jueves, julio 23, 2009

A Xubia de Vicente Araguas


Luis Foz e máis eu fuximos do mal tempo santiagués e viaxamos a Xubia para aceptar o convite que nos fixo o gran poeta, bo narrador e coinventor de Voces Ceibes Vicente Araguas na vella Casa Paco, antigo Hispano-Argentino. Chovía a cachón cando nos fomos e seguían caendo de punta cando regresamos pola tardiña.
Tamén nos acompañou o noso amigo Ramón Loureiro, que volveu a exercitar as súas boas maneiras fotográficas retratándonos co dono do veterano restaurante, hoxe pechado ao público, Pacucho Fernández Cagiao. Loureiro, gran xornalista e bo escritor (aí están as súas novelas Morgado, O corazón portugués e As galereas de Normandía), é un dos xornalistas ilustrados que aínda van quedando co cerebro e o corazón enfocados ás cousas galegas e sempre dá gusto falar con el.
De Araguas, como esta vez foi o anfitrión, non vou dicir nada. Non vaia ser que alguén entenda que lle estou pagando o convite, que ben merecía que llo agradecese polo menos. Ademais, os lectores saben de sobra da súa enorme valía e da súa indiscutíbel importancia na Galicia cultural dos últimos corenta anos.
Do local onde comemos e do seu actual propietario quero lembrar algunhas cousas. Casa Paco foi un dos restaurantes de Ferrolterra que máis sona e recoñecementos tivo durante varias décadas. Antigamente chamábase Hispano-Argentino, nome que lle puxera Manolo Casal, o seu primeiro propietario, que fora emigrante en Arxentina. Nos anos corenta pasou a mans de Paco Fernández Lago, que foi quen o rebautizou como Casa Paco. O actual dono do local, Pacucho Fernández Cagiao, medrou coa sona deste restaurante que foi referencia –xunto con Casa Tomás, tamén de Xubia– da gastronomía ferrolterrá durante moito tempo. Aínda lembramos o seu txangurro, as súas vieiras, salpicón, vitela, pescada do pincho e o seu magnífico souflé os que hai varias décadas tivemos a sorte de comer neste restaurante, que tamén foi “boite” e logo discoteca para noctámbulos. Como me di Araguas, do Paco aínda saíron unhas cantas parellas de xente da zona. Rematou sendo, antes de pechar, lugar de banquetes de toda caste e por alí pasaron Fraga, Adolfo Suárez, Alfonso Guerra e cantos pintaron algo na Transición.
Pacucho Fernández foi tetracampión de España de Motonáutica e organizou competicións que tiveron lugar na ría de Ferrol. Os lectores da novela A canción do verán, de Vicente Araguas, atopamos un aire do Pacucho Fernández real no Pacho Fontenla da ficción araguana.
No Entroido do ano 1949, case na porta de Casa Paco, os guerrilleiros mataron a un famoso tenente da Garda Civil que se chamaba Torres. Levaba sempre un gardaespaldas e ese día os executores berráronlle: “Apartate, Julio, que non vai contigo”. E apartouse. O tenente ficou cribado.

24 comentarios:

Vicente Araguas dijo...

Home, o pracer foi meu. Non é cousa corrente alternar con "cracks" como "Foz", Ramón Loureiro e Perfecto Conde. E -a maiores- cun personaxe dunha novela miña, cal é Pacho Fontela. E na sobremesa, á calor do suflé, a aparición estelar do fox-terrier Coco, oferenda incluida. ¿Sabes?, pasan os anos e isto é o que nos vamos levar á tomba, a sombra fugaz dos corpos que nos quixeron e o ronsel das conversas cos amigos. Como os de onte, no vello Hispano-Argentino. Graciñas a vós. Si.

Fuco de Esteiro dijo...

Ai logo si, comellóns! Enchédesvos en Xuvia e para min non hai nin un corrosco de pan. Nin unha chiquita. Nin un Montecristo. Que vos dean!

Almiral Mouchez dijo...

Se eu fose, Señor Conde, un ser de carne e óso, e non un espectro virtual, daría calquera cousa por poder estar alí con vostedes, bebendo unha fanta (se é que a fanta aínda existe, que non o sei)e comendo, eu qué sei, unha sardiña.

Pero aínda sen ser de materia corpórea, envexo o mesmo telos sentido falar a Vostede, a Don Araugas e a Don Foz.

Debeu de un ser un día moi fermoso, sen dúbida. Estouno imaxinando tanto -e con tanta envexa- que ata me parece que estiven alí.

