martes, mayo 27, 2008

Síndrome de Monte Pío

A residencia oficial que deseñou e dirixíu na súa construcción o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, un dos flamantes premios nacionais de cultura galega, é a Moncloa de Galicia dende que Pérez Touriño desempeña a presidencia da Xunta. O edificio de Monte Pío, con magníficas vistas sobre a catedral e a cidade de pedra, convertíuse no lugar no que o líder socialista pasa máis tempo e leva a cabo unha boa parte das súas actividades oficiais. Gústalle recibir alí os personaxes cos que sinte maior empatía (na fotografía aparece con Elvira González, compañeira do escritor arxentino Ernesto Sábato), preside reunións de traballo públicas e privadas, celebra algunha festa e charla cos amigos.
Dicíase no seu tempo que Adolfo Suárez padecía o síndrome da Moncloa cando se quería expresar un certo aillamento da realidade cotiá que acabou padecendo o líder da extinta Unión do Centro Democrático (UCD). Agora habería que falar do síndrome de Monte Pío non referíndose ao conxunto de síntomas que supostamente caracterizaron o comportamento de Suárez senón a unha particular manifestación dalgúns daqeles síntomas. Emilio Pérez Touriño, segundo pensan mesmo algúns dirixentes do seu partido, non é que se aillara da realidade cotiá senón que elixíu refuxiarse en determinados sectores que conforman esa realidade. En particular, no grupo de profesores de Universidade que incorporou ao poder autonómico cando accedeu ao goberno.
Nunca foi Touriño home de expresións multitudinarias. De carácter tímido e sen dúbida coñecedor dalgunhas das limitacións que coforman a súa personalidade –non é poseedor, por exemplo, dunha oratoria brillante nin consegue case nunca falar ben ningún idioma–, tende a atoparse cómodo cando se senta no colo dalgunha intimidade que el controla ben, tendencia que o leva moitas veces a arrodearse excesivamente de colaboradores mellor dotados para o manexo do botafumeiro que para o exercicio da crítica.
De feito, Touriño soporta enormemente mal que lle critiquen o que fai. Como soporta igual de mal, ou píor aínda, que alguén lle faga calquera tipo de sombra e quizais é neste conxunto de síntomas onde hai que atopar explicación a unha parte do seu comportamento en relación co vicepresidente Anxo Quintana, co que non lle quedou más remedio que compartir o goberno, pero evitando canto pode que o nacionalista exerza na práctica unha vicepresidencia para a que que oficialmente foi designado, como se acaba de ver agora no Parlamento co tema de Ence.
Pasamos así dun presidente da Xunta todopoderoso, como era Manuel Fraga, a un presidente que se sabe limitado, pero que non quere que se vexan esas limitacións. Quizais por isto tamén se refuxia máis en Monte Pío e nesas viaxes ao extranxeiro que acostuma facer con ares de xefe de Estado. Vai a Buenos Aires e os seus asesores rapidamente lle amañan algunha xuntanza coa viúva de Borges ou coa familia de Sábato. Recíbeo o vicepresidente Julio César Cleto, eso si, en funcións de presidente, e o asunto máis importante que trata con el é unha posíbel intervención do goberno arxentino preto de Editorial Sudamericana para prohibir o libro Super chistes de gallegos, que nin se acabou prihibindo nin falta que fixo. E dalí a Brasil, comer cos empresarios. Non era isto mesmo o que tamén facía Fraga?
O síndrome de Monte Pío, en fin, caracterízase por representar unha maneira de entender a política a través dun prisma de elitismo condicionado polo que hai e non polo que podía haber. Polo galpón de luxo que lle fixo Manuel Gallego a Fraga desfilan agora moitos empresarios, innúmeros profesores universitarios, visitantes ilustres que chegan de fóra e poucos –ou ningún– obreiros, sindicalistas e mesmo poucos intelectuais e artistas galegos. Parece como se Touriño dese por perdida, en favor do Bloque, a leira na que se cultivan estas berzas.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Isto chámase retratar ben un personaxe.

Anónimo dijo...

Será que non recibe aos do "traxe de luces", (mono, funda etc" por que votan un fedor de carallo e poden emporcar o "chalet".
Os dos intelectuais algún lle pode emporcar a mente ao nos presi.
Ten que gardar a compostura para perpetuar o "sistema" da "democracia" borbónica.Amén