dijo...

Mire, Perfecto, se o xefe máximo do Grupo Zeta, camarada Antonio Asensio, non paseaba dosieres polos restoráns de cinco estrelas para non publicar certas noticias e obter, en troques, publicidade nos medios do Grupo Zeta, pois vale, farei un acto de fe no que vostede me din, mais non acredito. Terei fe.

Anónimo dijo...

Vostede pode ter a fe que queira ou a que a súa cabeciña (quero dicir cerebro) lle permita, pero eu sigo dicindo que non sei nada diso que non fai máis que suxerir.
Fun asalariado de Antonio Asensio durante 19 anos e pódolle asegurar que foi o patrón que máis independencia e medios puxo á miña disposición para traballar. Aínda así, pode haber cousas que eu ignoro e que poden ir na liña do que xuxire, pero non vexo que estea vostede demostrándoas.
Encantaríame ofrecerlle este medio para expoñelas, se vostede quere. Ten dous camiños: entrar directamente e contalas, e prométolle que non vai ter máis censura ca derivada da lexislación vixente e unha libérrima maneira de entender os bos costumes, ou proveerme a min de información para que escriba sobre o tema. Poño, para iso, á súa disposición un dos meus correos electrónicos: perfectoconde@gmail.com
Saúdos agradecidos,
Perfecto Conde

Anónimo dijo...

cheap jordans
jordan shoes
air jordan travis scott
kd shoes
kyrie 5 shoes
golden goose sneakers
chrome hearts online store
yeezy
moncler jackets
off white t shirt