(A foto moi ben, por certo. Xa debe de ser esa unha cámara boa, e non unha trapallada dixital desas que fan agora.)

Luisfoz dijo...

Foi um grande dia, e uma grande comida.O prazer de ter como convivas três ilustres da amizade, um ilustre do jornalismo, dois ilustres da literatura, um ilustre da restauração, em quatro craks polivalentes já que os literatos cantam, os jornalistas escrevem, etc. que rica jornada! Mágoa do tempo que converteu um miradouro em algo fantasmal e romântico mas onde não se via nada. Obrigado a todos.

Anónimo dijo...

Vaia de catro a catro! Xa parecedes Cunqueiro e Castroviejo, con Ferrín e Alonso Montero, de paparaota polos montes e chemineas de Galicia. Ten razón Fuco de Esteiro. Comellóns, iso é o que sodes. Porque o do foder, xaora...

Almiral Mouchez dijo...

Ai, nunca se sabe...!!!

Hildegart Canido dijo...

Ai, señor Anónimo, non lle diría eu tanto niso do foder dos catro mosqueteros de Xubia. Se eu lle contase...

Almiral Mouchez dijo...

Voulles contar, meus amigos, e desculpen que volva intervir, unha historia familiar, que seguro que no futuro alguén saberá contar mellor ca min.

O famoso tenente Torres debía de ser un home terrible. O seu pai, garda civil sen graduación, adoitaba dicirlle, por certo: Ti nunca na cama morres.

(E así ocorreu)

Pois resulta que un día, supoño que por unha cuestión de mozas, Torres, que era moi guapo, se enfrontou cun parente meu (naquel tempo tamén moi forte, alto e guapo), recén chegado da guerra, na que fora condecorado en persoa por un dos almirantes de Franco a raíz dunha acción naval en Cartaxena.

Torres, que tiña maior gradación militar que a que o meu parente tivera, calou, naquel café (Casa Abel, lle chamaban), baixou as orellas, e marchou.

Iso, na miña familia (e tamén noutras), sempre se contou como unha xesta máis daquel meu parente, que de xeito moi baroxiano antes de ingresar na Armada tiña por costume ir durmir as borracheiras ao cemiterio, por dar que falar.

Tanto me gustaba o personaxe que asustara a Torres, que non puiden deixar de investigar sobre el.

En mala hora: ao tentente torturador non só lle deu medo por grande, forte e botado para adiante. Doullo, sobre todo, por ser el quen era... dentro da Falanxe.

(Ás veces, ter memoria non convén. Nin sequera memoria familiar.)

Boas tardes a todos.

detective crepuscular dijo...

Agora que andan todos por aquí e para non ter que detectivear por outros ámbitos: Pódenme indicar que teño que facer para conseguir O CORAZÓN PORTUGUÉS de Ramón Loureiro? Teño mirado nalgunhas librarías e nada de nada. Está esgotado? Pensa reeditalo o autor? Saben algo? Pode responderme mesmo don Almiral, o "espectro virtual". Estas cousas pasan por non compralo no seu momento. Por certo, saben se o Loureiro anda embarcado nalgún outro proxecto literario? Se é mouito preguntar, saiban disimular. Cousas do oficio.

Non se acaba o mundo... ou si dijo...

Estou certo que o gran Almiral Mouchez estivo en espírito nesa gran velada entre grandes amigos. Parabéns a todos.

Bieito de Cidre dijo...

O léndario (de lénda mala; nunca sentín a ninguén que o loase, ou falase regular del tan sequera) Tenente Torres, José Torres Santiso, tivo derradeira morada en Xuvia, de Neda, onde hoxe está a Cervexería Barriga Verde (outro mito, neste caso bo). E alí se dirixía, despois de apearse do tranvía 2, Porto-Neda, cando foi ametrallado polos maquis. Quen se agacharan detras da silveira que había onde hoxe está a horta de Casa Paco. Isto foi sobor das nove da noite. Noite que botaron os guerrilleiros ben perto, nunha casiña de A Toeleira. Torres, ferido de morte, foi levado ao Hospital de Mariña, onde se fora a luz (tempo de restriccións) mentres era operado. Déronlle terra, tomba aparente, en Santa María de Neda. Está nun poema do Araguas e -como Almenas- nunha novela de Carmen Kurtz, "Detrás de la piedra".

Rabadeña dijo...

¡Manda carallo! A ver se o persoal vai ir a ese camposanto ver a tomba de Torres como fan coa de Jim Morrison en Pere Lachaise...

