miércoles, mayo 21, 2008

Prensa del Movimiento

Resulta curioso observar os poucos puntos da realidade nos que cinciden unanime-
mente as tres forzas parlamen-
tarias de Galicia. Un deles case sempre é o de reforzar o estatus social da clase política, salarios incluídos, e outro radica na singular maneira que teñen PP, PSdeG-PSOE e BNG de consideraren o papel dos medios de comunicación. E importa pouco o que algunha delas, particularmente a forza nacionalista, pensase e defendese sobre este asunto durante o longo tempo que se demorou na oposición.
Atopo exemplo do que digo na ratificación que fixeron PSOE e BNG da proposta do presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, que é do PP, para que a institución pública provincial dedique 1,5 millóns de euros a comprar accións do xornal local La Región. Os do BNG sosteñen que hai que apoiar “unha empresa ourensá que ten problemas económicos e que con esta medida se garantiza a súa viabilidade e se salvagardan os postos de traballo”, argumento que non deixa de ser francamente preocupante se se ten en conta que, por exemplo, no campo da construcción, é máis que probábel que os problemas económicos afecten gravemente a outras empresas, igualmente ourensás e con cadro de persoal. Tamén propoñerán os nacionalistas entraren publicamente nos seus capitais para salvalas?
Lembro perfectamente que cando a Xunta de Manuel Fraga decidíu socorrer os apretos económicos polos que atravesaba a estación de montaña de Manzaneda, outra empresa relacionada con La Región, socialistas e nacionalistas, que entón estaban na oposición, ergueron o berro da protesta. Unha cousa é predicar e outra é dar trigo. E non digamos facer o pan con ese trigo. Finalmente, na política de goberno, os panadeiros compórtanse case sempre da mesma maneira e a case todos lles saen iguais as bolas e, sobre todo, as empanadas.
Non quero dicir con isto, a ver se me entenden, que haxa que desasistir a empresa editora do xornal ourensán e, sobre todo, os seus traballadores, pero preocúpame a deriva intervencionista que case sempre mostra o noso goberno cando se trata de medios de comunicación. Queren resucitar a idea que materializou o franquismo na desaparecida Cadena del Movimiento investindo en medios de comunicación que se poñan a tiro?
Simplemente como lector dos xornais que se editan en Galicia, teño a impresión de que todos coxean do mesmo pé, ou sexa, dunha enfermiza complacencia cos poderes públicos, e non digamos cos fácticos, empresariais, etc., que nalgún caso roza o puro e duro servilismo mediático. Se cambia o goberno da Xunta, automaticamente cambian canda el as orientacións dos once diarios de Galicia. Isto é case matemático, como dicía o muiñeiro de Salmeán cando cambiaba o vento. E non paremos xa a mirar o que pasa nos medios propiamente públicos, a radio e a televisión, auténticos altofalantes da propaganda oficial dos gobernantes de quenda.
Que vai significar, neste contexto, a entrada de capital público no xornal de Ourense? Pois o que significan sempre estas penetracións. Que os políticos terán un espello máis no que mirarse cando se atopan ben peiteados. Dicíase en Colombia que o primeiro que facía un narcotraficante era comprar un Mercedes, logo unha amante e, a continuación, un político. Por estes lares os políticos o que fan é comprar xornais. Non aprederon nada de Jordi Pujol, que dicía que el non precisaba comprar periódicos porque, por menos prezo, compraba xornalistas. Pobres contrtibuíntes!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

E despois poñen cara de póquer cando a xente di que todos os políticos son iguais?

Panda de preas!

Anónimo dijo...

Mira que somos atrasados neste país.
Jordi Pujol declarou hai ben anos que era moito máis barato comprar xornalistas ca invertir os cartos en adquirir cabeceiras.