jueves, julio 30, 2009
A deriva de Xornal de Galicia
A propósito de Manquiña, un amábel comunicante tivo a ben mandarme parabens por ser este blog o que aventurou a “velocísima deriva do Xornal de Galicia” que supostamente se está levando a cabo. Eu non vou reiterar agora os argumentos que me levaron a sospeitar que podía estar empezándose a producir esa deriva co recente nomeamento de Miguel Ánxel Souto para o cargo de conselleiro delegado e xerente do periódico do construtor Xacinto Rey, dono do importante Grupo San José.
O que si vou facer, porén, é reparar algo na recente entrevista que publicou este xornal, durante dous días, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Grandiosa entrevista, por certo, e dígoo polo menos pola enorme extensión que ocupou nas súas dúas entregas: dúas primeiras páxinas case enteiras e seis páxinas interiores, sen contar os nove artigos de opinión a que deu orixe o evento só neses dous días. En total, 7,849 metros cadrados de papel, a superficie que ocupan por término medio os cuartos de baño dos lectores do xornal, WC e bidet incluídos. Nin a Franco lle facían tanta e tan boa propaganda no Arriba.
Calculo que desta volta e aínda que fose só por dous días, La voz de Galicia debeu perder varias ducias dos seus habituais lectores que tanto lles gusta ver loado o líder conservador. Ándase dicindo que Feijóo é moi listo, e debe selo porque soubo aproveitar ben a ocasión que lle deu Xornal para presentarse como un gobernante caído do ceo para resolver as astracanadas cometidas polos que o precederon nas responsabilidades gobernantes, Fraga e el mesmo incluídos, aínda que o entrevistado se refira só aos definitivamente apestados do PSdeG-PSOE e do BNG.
Di o presidente que xoga cun equipo que “aterrou nunha pista de xeo e aínda segue con vida”. Realmente esta frase é moi oportuna, pronunciada case nos mesmos días en que La Voz publicaba os resultados dunha sondaxe que lle resultou extraordinariamente favorábel para os seus primeiros cen días de goberno.
Quizais o que máis me sorprende desta entrevista é o repentino fervor que mostra Feijóo por Castelao, figura qu ata agora nunca fora reivindicada pola dereita. "Castelao foi –Feijóo non di “é”– o apóstolo da palabra e o apóstolo da idetidade galega e do orgullo de ser galego. Castelao, igual que Brañas, Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas, é patrimonio dos galegos. Eu non teño un busto de Castelao no despacho. Hai outros políticos que si o teñen e paréceme moi ben, pero que non se esqueza ninguén que Castelao non é patrimonio de ningún partido político. Castelao é patrimonio de Galicia”.
Xosé Luis Gómez, director de Xornal, e Xabier R. Blanco, adxunto á dirección, fíxeronlle unha moi boa entrevista, na que poucas cousas deixaron sen preguntar por elas. Neste sentido, o seu traballo foi xornalísticamente impecábel, pero canta moito que a entrevista que nunca lle fixeron a Touriño, mentres que foi presidente da Xunta, a Feijóo fixéronlla quilométrica nos primeiros cen días do seu mandato. Conta Gómez que foi porque o presidente socialista nunca lles quixo concedela. E será verdade, pero aínda así segue cantando a extraordinaria atención que lle está prestando ao líder do PP un xornal que, ata agora, entrevistas de sábana só llas otorgaba ao nacionalista Anxo Quintana.
Coincidindo, ademais, que este periódico lle deu cancha estes días ao fato de Manquiña, para que botase veleno badoco pola boca, quizais é lícito seguir pensando que Xornal de Galicia anda movendo a brúxula. Xa se verá.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
8 comentarios:
Non lembran aquel comentario do director sobre Touriño, tan axiña como rematou a campaña electoral?:
Emilio ya se nos había ido.
Resulta curioso que ,uns días despois de marchar Souto da delegación ferrolá da Voz, aparezan por primeira vez en dez anos fotografías dando conta de actos en oposición a Reganosa e mesmo unha carta crítica coa ubicación da regasificadora. Que se está a mover?
Xornal segue a ser, e espero que sexa así por moitos anos, a única opción que temos os galegos para informarnos a través da prensa tradicional en Galicia. Está moi ben que se lle dea voz a todas as correntes políticas e formas de pensar de Galicia incluso ás pallas mentais de Manquiña.
Non fai falla que fagan seguidismo total dunha opción política, para iso xa temos á "Coz del Noroeste".
Segue a ser un dos poucos periódicos que da gusto mercar e ler. Que siga así por moito tempo!. Aínda que teñamos que sufrir grandes monográficos del Albertiño I(para que grande humorista deu este home).
A min que o merquei unha temporada longa xa non me convence. Non son masoquista e non me gusta que me falen da conveniencia dun estatuto para Galicia e que o faga o seu director en castelán. Tampouco aguanto esa pelotería ao PP, e o bilingUismo paréceme un retroceso. En fin Arrevoir.
Vale Mati, entón voltamos á Coz e todos tan contentos.
O outro día sorprendín un quiosqueiro de Vigo falando cun comercial de Xornal estáballe dicindo que regalan xamóns e televisións ás empresas grandes que se suscriban. Flipando...
Pódeme alguén dicir que xornal debo ler, porque son dos que penso que o Xornal de Galicia segue a ser a mellor opción fóra do monolitismo arreguizante da prensa que sofre este país.
Que xornal ledes os que non vos gusta XdeG?
Galicia Hoxe tampouco está mal; para ler por internet recomendo www.chuza.org !
Publicar un comentario