martes, agosto 25, 2009

Ceinture de chasteté

Algúns dos meus lectores, aos que quero tanto, propóñenme abrir un fío sobre a clerecía que se pode estar desenvolvendo arredor da cultura galega. Explícome, sobre o clientelismo, o cortesanismo ou a vanagloria que quizais estean medrando arredor da política e da economía do establishment. Agora e antes. Cos socialistas e nacionalistas de antonte e cos neocons do hoxe. Evidentemente, a cultura, a literatura, a arte e todo o que estas actividades conlevan xa non son só o produto de actitudes e de compromisos exclusivamente individuais senón tamén de programas e de estruturas estabrecidos por riba do que algunha vez foi o creador en si mesmo. Non sei se hoxe Meendiño podería cantar o seu amigo sen subvención da Xunta ou se a Rosalía lle sería posíbel denunciar a inxustiza de que algún galego vaia a Castilla de rosa e volva de negro. Ou se Celso Emilio podería volver a chamarlles “ananos” aos que nunca foron xigantes moralmente. Se cadra nin Curros podería volver a repetir algún verso da Virxe do Cristal e, quen o sabe, a Basilio Álvarez quizais volverían mandalo para Buenos Aires se Xesús Lence pedise o seu exilio, que sen dúbida ía pedilo.
Estes días ando lendo algo a Castelao. Propóñome viaxar á Bretaña para seguir de preto as súas cruces de pedra e sorpréndeme ler nos seus diarios unha certa incomprensión do artista rianxeiro cara o cubismo e outras manifestacións da arte nova do seu tempo. Castelao botou tres meses en París e a penas saiu do barrio Latino. A cidade da luz pareceulle un lugar no que el nunca podería vivir e ata chegou a escribir que “da vida de París… ¡non sei que decir! Se a civilización, se o propgreso pode traer tanta inmoralidade, eu prefiro que non chegue endexamais á nosa Terra”. Ata me alarma Castelao cando en 1921 escribiu no seu diario que “de verdade digo que se eu fose solteiro non podería casarme eiquí (en París) sen que a que fose miña muller se comprometese a usar unha “ceinture de chasteté”, aparato que por certo el debuxa moi detalladamente.
Conto este aspecto de Castelao porque ata os santos máis empoleirados da nosa cultura actual quizais deberían pasar a ITV dunha sociedade que pretenda andar ao día e dirixirse ao futuro sen complexos nin atrancos. E por iso penso tamén que algo de razón teñen os que me propoñen debater sobre o estado actual da cultura galega. A oficial e a do resto, se é que aínda queda a do resto.
Aquí están, polo tanto, estas páxinas abertas para que opinen todos os que queiran e como queiran, sen máis prexuízo co de gardar as regras dunha elemental convivencia e respecto ás persoas, ás cousas e ás institucións. Opinen, pois, os que queiran e o que queiran, pero eviten caer na inxuria e na calumnia. Non me obriguen a facer de censor improvisado, que algúns xa saben que sei facelo se é de menester.

35 comentarios:

Vai tropa que eles son dijo...

Pobre do que se saia do rego. Enseguida comezan os insultos mil, por suposto anónimos, nos blogs (nos que o consinten, que non é este), as exclusións das lecturas por regal decreto, o anatema ante a posibilidade de recibir calquera premio na Galicia dos cen mil galardóns, o rexeitamento dos críticos do sistema e así todo seguido. Pero que lles dean polo cú, dispensando.

Benedicto María dijo...

Hoxe Mendiño, Celso Emilio e os demais, poderían escribir o mesmo se quixeren, como escriben outros autores na actualidade, a situación e a mesma xa que a pesar dos cartos adicados pola institución autonómica a cultura, os autores non se benefician deles, quedando todo o groso da subvención en mans das editoriais que ben se ocupan elas de negociar directamente coa administarción, de xeito que ningúns cartos vaian para os autores, como sucede en outros paises, que financian directamente aos autores, con Becas de estancias, creditos, e subvención a proxectos.
Os autores obrigados a firmar uns contratos que lembran o tempo da servidume, non son defendidos por ningúen, nin pola AELG, adicada mais que a outra cousa ao protocolo. As editoriais co diñeiro público practican unha xestión que nada ten que ver cos intereses artísticos e si cos personais e privados intereses dos seus xestores.

