viernes, agosto 07, 2009

O médico imaxinario

Non para de chamarme a atención o caso do falso médico de Vimianzo ¿Cómo puido exercer a Medicina este señor, durante 22 anos, facendo mesmo substitucións do Sergas, sen que ningunha autoridade sanitaria ou simplemente administrativa se decatase ou non tomara medidas? ¿Por que o Colexio Médico da Coruña, tan preocupado polas cuestións de competencia como calquera outra entidade corporativa, non deu a coñecemento público deste caso ata agora?
Por outra banda, está o feito de que a Xan Fernández Garrido non se lle coñecen malas prácticas durante este longo periodo en que exerceu a Medicina de silveira. Todo o contrario, goza da mellor fama entre a clientela de doentes que atendeu dende a súa clínica. Está claro que el non é un simple menciñeiro ou, menos aínda, un falabarato de feira como o célebre Coté. No seu centro médico exercían outros galenos coa titulación administrativa obrigada ¿Qué era logo el? ¿Un chamán? Que se saiba, recetaba aspirinas, parancetamoles e ibuprofenos e non herbas nin cogomelos alucinóxenos.
Parece que só lle faltan algunhas asignaturas para rematar a carreira académica. Empezo a sospeitar que é un deses progres que deixaron de acreditar na titulitis que invadiu o mundo hai varias décadas e que tentou reducir os saberes ás diversas sortes de academicismos que se extenderon para maior gloria das ordes sucesivamente estabrecidas. O malo para el é que ninguén se vai molestar en averiguar se atendía os doentes mellor ou pior ca algúns apalermados que colgan títulos na súa consulta. Agora Garrido só vai ser unha deriva de Molière, o médico imaxinario, Le médecin imginaire, ou, pior aínda, Le malandrin imaginaire. E, por riba, do BNG. Pobre home, ten asegurados grandes espazos nas páxinas de sucesos de La Voz de Galicia.