Resulta algo curioso e ata chocante que a mesma Consellería de Educación –na que está incluída a Secretaría Xeral de Política Lingüística– ande acometendo a maior arremetida contra o idioma galego dende os tempos de Franco, e, ao mesmo tempo, estea levando a cabo unha política que, se o PP estivese na oposición, os de Núñez Feijóo non tardarían nin un minuto en calificar de interferencia nos asuntos internos de outros gobernos autónomos.
Esta mañá, o conselleiro Xesús Vázquez e o titular de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuníronse en Santiago –eso si, nun despacho de segunda– coa directiva da Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta”, unha organización nacida no ano 2005 para promover a presenza da lingua galega na zona galegófona da comarca leonesa do Bierzo.
Segundo a nota oficial emitida pola Consellería, os gobernantes galegos tomaron “en consideración as propostas de Xarmenta para o vindeiro curso” e tamén analizaron cos visitantes “a situación actual do galego no Bierzo e a posibilidade de continuar coa liña de colaboración establecida ata o de agora co goberno da Xunta de Galicia”.
Non está mal que o equipo de Vázquez admita que algo se fixo ben nos gobernos anteriores, incluído o de Fraga, que foi quen introduciu un programa de ensino do galego nos centros bercianos xa no curso 2001-2002. Logo dunha preocupante etapa de botar abaixo todo o que se foi facendo a favor do idioma de Galicia, anunciar unha certa continuidade neste tema resulta tranquilizante. Mesmo ata pode que aprendan algo aplicábel á propia Galicia administrativa xa que Xarmenta, segundo informa a mesma Consellería, “conta con docentes de galego, castelán, filosofía ou matemáticas, tanto desta comarca leonesa como de Valdeorras”.
Vese que no Bierzo aínda non sentou praza Gloria Lago, pero Vázquez e Lorenzo deberían andar con coidado. Non vaia ser que tamén acuda en defensa dos castelán-falantes bercianos o eurodeputadísimo Marcelino Oreja.
2 comentarios:
¿Pero quen é Gloria Lago?. Eu non teño nin remota idea que é esta Sra.
Votarme unha axuda. Alguén que saiba quen é que me oriente un pouco, son tan analfabeto que non me entero de nada.Debe ser moi importante e eu a velas vir.
Veña, Alpabarda, espabila, deixa de ser iso, un alpabarda.
Publicar un comentario