Anónimo dijo...

Non todas as editoriais son iguais, nin todos os editores tampouco, hai diferencias. Hainos comprometidos e hai tabeiróns. Hainas que lle toman o pelo aos autores e hainas que son mais francas e mais profesionais. Convén distinguir.

Hildegart Canido dijo...

Unha das cuestións principais sería saber que papel cumpren hoxe os intelectuais e os artistas na sociedade galega. Son simples comparsas do poder cambiante ou erguen algunha vez a voz crítica que sempre é necesaria para avanzar? A min paréceme que a cultura galega está protagonizada de máis por intelectuais acomodaticios que viven pendientes do que lles pode caer da Corte (A Xunta) que doutra cousa. E logo existe toda unha cohorte de culturetas afuncionriados que constitúen un lastre moi pesado para que haxa unha cultura crítica e verdadeiramente progresista. Un escritor aquí non se limita a escribir os seus libros, bos, malos ou regulares, senón que sempre aspira a domiciliarse nalgunha ínsula ínsula barataria na que vivir o mellor posible. Pódense citar nomes e circunstancias.

Non é así dijo...

Non é certo, Benedicto María, que os autores non se beneficien do asunto. Non se beneficiarán da venda de libros, pero é que vender libros é o que menos importa en Galicia. O que importa aquí é recaudar directamente. Xa sexa mediante premios ou actividades pagas varias. Aí é onde está o pastel. Un pastel do que foi excluído Alfredo Conde desde hai máis de vinte anos. Ningúen se atrevería aquí a escribir ben de Alfredo ou menos aínda a premialo porque se convertiría nun apestado. Depois, por riba, está o sistema educativo, do que xa é mellor nin falar. ¿Cantas veces a crítica de ouro está nun despacho da mesma facultade na que a gran escritora ocupa o despacho do lado e a escritora prometedorísima e tamén premiada vai dando voltas polos dous?

Anónimo dijo...

Vexan con que ferocidade responden os monaguillos do sistema cando alfredo di cousas coma esta: atención aos comentarios.

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/08/suplementos/contexto/alfredo-conde-cuando-beiras-dio-sueldo-traidor-quise-meterle/2009060617344229006.html

Mellor que non dijo...

Facemos unha relación dos autores máis premiados da literatura galega destes anos? Mellor non, verdade?

chas, carraschás, do muíño dijo...

Concordo con Non é así. A nada que profundicedes no sistema literario galego, podedes apreciar que che son todos amijiños, como noutros paises, iso non é novo. O sorprendente é a procesión dos caladiños á que asistimos acotío onde case ninguén di nada cando a túa ferramenta de traballo, que é o máis sagrado, se ve atacada todos os días. Ah e non sei quen dixo hai pouco que moitos escritores deberían coidar a súa escrita e merece toda a razón, porque son moitos os que moita parrafada pero pouco coidado.

Sarmiento dijo...

Non sei se somos parvos ou nos facemos o parvo.
Os escritores/artistas non son distintos dos fontaneiros ou dos panadeiros. Son persoas e por tanto obedecen ás leis sociais.
En calquer sector de actividade hai lambecus, "paniaguados" ou como queiramos chamarlle. En calquer sector hai notables "inxustizas", e en todos os sectores hai unha falta de crítica.
Non sei porqué se espera que os escritores sexan distintos.
Máis que adicarnos a dicir xeneralidades sobre o comportamento das persoas que forman o sistema literario sería mellor dicir con nomes e apelidos os comportamentos dubidosos ou censurables.
Respecto da posibilidade de expresión, hoxe non hai problema en publicar calquera cousa, sobre todo en internet. Outra cousa é que recensionen a túa obra nos suplementos dos periódicos, aí xa hai que ter amigos ou ser un fenómeno, como pasou sempre, como pasa en Londres ou Paris.

M dijo...

A cultura galega que conta cuns medios e autonomía infimos, debido a dependencia política, conta desgraciadamente con todos os vicios e atrancos dunha cultura decadente.

