martes, julio 31, 2007

Benigno López, Valedor do Pobo (castelán)


Pois si que empeza ben don Benigno! Como podería arrincar se tivera outro nome? Refírome a Benigno López González, flamante Valedor do Pobo. Do pobo que fala castelán debe ser, polo que nos vai dicindo nos xornais o ata hai pouco maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este home de soriso profidén vai camiño de converterse pronto no alto cargo público máis combustíbel que houbo en toda a autonomía galega.
Hai que recoñecerlle, porén, que don Benigno pertenece a ese tipo de personaxes que nos encantan aos xornalistas. Os que nos dan sempre un bo titular e a posibilidade de que escribindo ou falando sobre eles imos ter elevados índices de difusión. Que mellor podemos atopar para unha crónica rechamante que un xuíz que nos diga que pasa moito da xustiza? E haber hainos. Ou un famoso que proclama que está moi namorado da súa muller pero que non lle importaría partirlle a cara? Pois tamén os hai.
Salvando as distancias, é o que lle pasou a don Benigno –vaia nome tamén para un valedor do pobo que empeza metendo a pata– coas opinións que verteu –de verter, derramar, envorcar– na entrevista que lle concedeu a La Opinión e noutras declaracións que foron recollidas por La Voz de Galicia. Di don Benigno que a utilización do galego na Xustiza "se non se domina, pode ser perigosa", e que aos nenos "se se lles esixe uns niveis de materias como Matemáticas, Historia ou Literatura, o único que se estará logrando é que ese neno, ese mozo, logre adquirir unha animadversión fronte a un idioma". A ver, este home non foi elixido valedor do pobo mediante o apoio unánime dos tres grupos políticos do Parlamento? Quen chochea el ou os deputados do PP, PSOE e BNG?
Curiosamente, compañeiros seus da mexistratura definiron hai pouco a don Benigno como "unha persoa idónea para ocupar o cargo de valedor polo talante, habilidade e empeño na solución dos problemas". Coido que se expresaron mal. Se cadra quixeron dicir na creación de problemas porque, polo de agora, o único que fixo don Benigno foi crear un e ben gordo, mostrándose como un inimigo máis da normalización lingüística do galego, no pior dos casos, ou como un apoucadiño que non sabe moi ben do que fala. Agora terá que escoller el o que máis lle cumpra. Porque a CIG e A Mesa xa pediron a súa inmediata demisión. E os do BNG apoiar apoiárono de entrada, pero agora pagarían algo por non lle ter dado o voto. Supoño, ademais, que aos do PSOE o que lles cae non é a baba de alegría senón a cara de vergonza. Don Benigno, xa sabe, á próxima merenda só van invitalo os do PP. E que non sexan alcaldes porque con eles tamén foi pouco prudente o valedor do pobo (castelán). Dixo que hai que regular os salarios municipais, entre outras cousas, para que non creen alarma. E o seu salario, don Benito, que é o que crea? Sega así e avise por onde vai, para apartarme. Dame a min que vostede é dos que chocan contra todo o que se move.

4 comentarios:

SurOeste dijo...

Pois si, hoxe quedei estupefacta e mesmo agredida cando lin a entrevista na Voz. "Outra vaca no maínzo" pensei, e logo aínda quedei rosmando "¿onde os irán buscar?, porque parece que o demo llelos apara".

Anónimo dijo...

Estes políticos nosos o único que fan ben é poñerse un sobresoldo. No demais son uns incompetentes.

Anónimo dijo...

O tal Benigno é maligno e dañino. Un pailoroquiño máis deses que andan polo país pensando que só "hablando como es debido (en castellano cervantino, por supuesto)", pode un chegar "mu alto, mu alto, mu alto, (e non dubido que se dira asi mesmo), donde nunca yo hubiera pensado que podería llegar. ¿Eh?!!, ¿que me dicis? Valedor de la cosa esa, donde los gañanes siguen empeñados en hablar ese dialecto que los alinea de la realidade, no coma a mi". Probiño, nunca se viu il comendo quente.

Anónimo dijo...

quen é mais imbecil: Quen nomea ou quen é nomeado.