El País deixou hoxe co cú ao ar á Xunta de Galicia e ao PSdeG-PSOE. E menos mal que xa andamos metidos na primavera porque senón o constipado podería ser dos que non se curan con aferventados. María Isabel Blanco Rodríguez, a suposta axente electoral que viaxou a Arxentina para facer campaña a favor do PSOE, con gastos pagados pola Xunta, non se desprazou Buenos Aires para coidar a súa irmá doente, que nin sequera estivo na capital arxentina mentres que ela andivo de porteña.
El País, que di que ten no seu poder documentación da propia Xunta, sostén que cando a Secretaría Xeral de Emigración empezou a tramitar os billetes de avión de María Isabel Blanco, emigrante retornada, xa se sabía que a súa irmá enferma, María do Carme Blanco Rodríguez, estaría en Galicia durante unha boa parte da estancia de María Isabel en Arxentina.
Foi a propia Secretaría Xeral de Emigración quen financiou dúas pasaxes en épocas distintas para as citadas irmás. Malia que a Xunta tentou xustificar o pago dos billetes de María Isabel coa finalidade de que se ocupara de coidar da súa irmá María do Carme dicindo que se trataba dunha “dependente de terceiros para as súas necesidades básicas”, a suposta dependente levaba xa máis de dous meses en Vimianzo cando se lle mandou unha coidadora a Buenos Aires. Esta muller dependente chegou a Galicia o 17 de xaneiro de 2007 e non regresou á capital arxentina ata o 16 de abril do mesmo ano.
Por se collelos nesta mentira fose pouco, El Pais tamén informa de que a documentación oficial pon en tela de xuízo a contratación da presunta colaboradora do PSOE por parte da Unión de Viticultores do Castro, unha asociación vencellada a Unións Agrarias, sindicato campesiño próximo ao partido de Pérez Touriño. Esta Unión reclamaou á Xunta que lle fosen contratados tres técnicos especializados: un enxeñeiro, un avogado e un economista para traballar na comarca de Valdeorras. Malia que non tiña máis titulación ca de oficial de primeira, María Isabel Blanco foi unha das persoas que foron elixidas para cubrir estes postos, traballo ao que se incorporou o 10 de decembro de 2006. Case ao mesmo tempo, a deputada socialista Marisol Soneira empezou a tramitar na Secretaría Xeral de Emigración as pasaxes de avión con cargo a un convenio existente entre a Xunta e Iberia.
Posteriormente, a propia beneficiada por esta viaxe á Arxentina manifestou, a través do Partido Popular, que o seu desprazamento a Buenos Aires levouse a cabo para pedir o voto a favor do candidato socialista á alcaldía de Muxía, Félix Porto, que recibíu 38 papeletas ao seu favor procedentes de Arxentina.
Se todo isto é así, e aínda non saíu ninguén demostrando que non sexa verdade, o propio presidente da Xunta debería dar unha explicación convincente. Por mentir menos descaradamente, hai democracias nas que os cachados teñen que dimitir.
2 comentarios:
Se tivesen que dimitir tdos os políticos que contan algunha mentira, de súpeto quedariamos sen eles. E tampouco sería bo. Vivimos no país das mentiras. Se cadra o que pasa é que todo e todos somos unha mentira. A grandísima mentira da existencia humana.Eu minto, ti mintes, el minte, nós mentimos... E eles aprovéitanse.
Pero moito ollo! Que, entre o grandes mentirosos, estades os xornalistas. Ou isto tamén é outra mentira?
Hai que ver que axiña aprenden algúns/algunhas as boas mañas do PP.
Viva a democracia e a transparencia, coñioooo!
Publicar un comentario