É certo que o de menos é vender libros, o negocio está na marxe dos libros, pero hai que recoñecer, que os autores, certos autores, os que se prestan e ao tempo son elexidos, son os que se benefician do pastel, e quen decide son as editoriais en conxunción con persoas doutros ambitos.
Como vai a haber escritores, ou intelectuais críticos se aos que fan ao amago de comportarse así fulminanos inmediatamente!. Poden ir por libre, pero ningúen se vai enterar do que fan porque eses caciques da cultura lle poñen a sordina ou o desacreditan. O que hai monopolizano eles, e dende fai xa moito tempo é un negocio controlado, xerarquizado e viciado onde a critica pinta o que eles queiran que pinte.

A editorial por si mesma non é perigosa para a producción cultural nin para a crítica, o problema aparece cando se arriman editorial, universidade e outras institucións e forma un grupo de poder como ven acontecendo, entón si que aparecen eses fenómenos nocivos para a vida intelectual do pais e que atentan contra a cultura, pero que son presentados como feitos polo ben da cultura e por Galicia.

Por suposto que hai diferencias, como hai grupos distintos, non é o mesmo Xerais que Galaxia ou o Consorcio. Hai compromisos, clases e proxectos diferentes, hai diferentes xeitos de actuar, de ver o pais e de considerar aos autores.

Anónimo dijo...

Sarmiento, os fontaneiros e os panadeiros supoño que xa terán os seus foros para opinar sobre a súa situación, este fio abriuno don Perfecto para opinar sobre escritores, editores...supoño que por iso non seremos parvos?
E xa sabemos que en todas partes hai de todo, pero permitanos que opinemos o que nos pareza se non lle importa.
E para dar exemplo, de vostede nomes e apelidos se o considera necesario, pero non nos obligue aos demais a participar desa necesidade que ao mellor non compartimos.
Un saudo.

Anónimo dijo...

Facemos unha relación dos autores máis premiados da literatura galega destes anos? Mellor non, verdade?
mellor si, fagaa!

Anónimo dijo...

Vouna facer eu e disculpen os posibeis erros, porque non estou moi enteirado.
Asi a bote pronto soanme a min e a calquera como mais premiados/as:
Teresa Moure, Inma Loperz SIlva, que relacionandoas como alguén dicia antes entre despachos conectan con Dolores Vilavedra, todas na mesma facultade.

Anónimo dijo...

Jaureguizar gaña máis premios ca elas, penso eu. Danlle premios todos os anos.

Xaquín dijo...

Como a todos lle vai preocupando se comen ou non os escritores, eu falo de si lles "irían enriba ou non. Supoño que ó Mendiño o deixarían pasar, pero a Rosalía (nestes tempos) non lle deixan pasar de Ponferrada. O Celso Emilio e o Curros supoño que podían ter varias denuncias "por ser políticamente incorrectos" (e non só para a dereita!) e Castelao seguiría "nalgún sitio que non fose París" (ata os grandes homes poden dar pequenas vergonzas!).

Anónimo dijo...

Xa lle gustaría a jaureguizar, pero este autor non é dos elexidos polos deuses da cultura galega para triunfar.

Observador Compostelán dijo...

Non estabamos falando de triunfar, exactamente.

Anónimo dijo...

Poderíase ampliar o abano a outras manifestacións culturais.
Todolos traballos (e a producción
o cultural non deixa de ser un máis) están mediatizados por diversos factores. Quixera poñer como exemplo o eido da arquitectura para centrarme en 3 nivéis de intermediación:
1. política (ou máis ben das administracións públicas) mediante as adxudicacións directas ou concursos restrinxidos, ambalas dúas legais (lei de contratos do estado).
2. gremial, cando cunha falsa aparienza de "universalidade e libre concorrencia", os xurados compostos por arquitectos de recoñecido prestixio "quitan e poñen" gañadores.
3. empresarial, a máis esclarecedora dende o punto de vista social, sobre todo a orientada ao sector residencial, a máis visíbel e onde mellor podemos apreciar como se materializa a "formación cultural" dunha sociedade.

Estas liñas son só un intento de amplia-lo debate. Un ciudadán pode mercar un libro ou non, pode asistir a unha representación teatral ou non, pero nunca poderá abstraerse dunha construcción arquitectónica ou urbana.

"lendo" aquitectura, "comprensemos" a sociedade, as súas "élites?" e aos seus dirixentes públicos.

