jueves, agosto 06, 2009

Dous casos de médicos



Se fose obrigatorio reflexionar sobre historias de médicos, eu dubidaría sobre cal escoller. Se a dese médico das terras de Soneira que, segundo di o Colexio Médico da Coruña, levaba exercendo 22 anos sen a correspondente titulación, ou a dos dous médicos que exercían de oligarcas por terras cacereñas, durante aguerra civil, e mandaron pasear a cinco homes, entre eles o alcalde socialista de Talaveruela (Cáceres) e o seu axudante. O primeiro caso publícao hoxe La Voz de Galicia. O outro aparece nas páxinas, tamén de hoxe, de El País.
Xoán Ramón Fernández Garrido cubriu a baixa dun facultativo de Dumbría antes de montar en Vimianzo a clínica na que atendía os doentes, dende hai máis de dúas décadas, sen que o Colexio Médico nin ningunha institución gobernamental se percatase de que non posuía a titulación legal obrigatoria. Segundo parece, o seu caso foi denunciado agora porque apareceu o seu nome no cadro médico dunha aseguradora privada. Polo demais, dase a circunstancia de que Fernández Garrido, militante nacionalista, non só é moi estimado como persoa, entre os habitantes da zona onde vive e na que exercía, senón que tamén gozaba de excelente sona como “médico”. Mesmo hai quen di por aló que a súa situación debe resolverse para que poda seguir curando enfermos.
A historia de Cáceres é absolutamente máis tráxica. Trátase de dous médicos que exercían en Madrigal e Villanueva e que dirixían bandas de matachíns formadas por falanxistas e apoiadas por curas e caciques da bisbarra. Un día mandaron buscar a Anastasio Arroyo Gironda, que era socialista e alcalde de Talaveruela. Con el levaron tamén a Pedro González Hernández, axudante do alcalde e cantante de famenco, e a outras tres persoas que aínda hoxe non están identificadas. Leváronos a Madrigal de la Vera, onde Anastasio estivo varias horas atado ao enreixado da casa do médico e despois subíronos a un camión e conducíronos a un prado de Aguasfrías, onde lles fixeron cavar a súa propia fosa antes de asasinalos a tiros. O feito pasou á historia porque foi visto por uns cabreiros que andaban daquela pola zona, e agora está sendo investigado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e pola Asociación Nuestra Memoria.
Pensándoo ben, o caso que me emociona é o derradeiro.

2 comentarios:

Touceda dijo...

Unha proba máis de cal é o xornal que tmeos que ler. El País, indubidábelmente.

Xaquín dijo...

Curiosa administración, é casi paralítica pero denuncia a un profesional que está funcionando perfectamente. País!