Ciumes do aire dijo...

¿Como é iso, señora Hildegart, que estes preas non se limitan á papatoria gastronómica? Cónteme, cónteme.

Almiral Mouchez dijo...

Preguntaba un vello galeguista (un daqueles galeguistas ESGREVIOS), tras as paparotas e puro, ónde habería unha casa de lenocinio de confianza.

Pero eran outros tempos, claro...

P.D. O corazón portugués, Don Detective Crepuscular, e un libro dun amigo moi querido que non lle recomendo ler. E conste que sei de que falo, porque o lin varias veces.

Non obstante, se vostede me indica algún café de confianza, eu terei moito gusto en facerlle chegar alí por correo un exemplar, indicando no sobre o seu seudónimo.

Moitas grazas pola súa atención e o seu afecto.

Adelina dijo...

Torres era cuspidiño a Victor McLaglen, o antagonista de John Wayne en "The quiet man" de John Ford. Cedeirés de orixe, viñera ao Cuartel de Xuvia (Naron) moi ameazado polo maquis. Os que o mataron non se agacharon en A Toeleira, senón nunha casiña de Santa Marís de Neda, medio kilómetro máis adiante, pois. En xeral cadro con canto di Bieito de Cidre.Señor Conde: parabéns polo blog.

Anónimo dijo...

Algunha vez oín contar que pouco antes de que o mataran ía no tranvía...

Anónimo dijo...

¿Alguén terá unha foto del? ¿E poderá colgala?

Manuel Lara dijo...

"Ouh xuvenca Xuvia
loia cotián de gurripatos
como campás na zunia
esculcándote vou mentras peneiro
dias raiados, días raiados,
días raiados, días raiados"

Lenidade do solpor no esteiro dos nosos días...Saúdos cordiais.

Manuel Lara

Bieito de Cidre dijo...

No tranvia, si, o número 2, o que hoxe mudado en bus fai o traxecto Porto-Neda. É chamativo que un home tan ameazado volvese do Cuartel (estaba xa no Concello de Narón, pasada a ponte, onde hoxe está -exento- o magnolio máis que dobremente centenario que veu de Filipinas) a casa en tranvía. Pero os tempos non daban para máis (tamén os soldados republicanos ían ao fronte da Cidade Universitaria en tranvía; ata onde este daba chegado, lástima fora).Así que Torres e Julio (este era de San Sadurniño) baixaron do tranvía: Torres, diante, Julio a uns cantos metros, cando se escoitou o son da metrallada. Tal cal.

Anónimo dijo...

A horrible figura de Torres xa forma parte do lendario da terra de Trasancos.

Vicente Araguas dijo...

Bos días a todos. Primeiro, gustaría de agradecerlle a Manuel Lara a xentileza de inserir un poema meu, do libro "Xuvia". Logo, abusando da amabilidade do dono do "blog", e de todos vostedes quixera oferercelles este outro, de "Xuvia revisitada", que igual ten que ver co que se ven falando no "post".

OUTRA VEZ O HISPANO-ARGENTINO
Para F.F.C.
A PARELLA PASABA
e o seu era un saúdo precavido:
dous dedos no tricornio
e un sorriso de esguello.
Os tempos eran malos
para case todo e o monte un sitio
intransitable do que algunha vez
baixaba a morte para os adheridos
ou nin tan sequera, para chiletas
de a corenta pesos a chiletada.
Nas tardes de verán
argallabamos bailes, xa sabe,
farolillos pendurados dos plátanos
e a música que viña dun gramófono:
os máis vellos ou túzaros
sentaban nos sillóns de vimbio
e Terry, o can, saudaba
erguendo a pata, tempos.
Deses días recordo
o berro traxicómico dos porcos,
o monte ardendo como un sacrificio,
o vulto xa sen armas
do tenente Torres; mentres a noite
escapa no derradeiro tranvía.

V.A.
Deica mañá, 25 de xullo, Día da Patria, en Santiago.

Almiral Mouchez dijo...

Magnífico...!!!!

Luisfoz dijo...

Para o Detective crepuscular: "O corazón portugués" foi reeditado naquela coleção de "La Coz" e hoje podem-se achar muitos desses livros em livrarias de ocasião. Prove. Em quanto ao de foder ou não que se nos atribui, faz-se o que se pode aos nossos anos.

freefun0616 dijo...

酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店經紀,
酒店打工經紀,
制服酒店工作,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
酒店經紀,

,