Lacombe Lucien dijo...

'Os vellos non deben de namorarse' de Castelao sempre me pareceu unha obra tremendamente reaccionaria.

Almiral Mouchez dijo...

Bos días a todos.

Vivimos nun tempo no que ás veces parece que todos nos estramos presentando a unhas eleccións e precisamos, para vivir tranquilos, da aprobación allea.

E iso é un erro, porque nos leva a esquecernos do que é substantivo, para estar máis pendentes da adxectivación que doutra cousa.

Parece que a realidade xa importa menos que o que se di dela.

(E dalgo diso tamén ten culpa, penso eu, a chamada ficción dixital...)

Anónimo dijo...

Concordo con Benedicto María. Os autores non teñen quen os defenda e son utilizados como productores de materia moi barata coa que algunhas editoriais extraen indirectamente moitos benecios e trafican con intereses. Ao autor con publicarlle xa ten bastante, xa pode quedar feliz e agradecido, unha pasadiña polo lombo e logo en canto de as costas a rirse del, que é o que fan, por "tonto util". Sendo o productor fundamental dos artigos culturais, non ve un can, porque as editoriais derivano todo exclusivamente para elas.
Tamén é certo que non hai asociacións que velen polos intereses dos autores, e cada día que pasa é mais necesaria unha defensa colectiva dos intereses dos autores, para firmar contratos dignos, para que percibiban parte do diñeiro das administracións adicadas a promoción cultural, para ter o apollo directo destas mesmas institucións e non depender de outras privadas que median e que so se adican a "putear" aos autores.

O Emir Desaforado dijo...

Mi madriña: cantísimo da de tirar este seu fío, don Perfeuto. Teño comprobado neste e tamén noutros blogs que a lingua, a cultura, a literatura e as parroquias de intelectuais son os temas que máis interese levantan en Galicia. Moito máis que o fútbol, as paparotas e o sexo intrépido. Témonos que felicitar, por tanto. Eso quer dicir que neste país hai moita xente estudiada, aínda que sexa de Letras. O que non acabo de entender moi ben é eso que xa teño lido unhas cantas veces do "sistema literario galego". ¿...? Eu nunca pasei do sistema métrico decimal, asi que si alguen ten a amabilidade de explicarmo, este Emir quedaríalle moi grato e contento. Si ademais me recomendan algunha obra recente dese sistema que consideren divertida (eu sónlles máis ben de Simenon, Forsyth, Greene e así), a miña gratitude sería xa eterna. Disimulen que me alargase tanto.

Anónimo dijo...

Que opinión lles merece a literatura de Suso de Toro?

Anónimo dijo...

Non sei, habería que abrir outro fio sobre autores, porque así é que non se pode meter todo, amais hai outro dos que tamén gostaria seguro saber a opinión. Centremos un pouco fio no entramado do negocio cultural.

Xaime dijo...

Para o contertulio Hildelgart Canido:
Non se me enfade pero poderíame explicar que é eso de unha cultura crítica e verdadeiramente progresista.
Ten moita coña que vostede fale deso no fío onde Castelao escrebe como un velliño do Rianxo do século XIX.
Saúdos

Angel Sanz dijo...

Hola que tal? Soy Angel Sanz, Te interesa poner anuncios de texto en tus blog.
Puedes ganar hasta 50 euros por cada blog o web.

Le rogamos nos remita los blogs , para poder revisarlos
Saludos cordiales.


Angel
tel : 691533734 // España +34

Puedes contactar por mesenger si quieres:

angelsanz.comercial@hotmail.com


Puedes contactar por facebook si quieres :

angelsanz.comercial@hotmail.com



Tambien tenemos un sistema de referidos , que ganas una comision mensual
por cada pagina o blog del usuario que traigas , la comision de referidos es de 10 hasta 50 euros mensual por pagina o blog.

Anónimo dijo...

Vaia prácticas comerciais, meterse no medio dunha conversa...

Anónimo dijo...

É ben certo, o mundiño editorial galego anda mesto de texemanexes, intereses e reintereses lonxe do compromiso literario que para eles sona a unha proposta doutro planeta. Nótase en falta que ao pais o acompañen novas inicativas editoriais, editores que se comprometan, que vivan a pasión literaria, porque hai autores que están instalados nela, que a vivan e acompañen aos escritores na súa travesia a via pública. Os editores galegos son demasiado vellos, demasiado raposos e están de volta demadiado de todo.

Hendrix dijo...

firmo o post anterior

Farto de tanto rollo dijo...

Anónimo, deches na liña de flotación. Non é que en Galiza non haxa bos escritores, é que ao mal chamado sistema lle falta compromiso literario. Esta mesma mañá vexo nun xornal unha entrevista cunha rapaza que gañou dous premios literarios no mesmo día, creo que un ano xusto despois de ter sido ela mesma a mantedora do acto de entrega, organizado pola mesma editorial que concede os galardóns. Di que o libro que lle cambiou a vida é unha novela policiaca, e cando por fin menciona os seus referentes galegos cita a Ferrín e a Agustín Fernández Paz. Esa rapaza, traballadora do consello da cultura, é, segundo os que a coñecen, unha gran rapaza. E certo que o parece. Alégrome por ela e polos seus premios, home non, pero a literatura ten que ser outra cousa se queremos que as nosas letras tiren do país. Ou que a xente non as tome de conha.

Morgan dijo...

Boténlle un ollo aos premios gañados polo Tosar: Esquío, Losada Diéguez, da Crítica Galega. Lean o fervor crítico que esperta. ¿Non lles cheira raro, raro que un poeta tan perverso provoque semellantes unanimidades ao seu favor? ¿El terá algo que ver co cargo "vitalicio" no Pen Clube que o chamado Che ostenta? ¿Quen pagou, por certo, a edición bilingüe dun seu libro en Visor? E seguindo, seguindo por este fío chegaremos a outros obxectivos non menos paveros.

Tres eran tres dijo...

¡Que teima con González Tosar! Poeta radical, señor Morgan. Lea o prólogo de Méndez Ferrín a "Estúrdiga materia" e aprenda un pouquiño, papaleisón.

Anónimo dijo...

Pois como siga así os premiados serán os únicos que lerán as obras. Están a queimar aos lectores, que ao final somos os que sufrimos o fraude e rematamos por non fiarnos de ninguén, nin dos premios nin das reseñas e non imos a probar de todo. Os editores comportanse como se os seus malos actos non tivesen repercusións, como si en cada espectativa defraudada non se queimasen lectores de galego, e o medio é escaso, e moi finito. Por riba do recoñecimento literario está sempre o persoal, o amiguismo, o negociete, os favores e así...nun par de xeracións non queda nin rastro. Ou puxamos por unha boa literatura, sendo capaces de recoñecela ou fundimos a literatura galega, esa é a verdade. Ou imos en serio ou isto acabase, cara onde imos endiosando mediocridades, premiando aburrimentos, facendolle a xenuflexión obrigada a autores que deciden arbitrariamente uns cantos que hai que rendirlles culto, actuando contra a minima obxectivación apreciativa. Os do negocio cultural queren que todos, ata os lectores se preguen a súa vontade, a súa alucinación de poder.

Noticias dijo...

Hola que tal, soy luis angel , Te interesa poner anuncios de texto en tus blog.
Puedes ganar hasta 50 euros por cada blog o web.

Le rogamos nos remita los blogs , para poder revisarlos y cualcular el nº de entradas aceptadas.
Saludos cordiales.


Luis angel
tel : 963237791 // España +34

Puedes contactar por mesenger si quieres:

luisangelbaguenarodriguez@hotmail.com


Puedes contactar por facebook si quieres :

pnclevante.comercial@yahoo.es



Tambien tenemos un sistema de referidos , que ganas una comision mensual
por cada pagina o blog del usuario que traigas , la comision de referidos es de 10 hasta 50 euros mensual por pagina o blog.

freefun0616 dijo...

酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店經紀,
酒店打工經紀,
制服酒店工作,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
專業酒店經紀,
合法酒店經紀,
酒店暑假打工,
酒店寒假打工,
酒店經紀人,
菲梵酒店經紀,
酒店經紀,
禮服酒店上班,
酒店小姐兼職,
便服酒店工作,
酒店打工經紀,
制服酒店經紀,
酒店經紀,

,